21 dic 2019

Nadal 2019: concurso de tarxetas e festival





No mes de Nadal sempre adoitamos adornar o vestíbulo e corredores do instituto. O equipo da biblioteca montou unha arboriña orixinal, neste caso con tomos de dicionarios e enciclopedias, compendio do saber. Despois, o alumnado de clase de relixión fixo estrelas de papel con peticións, desexos ou reflexións sobre o que significa o Nadal para eles. Finalmente, houbo o tradicional concurso de tarxetas de Nadal para o alumnado de 1º ESO e o festival.








Os premiados no concurso de tarxetas foron:

1º premio para a tarxeta de María Quintas  Fernández, de 1º ESO B.






2º premio para   Álex Núñez Crespo, de 1º ESO C





3º Premio para Nicolás Montero Rodríguez, de 1º ESO C.




Parabéns aos gañadores e tamén para todos os que participaron!

María e Nicolás

Álex e Nicolás


No festival de Nadal, que celebramos o día 20, houbo moitas actuacións musicais, con bailes e coreografías. Deixamos aquí unha pequena mostra.


12 dic 2019

Patrimonio Inmaterial


O curso pasado o departamento de Xeografía e Historia  organizou un concurso entre o alumnado de 1º ESO para que rescatasen  imaxes familiares que reflectisen aspectos do noso patrimonio inmaterial, centrándose sobre todo en imaxes anteriores a 1970.  As fotos recollían escenas da vida cotiá en vilas e aldeas, tarefas agrícolas ou festas familiares. 

O éxito foi incrible e mesmo veu un xornalista de La Región entrevistar aos rapaces, sendo premiados os mellores nun concurso organizado polo EDLG.
Podedes ver todo neste enlace:

https://laboresvarios.blogspot.com/2019/06/premios-do-concurso-de-fotografias.html


Velaquí algúns dos participantes este curso:








Estamos moi orgullosos do interese deste alumnos e  alumnas por coñecer máis da vida dos seus devanceiros!

2 dic 2019

Maquetas do sistema solar





Por segundo curso, os alumnos e alumnas de 1º ESO realizaron na materia de Bioloxía e Xeoloxía maquetas do sistema solar, engadindo algunha información sobre os corpos celestes.














28 nov 2019

Erasmus Plus



O instituto este curso embarcouse nun programa emocionante, unha aventura que ata o da agora foi moi satisfactoria e frutífera: o programa Erasmus Plus. Os nosos socios son centros que pertencen a Ziebice (Polonia) e Aydin (Turquía).

En novembro viñeron visitarnos profesorado e alumnado de ambos países. Os alumnos e alumnas instaláronse con familias do noso alumnado. Houbo un montón de actividades que desde vicedirección e un equipo de traballo organizaron. O tema é a loita contra o acoso escolar co lema Adeus bullying, ola amigo.

Houbo recepcións nos concellos de Barbadás e de Ourense, saídas culturais (a Santiago de Compostela, ao Museo da Gaita...), xornadas gastronómicas (no IES  de Vilamarín), celebramos xuntos o magosto; fixemos a gravación conxunta dun Lip Dub contra o acoso escolar e un festival onde compartimos música galega, algo moi emotivo, pois tocaron conxuntamente cancións galegas profesorado e alumnado visitante e propio.








Velaquí un breve vídeo con algunhas desas cancións que compartiron con nós os visitantes.


Na semana do 3 ao 9 de febreiro seremos nós quen acudamos ao instituto de Ziebice en Polonia para vivir esa experiencia. Será unha inesquecible vivencia tanto para o profesorado como para o alumnado asistente.

26 nov 2019

O magosto

Este ano celebramos o magosto moi ben acompañados. Á xa tradicional xuntaza co alumnado de 6º de primaria dos centros adscritos CEIP Filomena Dato e CEIP O Ruxidoiro, ese curso engadimos o profesorado e alumnado que recibimos do intercambio de  Erasmus Plus de Turquía e Polonia.
A ANPA, coma sempre, engargouse do xantar e organizáronse xogos tradicionais, concursos de sobremesas, castañas asadas, etc.



25 nov 2019

Día contra a violencia de xénero

Este curso o noso IES celebrou con varias actividades o Día contra a violencia de xénero. Unhas foron preparadas pola ANPA e vicedirección e tamén en colaboración co Equipo da biblioteca e o EDLG.

En primeiro lugar montamos un escenario para facernos fotos cunhas lentes moradas e escribimos nun álbum de fotos lemas e desexos para acabar con esta lacra. Despois pegamos nel as fotografías.


Tamén houbo un concurso de relatos ou cancións  para a defensa da igualdade de xénero. Os premios foron camisetas seriegrafiadas con lemas e debuxos que xa fixeran o curso anterior; tamén uns bonos para que mercasen o que quixesen.







Os premiados foron alumnos e alumnas de 1º bacharelato: 
1º premio para Hugo Núñez  e Sara González.


   2º premio: Antía López  e Lara Rodríguez.



         3º premio: Patricia Rivera e Uxía Valencia.





Houbo tamén obradoiros para as familias  e para o alumnado dentro do programa Equality 3.0: Mirarnos con gafas violetas, Internet e as novas tecnoloxías e educación afectivo-sexual.


A ANPA encargou un  graffiti de 2x2m. para adornar un dos muros do recinto con lemas de respecto e igualdade. Quedou precioso!