30 may 2019

Creando igualdade ofrecemos o mellor de nós (II)

Lembrade que desde o mes pasado está exposta na Casa da Cultura de A Valenzá unha exposición  sobre a Igualdade  que realizou o alumnado do noso instituto. Podedes recordala premendo aquí.

Déixovos máis fotos onde se aprecia como alumnas de distintos niveis da ESO do noso centro fan as explicacións e serven de guías ao alumnado de 6º de primaria dos CEIP Filomena Dato e CEIP O Ruxidoiro de Barbadás, ámbolos dous centros adscritos ao noso IES.

Tamén podedes ver un pequeno vídeo:
















Na inauguración houbo ata música!







29 may 2019

A lingua das Bolboretas



Os alumnos e alumnas do Club de Lectura (1º bacharelato) e algúns máis de 4º ESO implicáronse na xornada de celebración do 20º aniversario da estrea da película A lingua das bolboretas, do director José Luís Cuerda, filme que colle o título dun dos relatos que compoñen a obra Que me queres, amor? de Manuel Rivas.

Desde o IES Allariz organizaron e coordinaron un roteiro do filme con  varios IES de Ourense e provincia (IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia;  IES Carlos Casares, de Viana do Bolo; IEs Aquis Querquernis de Bande; IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova e os IES Universidade Laboral, Xesús Ferro CouseloBlanco Amor de Ourense capital) para conmemorar esta data e honrar ao escritor, que ía vir o día 28 de maio á vila de Allariz con motivo da efémeride  da gravación da película na vila.




O alumnado dos centros participantes elaborou e representou diferentes escenas vinculadas coa película en puntos significativos de Allariz, por seren anteriormente lugares elixidos para a rodaxe.


O noso alumnado, aproveitando as súas dotes artísticas, elaborou dous carteis como proposta de nova carátula para a película. Por outra banda, para que a presentación destas obras fora máis dinámica, e en prol de traballar a competencia lingüística (tanto oral como escrita) na lingua galega, elaboraron un pequeno guión, titulado "Carátula e Bolboreta". Neste guión situábase a escena nun suposto programa de televisión no que o público (asistentes ao roteiro) decidía que cartel merecía ser a carátula da película, logo dunha previa defensa por parte de cada unha das diseñadoras na que facían alusión ao contido da película reflictido nas imaxes. Por último, estaban como convidados especiais o mestre Don Gregorio e mais Pardal, quen tamén daban a súa propia visión da película a través destes debuxos.




Pablo García, Don Gregorio

Álex, Pablo, Elba, Génesis e Luísa

Don Gregorio (Pablo García) e Pardal (Elba Núñez)







Manuel Rivas
Pola tarde visitamos o certame dos Xardíns de Allariz, este ano dedicados ao cine. Alí o IES de Allariz fixo un xardín fóra de concurso representando a escola de A lingua das Bolboretas, destacando os pupitres, a pizarra e como parede lousas co nome de cen mestres represaliados pola dictadura franquista.


















 A continuación escoitamos unha entrevista realizada a Manuel Rivas para rematar a xornada coa sinatura do libro Que me queres, amor?







24 may 2019

Creando Igualdade ofrecemos o mellor de nós



O noso instituto, a través do departamento de Historia, o departamento de Orientación e Vicedirección, e en colaboración coa concellaría de Cultura, Mocidade e Igualdade do Concello de Barbadás, e os centros de primaria adscritos ao noso centro (o CEIP Filomena Dato e o CEIP O Ruxidoiro), organizou unha actividade entre centros chamada Creando Igualdade ofrecemos o mellor de nós.  

Consistía en tres apartados. Por un lado, un concurso de fotografía onde se constatase a igualdade entre homes e mulleres en actividades cotiás. Nel participaron os tres centros escolares. Despois o noso instituto preparou unha exposición de fotografías sobre o patrimonio inmaterial aportadas polo noso alumnado e cun pé de foto redactado polos propios alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO (aquí tamén participou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, EDLG). Levamos parte deste material á dita exposición, seleccionando aqueles traballos que tratasen ou resaltasen o labor ou participación das mulleres nas actividades descritas. Finalmente había murais que realizaron alumnos de 3º ESO sobre mulleres científicas. Con todo isto montouse unha exposición que se inaugurou o día tres de maio nunha sala de exposicións na Casa da Cultura da Valenzá (Barbadás).

Non contentos con isto, o departamento de Historia levou a alumnas voluntarias de ESO dos distintos cursos para que fixeran de guías da exposición para o alumnado de 6º de primaria dos centros mencionados, practicando deste modo tamén a oratoria en galego. A experiencia foi moi enriquecedora.


As alumnas-guía, co profesor Xosé Lois Gómez, preparando a súa participación





As alumnas-guía preparando a súa participación


Deixamos aquí algunhas das fotos do Patrimonio inmaterial. No instituto expuxemos  moitas outras que xa non son específicas en relación coa Igualdade e das que daremos conta noutra entrada, pois fixemos un concurso con elas.