28 abr 2017

Tertulia literaria: El desorden que dejas, de Carlos Montero



A tertulia literaria sobre o libro en castelán versou este curso sobre a novela de Carlos Montero, El desorden que dejas, galardonado co Premio Primavera de novela 2016.
Os profes tivemos varias sesións preparatorias e tamén cos alumnos e alumnas de 1º bacharelato que se apuntaron a esta actividade voluntaria.




A nosa tertulia con alumnado doutros institutos foi o día 26 de abril na aula cultural do Liceo de Ourense.





O debate foi intenso, pois os temas desta novela negra foron moi do gusto destes bos lectores:  o acoso a través das redes sociais, os adolescentes e as drogas; a sexualidade, o amor, as relacións de amizade... e unha intriga de fondo: por qué se suicidou a profesora Viruca? Foi suicidio ou asasinato? Por que amezan a Raquel, a profesora substituta? É Novariz un prototipo de vila galega?

Xurdiron un montón de preguntas e dúbidas. Houbo tamén desacordos, a algúns o final parecíalles precipitado, ou certas descricións demasiado descarnadas... De todo houbo para debater. En definitiva, a novela enganchounos, mesmo a leron compulsivamente.





O día 27 tivemos o gusto de xuntarnos co propio autor, Carlos Montero, no salón nobre do Liceo. E os propios estudantes puideron facerlle moitas preguntas, expor dúbidas, presentar algunha crítica ou intercambiar impresións.







23 abr 2017

Día do Libro 2017

Xa hai varios anos que no instituto celebramos esta efeméride cun intercambio de libros entre toda a comunidade escolar: Os LIBROS LIBRES. Consiste en levar un libro dos que están expostos (aportados polo Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) sempre que se deixe a cambio outro que un ceda, para que poida ser seleccionado por outra persoa.






Outra actividade que realizou o Club de Lectura é a exposición no recibidor do centro de libros especiais, libros xoia, algúns  desplegables.










Ademais o alumnado pode participar nun sorteo que ten como premio un libro electrónico. Os alumnos e alumnas só deben seleccionar do taboleiro a frase que máis lles guste das expostas dun libro da literatura española e depositala na urna disposta en conserxería. Para celebrar o Día da Letras Galegas haberá outras frases de obras en galego. Terán así dúas oportunidades para lograr o premio no sorteo.





Finalmente, péchase a celebración do Día do Libro solicitando a cesión dos antigos libros de lectura obrigatoria para incorporalos a un banco de libros para outros compañeiros/as. Por dita xenerosidade recibirán un pequeno agasallo.


6 abr 2017

Artistas plásticos

     Moitos dos nosos alumnos e alumnas teñen vocación de artistas plásticos. Despois dos murais de pinturas prehistóricas que fixeron os de 1º da ESO, estamos á espera de mostrarvos as preciosas portadas que para os relatos de Vento ferido, de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017,  fixeron os alumnos/as de 4º ESO.
E por último, un curso máis, quedamos gratamente sorprendidos coa exposición de obras realizadas polo alumnado de 4º ESO (bodegóns) e 1º Bacharelato, e que se adoitan expoñer no vestíbulo do centro.
Fixádevos: