30 abr 2019

Tertulia literaria


Os días 24 e 25 de abril tivemos as tertulias literarias de galego que organiza cos institutos de Ourense e de varios da provincia a Concellalía de Educación e Cultura do concello de Ourense.

Nesta ocasión a obra que nos reuniu foi Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales.



Previamente fixemos algunhas reunións para ir comentando aspectos da obra, tales como as actitudes e comportamentos das catro protagonistas: Marina, Carmela, Viviana e Sara.
Tivemos mesmo un xantar de convivencia no instituto para falar da obra e ultimar detalles.




O noso centro foi o encargado de abrir a tertulia do grupo, no que estaban tamén o IES Otero Pedrayo, IES Universidade Laboral e IES O Couto, e fixémolo cun breve vídeo de presentación que fixeron tres alumnas e un alumno de 1º bacharelato, en representación dos doce que participaban desta grata actividade voluntaria.




  No debate que se orixinou saíron temas como a dependencia emocional, a presión nas mulleres pola maternidade, o amor e protección a un fillo por encima da propia necesidade de velo ou estar con el; a violencia no fogar; o caso da violación de Ali (Viviana) e a incomprensible actitude e silencio da súa nai; tamén o baleiro existencial, a sensación de confusión e desorientación de Sara. E por riba de todo, a incomunicación que leva ás protagonistas a falar cos seus receptores a través de contestadores automáticos para informalos de todo o que lles pasara ou pasaba e do que non se atrevían a facelo cara a cara. De todo falamos nós a viva voz.


Álex, Diana, Lucía, Génesis, Laura e Andrea

Elba, Antía, Alesandra, Alba e Laura.










Ao día seguinte, tivemos a ocasión de reunirnos coa autora no salón nobre do Liceo para que ela nos falara da obra e aclarara calquera cuestión que lle quixeramos propoñer. Foi un faladoiro moi interesante e ao final asinou a novela a quen llo solicitou.


Elba, Laura N. e Laura G.













Vémonos o curso que vén con novas obras!