24 nov 2015

"Desexa un bo Nadal en Galego"



Concurso de tarxetas de Nadal

Haberá dúas modalidades:

1ª MODALIDADE: Podedes utilizar as técnicas habituais: collages, carbonciño, montaxes...
  • Os traballos entegaranse a calquera profesor/-a de Lingua Galega ou do EDL.
  • Serán expostos na entrada do Instituto.
2ª MODALIDADE: Tamén podedes facer tarxetas dicitais (JPG, PNG...) ou presentacións con Power Point.
  • Os traballos enviaranse a profelinguagalega@gmail.com
  • As mellores subiranse a este blog e a tarxeta gañadora utilizarase de felicitación institucional do IES Xesús Ferro Couselo.
(Tedes un titorial de como crear tarxetas con Libreoffice impress a continuación)

O Xurado:
  • Estará integrado por profesores, persoal non docente e alumnado non participante no concurso. Emitirá o seu voto depositando un papeliño na urna preparada para tal fin.
  • Poderá declarar desertos os premios no caso de considerar que non reúnan a calidade necesaria.
O prazo de presentación rematará o 11 de decembro.

Haberá tres premios
                    1º premio: camiseta, libro e material escolar.
                    2º premio: libro e material escolar.
                    3º premio: material escolar.

O fallo do xurado darase a coñecer durante o Festival de Nadal, día que tamén se fará a entrega de premios.


ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!
Titorial elaborado por: Paloma Losada Romero:

17 nov 2015

Magosto 2015

O luns día 16 deste mes de santos celebramos pola tarde no instituto a festa do magosto. Encargáronse de organizala o alumnado de 4ºESO e a ANPA. Os primeiros venderon entradas para sacar uns cartiños para a súa excursión de final de curso. Estes tickets daban dereito a unha comilota de bolo preñado, bebida e sobremesa a base de deliciosas bicas e roscóns. E abofé que non faltaron as castañas asadas!
Das viandas encargouse a ANPA. A todos eles lles damos as grazas pola súa dedicación e interese. Todo saíu perfecto!

Ademais houbo tempo de participar en xogos populares: carreiras de sacos, saltar a corda, o xogo da cadeira, o brilé, o xogo do pano e, por suposto, partido de fútbol.

Vede nestas fotos o ben que o pasamos!

Preparando o lume:





Reparto dos petiscos:



A comer!!!

E os xogos:
Carreira de sacos.





Saltando a corda:


O Xogo das cadeiras:


Foi unha tarde de divertida confraternización entre alumnado, nais e pais e profesorado.

Grazas a todos por participar!

Se queres saber máis cousas dos magostos preme aquí.

31 oct 2015

Samaín 2015


Pois al final houbo unha boa participación no concurso de cabazas e adornos terroríficos. Velaquí a foto de como adornamos a entrada do noso instituto cos traballos presentados a concurso.


Feitas as votacións,  os resultados foron os seguintes:

1º premio:
Paula Carrera, de 2ºESO A




2º premio:
Paula Dorado e Zaira Rodríguez, de 1º ESO




3º premio:
Rebeca López, de 4º ESO


Todos os premiados:


 Premio na categoría "profesorado". O gañador foi D. Javier Mosteyrín.




Expectación no centro ante as cabazas dos concursantes:



Outras cabazas participantes:








Parabéns a todos os gañadores e participantes! 

E se queredes coñecer algo máis sobre a orixe desta festa, premede no seguinte enlace: A festa do Samaín

25 oct 2015

Concurso de cabazas e obxectos de decoración para Samaín

CONCURSO CABAZAS E OBXECTOS DE DECORACIÓN PARA SAMAÍN
Para alumnado e profesorado.
Data límite de entrega:
28 de outubro.
Haberá tres premios para o alumnado
e un para o profesorado:
material escolar e
obxectos de Samaín.
Exporanse no recibidor do centro todas as cabazas  e os mellores obxectos de decoración participantes.
Poranse no blog os traballos premiados.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR

24 abr 2015

II Tertulia Literaria 2015: "Matarte lentamente"



O día 21 de abril alumnado do noso instituto participou na tertulia literaria sobre a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras. A variedade de temas que toca a novela deu para un debate moi animado e interesante: a desesperación que leva a unha persoa a facer de mula transportando drogas, a desesperación dos afectados pola compra das preferentes, as enfermidades raras que levan a un pai a cometer un crime, o aborto nunha adolescente... De todo falamos polo miúdo.

O día 23 foi o propio autor quen se achegou ata o Liceo de Ourense para nos vir falar da obra, e de paso celebramos con el o Día Do Libro. Todas aquelas cuestións que provocaran dúbidas ou curiosidade na nosa tertulia foron aclaradas por Diego Ameixeiras, a quen, de paso, felicitamos polo seu recentísimo premio Antón Losada Diéguez de narrativa pola última obra, Conduce rápido.






Diego Ameixeiras








9 feb 2015

I Tertulia literaria do ano 2015

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato apuntouse este curso a unhas novas xornadas das Tertulias Literarias organizadas pola concellaría de Educación do Concello de Ourense. Xa sabedes que o profesorado participante elixe un libro en castelán e outro en galego, e concorren os Institutos da provincia que o desexen. Nós xa levamos moitos anos ofertando esta actividade aos nosos alumnos con magníficos resultados, sempre orientada aos niveis de 4ºESO e 1º BAC. 

O día 3 de febreiro tivemos a tertulia do libro en castelán. Tratábase de Lo que esconde tu nombre, de Clara Sánchez. Durante varias sesións previas falamos cos nosos alumnos da obra, eles ían vertendo as súas opinións e dúbidas. O tema de fondo (nazis refuxiados en España) interesoulles moito e relacionárono cos grupos neonazis que existen na actualidade. Tamén as relacións familiares e a personalidade dos protagonistas, Sandra e Julián, tan diferentes e, sen embargo, próximos na necesidade de saber.


Compartimos tertulia no Liceo co alumnado dos IES de Allariz e de Xinzo de Limia. Foi, como non, unha moi boa experiencia.

Aquí vos deixo algunhas fotos dese día. 








A próxima tertulia será en abril co libro en galego. O elexido é Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras. Animádevos a participar!