22 dic 2016

Gañadores do concurso das tarxetas de Nadal

O día 21 de decembro entregamos os premios aos gañadores do concurso de Tarxetas de Nadal que se realizou entre o alumnado de 1º da ESO.

O resultado tras as votacións foi o seguinte:

1º Premio:
Gabriel Macías, de 1º ESO B



 2º Premio:
Noa Fernández, de 1º ESO A



3º Premio:
Gael Fernández, de 1º ESO A



 Parabéns aos premiados e grazas a todos os participantes!




 

16 dic 2016

Tarxetas de Nadal

Un curso máis o alumnado de 1º ESO elaborou tarxetas de Nadal coas que dar os parabéns nestas festas e tamén para escribir nelas bos desexos para o vindeiro ano. Con elas adornamos o recibidor do instituto.

Tras a votación do xurado, os autores das mellores recibirán un agasallo que se lles entregará no festival de Nadal.

Velaquí as obras realizadas:







1 dic 2016

"Cousas" de Castelao por "Os Quinquilláns Teatro"

Hoxe o alumnado de 3º ESO asistiu á posta en escena da adaptación de Cousas (1926) de Castelao polo grupo Os Quinquilláns. Foi unha actividade organizada pola Concellalía e a Casa da Cultura de Barbadás  e a Editorial Galaxia. Recibiron ademais o agasallo do libro.

A representación gustounos  moito. Os Quinquilláns souberon unir en varios lances moitas das historias e dos personaxes de Cousas, aparecendo O Rifante, A marquesiña, O pai de Migueliño, a siña Sinforosa e moitos outros personaxes que deambulan por esta obra do xenial rianxeiro; como os namorados pillados en falta pola luz eléctrica da escoadra inglesa, os galegos que se atoparon nun porto estranxeiro, o sineiro Martín, o negriño que se afixo a ser galego e tivo morriña en Cuba, Bieito e o seu ichaviño agochado no monte e moitos outros.

A posta en escena e o decorado son espléndidos, o atrezzo moi coidado, e por suposto a soberbia actuación de Lucho Penabade e Tero Rodríguez (elenco e adaptadores da obra de Castelao) fan desta peza teatral unha opción moi recomendable para acercarse a Cousas e ao mundo de Castelao.

Velaquí algunhas fotos da representación e un vídeo da propia Editorial Galaxia:










Lucho Penabade e Tero Rodríguez


28 nov 2016

Xuntanzas de Clubs de Lectura

No Club de Lectura As catro esquinas do Quinto traballaron co grupo de 2º ESO na obra O faro escuro de María López Sández. Deste libro non só tiveron sesións no instituto, tamén realizaron unha estupenda xuntanza cos nosos compañeiros do club de lectura do IES XULIO PRIETO NESPEREIRA. Foi un almorzo divertido, con xogos, amigo invisible e debate. Algunhas das cuestións que se trataron foron: "Fixo ben Carolina deixando ao rapaz? É bo ou malo o fareiro?". 






Quedaron tan satisfeitos que están pensando repetir a experiencia.

23 nov 2016

Magosto 2016


Este ano o Magosto estivo pasado por auga. Durante a mañá caeron chuzos, unhas boas chaparradas, pero por sorte foi escampando e para o xantar aínda puidemos facer a fogueira, asar as castañas e comer uns chourizos. Foi o que nos deron mercando o boleto aos alumnos de 4ºESO, que están a xuntar cartos para a súa excursión de final de curso. Tamén houbo sobremesas!

Este ano convidamos o alumnado de 6º de primaria dos colexios adscritos ao noso instituto: O CEIP Filometa Dato e o CEIP O Ruxidoiro, ambos da Valenzá. Con esta xuntanza pretendemos que vaian coñecendo o centro que pronto será o seu, ademais de estreitar lazos entre o alumnado.

O ritual de tinxir a cara coa cinza da fogueira foi o inicio dunha serie de xogos tradicionais nos que todos participamos:
O xogo dos sacos:



O xogo da chave:

O xogo da ra:



Os tres en raia:


O xogo do pano:


Xogos de precisión:




Pasámolo moi ben!






Se queredes información sobre a orixe, refráns e costumes desta festa popular dos magostos,   premede aquí!

31 oct 2016

Gañadores do concurso do Samaín 2016

Coas tarxetas sobre o Samaín que realizou o alumnado de 1º ESO adornouse o recibidor do instituto. Velaquí o resultado:





Por suposto estas tarxetas participaron nun concurso e o xurado escolleu o día 28 as seguintes como premiadas:
O 1º premio foi para  Anxo Estévez, de 1º ESO A


Houbo un empate no 2º premio, que compartiron ex-aquo Paula Orbán, de 1º ESO B e Gael Fernández, de 1º ESO A.



 Tamén tivemos un concurso de cabazas e adornos de Samaín. Este ano a participación foi ben escasa, non sabemos o porqué.
Levou o 1º premio o neno aterrador de Paula Carrera, de 3º ESO A e o 2º premio o escenario que elaborou Rebeca López de 1º bacharelato.



A profe Amalia Fernández foi a gañadora no apartado do concurso de cabazas de profes e persoal non docente. Representaba un pequeno vampiro.



Grazas a todos os participantes e parabéns aos gañadores!

Paula, Gael e Anxo.     

Rebeca e Paula