26 ene 2018

Visita ao Pergamiño Vindel

Pergamiño Vindel

Estando en Galicia exposto o Pergamiño Vindel (finais do séc. XIII), non podiamos deixar de ir visitalo. É a primeira vez que sae da cidade de Nova York, onde está desde hai corenta anos na Morgan Library & Museum. Este pergamiño, descuberto polo libreiro Pedro Vindel en 1914 na súa librería, era o forro dun exemplar do libro De officiis de Cicerón, do séc. XIV con encadernación do séc. XVIII. Está exposto ata o 4 de marzo no Museo do Mar (Vigo). 
A visita á exposición foi unha actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e o EDLG para o alumnado de 1º bacharelato. A guía explicounos moitas cousas sobre este pergamiño en pel de vaca que contén sete Cantigas de Amigo do poeta Martín Códax. Como por exemplo, que ten tres inxertos de pel, que o pentagrama está en clave de DO, e que foron dous os amanuenses que copiaron as cantigas. Tamén que deixaban unhas marquiñas ao lado das letras capitulares para que os ilustradores souberan se as debían pintar en vermello ou azul.






Por suposto, tamén visitamos as distintas salas do Museo do Mar e o acuario.













O outro lugar que visitamos foi o Museo-Pazo Quiñones de León, no parque de Castrelos, tamén en Vigo. É un pazo moi fermoso, con mobiliario antigo, pinacoteca e dúas salas de arqueoloxía castrexa e romana. Os xardíns son excepcionais e merecen unha visita relaxada.









Fusaiola






Despois de xantar, e antes de regresar a Ourense, fixemos varias fotos ante a escultura de Xulio Verne que hai fronte ao Real Club Náutico.




Foi unha xornada espléndida e divertida!





19 ene 2018

Cea literaria do Club de Lectura de profes



Ao final non foi en decembro, senón neste mes de xaneiro, a cea literaria do club de lectura de profes As catro esquinas do Quinto. Dúas eran as obras seleccionadas: Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira; e Babilonia, de Yasmina Reza.


O libro da galega é un conxunto de relatos curtos, microrrelatos e aforismos que nos fan reflexionar sobre aspectos da vida e da creación literaria; pensamentos, flashs... que coma un lóstrego nos pasan pola cabeza ante situacións moi variadas. Velaquí a mostra dun microrrelato moi aprezado: 

Emma Pedreira: Bibliópatas e fobólogos.

A novela de Yasmina Reza provocou división de opinións. A esta que vos fala gustoulle bastante. Segundo ía lendo vía reflectida esa mentalidade que identificamos como da burguesía francesa, as visións e opinións tan sesgadas dos personaxes sobre as vidas dos demais, dos veciños, dos que os rodean, os contrastes entre elas. E de súpeto... aparece ese comportamento tan irracional que fai rebentar todo. Algunhas compañeiras do club opinaban que por iso semellaban dúas novelas nunha: unha seria, a das reflexións, e outra de comedia. 


As proximas lecturas volven ser dúas obras moi diferentes, e as dúas premiadas:

Nordeste, de Daniel Asorey, Premio de Narrativa Breve Repsol 2016.


 

A outra é Ya no quedan junglas adonde regresar, de Carlos  Augusto Casas. Foi a obra gañadora do VI Premio Wilkie Collins de Novela Negra  e nominada ao Premio “Pata Negra” como mellor novela do ano 2017.

 

15 ene 2018

Concurso de caretas de Entroido



CONCURSO DE
CARETAS
DE ENTROIDO

Para 1º e 2º da ESO

Data límite de entrega: 
Venres, 2 de febreiro. 


HABERÁ 3 PREMIOS.

A entrega dos premios será o día 9 de febreiro
no 2º recreo.