1 dic 2016

"Cousas" de Castelao por "Os Quinquilláns Teatro"

Hoxe o alumnado de 3º ESO asistiu á posta en escena da adaptación de Cousas (1926) de Castelao polo grupo Os Quinquilláns. Foi unha actividade organizada pola Concellalía e a Casa da Cultura de Barbadás  e a Editorial Galaxia. Recibiron ademais o agasallo do libro.

A representación gustounos  moito. Os Quinquilláns souberon unir en varios lances moitas das historias e dos personaxes de Cousas, aparecendo O Rifante, A marquesiña, O pai de Migueliño, a siña Sinforosa e moitos outros personaxes que deambulan por esta obra do xenial rianxeiro; como os namorados pillados en falta pola luz eléctrica da escoadra inglesa, os galegos que se atoparon nun porto estranxeiro, o sineiro Martín, o negriño que se afixo a ser galego e tivo morriña en Cuba, Bieito e o seu ichaviño agochado no monte e moitos outros.

A posta en escena e o decorado son espléndidos, o atrezzo moi coidado, e por suposto a soberbia actuación de Lucho Penabade e Tero Rodríguez (elenco e adaptadores da obra de Castelao) fan desta peza teatral unha opción moi recomendable para acercarse a Cousas e ao mundo de Castelao.

Velaquí algunhas fotos da representación e un vídeo da propia Editorial Galaxia:










Lucho Penabade e Tero Rodríguez


2 comentarios:

  1. Tamén para nós foi un pracer compartir con vós a nosa visión de Cousas. Moitas grazas polos vosos comentarios e fotografías. Montar un espectáculo teatral require de moito esforzo, moitas ilusións, moitas enerxías e moitas inseguridades. A vosa estupenda valoración dá moita forza para seguir adiante! Unha aperta. OS QUINQUILLÁNS

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas a vós por presentarnos un espectáculo tan ben coidado e que demostra tanto amor pola nosa lingua. Grazas tamén por deixar aquí o voso comentario.
      Saúdos!

      Eliminar

Queremos saber a túa opinión.