13 feb 2012

PERSONAXES DO ENTROIDO GALEGO


O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo. Coincide co período inmediatamente anterior á Coresma (tempo de xaxún de 40 días anteriores á Pascua conforme o calendario cristián).
A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo", neste caso da primavera, do rexurdimento da vexetación. O cristianismo adaptou esta celebración convertíndoa en parte do ciclo litúrxico cristián, como “carnestolendas“ ou despido honroso das carnes ante o comezo da coresma. 
Unha variante dialectal da palabra é antroido.

PERSONAXES


O CIGARRÓN 
É o personaxe característico do entroido de Verín (Ourense) 
Cigarrón de Verín
A máscara vai coa cabeza cuberta con carauta de madeira pintada de cores rechamantes, que se prolonga nunha especie de mitra de metal cun motivo zodárico (león, lobo, boi). Detrás leva unha pelica de can, noutro tempo de gato montés, raposo ou lobo. Desta pelica venlle o nome de peliqueiro que se lle dá en Laza. 

O traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaquetiña curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobre os ombreiros unha panoleta despurundada á chaqueta. 

Unha gran faixa vermella enrolada á cintura suxeita o pantalón, quizais a parte máis traballosa do traxe. Enriba da faixa vai o cinto do que colgan as chocas. As pernas do cigarrón van cubertas con medias brancas e ligas. 

Zapatos mouros e un mallo na man completan o atuendo deste personaxe típico do entroido de Verín.


O PELIQUEIRO

Chámase peliqueiro (ou piliqueiro) a máscara característica do entroido de Laza (Ourense) 
A máscara vai coa cabeza cuberta con carauta de madeira pintada de cores rechamantes, que se prolonga nunha especie de mitra de metal cun motivo zodárico (león, lobo, boi). Detrás leva unha pelica de can, noutro tempo de gato montés, raposo ou lobo. Desta pelica venlle o nome de peliqueiro que se lle dá en Laza. 

O traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaquetiña curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobre os ombreiros vai un pano despurundado á chaqueta. 

Unha gran faixa vermella envolta á cintura suxeita o pantalón, quizais a parte máis traballosa do traxe. Enriba da faixa vai o cinto do que colgan as chocas. As pernas do peliqueiro van cubertas con medias brancas e ligas. Zapatos mouros e un mallo na man completan o atuendo deste personaxe típico do entroido de Laza.

Peliqueiro, Laza (Ourense)















OS FELOS
É o personaxe típico de Maceda (Ourense). A máscara e o traxe son moi semellantes aos de peliqueiros e cigarróns, pero cambian as medias, que nos felos son negras. Os animais das máscaras tamén son máis orixinais, mesmo pode levan outro tipo de debuxos, como soles ou caras.


Felos de Maceda (Ourense)



A PANTALLA

É o personaxe típico do entroido de Xinzo de Limia (Ourense). Descoñécese a súa orixe, pero crese que se remite á Idade Media. 
A máscara ten dúas partes: o cucurucho e a carauta. O cucurucho faise cun molde especial e vai unido á parte correspondente da cara. É de cartón groso e de cor branca ou amarela. A carauta faise cun chapeu de feltro. A á deste chapeu, ao recortala, tamén se emprega para facer a forma do nariz, das cellas e unhas orellas que van pegadas á máscara. O feltro moldéase con papel pegado e engrudo e déixase secar para que quede duro e así poder darlle varias mans de pintura. As cores que leva a máscara son sempre as mesmas: rosa para a cara, e negro e vermello para o resto. No cucurucho hai máis liberdade creativa. 

O traxe que leva a pantalla: camiseta e calzóns brancos; no van, por riba, levan unha faixa de cor vermella; a capa é vermella, negra ou branca e rebeterada de flocos ou mesmo fitas, agasallo de amigas. As polainas son vermellas e cobren os zapatos. Os cintos son de coiro e levan pendurados axóuxeres e campaíñas ou cinzarras con tres fileiras dispostas paralelamente ao seu redor. 

As pantallas levan unas vexigas de becerro ou becerra nas mans, que golpean e producen estrondo ao seu paso, facendo soar de paso os axóuxeres. Cando atopan a un coñecido méteno no bar más próximo para que lles pague un viño.

Pantallas de Xinzo de Limia (Ourense)



O BOTEIRO

É o personaxe máis popular do entroido tanto de Vilariño de Conso como de Viana (Ourense).


A máscara que leva está feita de madeira de bidueiro, pintada de negro e o bico vermello. Leva unha camisa bordada con infinidade de anacos de fitas de cores formando distintas figuras xeométricas (dá traballo a dúas mulleres durante 25 días o facer a camisa). O pantalón, xeralmente encarnado, con flecos nos laterais. Sobre o cinto leva as esquilas, campaíñas do gando que ao moverse producen un tintineo. Tamén leva un báculo, símbolo do poder, xeralmente con debuxos helicoidais, e no remate ponse a cola da raposa. 

Boteiro de Vilariño de Conso (Ourense)




Boteirode Viana (Ourense)














Boteiro de Vilariño de Conso (Ourense)














OS VERGALLEIROS

É o personaxe de Sarreaus, na Limia (Ourense). O disfrace ten relación coa pantalla de Xinzo, pero a máscara é moi diferente, sobre todo o cucurucho, onde pintan un boi ou outro animal (ao estilo dos cigarróns). Traxe: levan camiseta branca e chaleque negro, e os calzóns brancos están atravesados de fitas de cores; nas mans non levan vexigas inchadas senón vergallos cos que espantan á xente polos camiños.

Vergalleiros de Sarreaus (Ourense)



MÁSCARA DE MANZANEDA (OURENSE) 

A máscara típica desta vila destaca sobre o resto de personaxes do folión. Así loce unha armazón na cabeza de estrutura cónica e alongada que vai adornada con fitas e papeis de cores. Amárrase á cabeza coa axuda dun pano. A máscara cobre a cara cunha careta corrente que hoxe son de material plástico pero que anos atrás eran de cartón e de fabricación caseira. Este personaxe vístese con camisa e pantalón brancos. Sobre a camisa leva unha mantilla española que a cobre e que se cruza no peito. Lazos e puntillas adornan o pantalón. Dos ombros colgan fitas de cores e a vestimenta compleméntase cun caxato que vai revestido de fitas de cores así como de papeis multicolores. Un pesado cinto de chocas que soan incesantemente ao compás do seu portador é o outro elemento que dá personalidade a esta máscara de Manzaneda.

Máscaras de Manzaneda (Ourense)












LABARDEIRO DE MUGARES (TOÉN, OURENSE) 

O Labardeiro é a máscara das chocas. Viste blusa de cores fortes no pantalón e camisa sobre as que se colocan rosetóns de cores vivas; faixa e polainas escuras e sobre a cabeza, un gorro de forma cómica e certa altura adornado de mil cores con fitas e demais elementos rechamantes. Vai provisto dun pau en cuxo extremo colga unha pel: era o instrumento de ameaza.

Labardeiros de Mugares (Ourense)

OS TROTEIROS

O troteiro é o personaxe do entroido de Bande (Ourense).
Os troteiros de Bande son uns disfraces de entroido que se están a recuperar despois de 60 anos.
Os troteiros levaban unha vara e corrían polos camiños meténdose coas mulleres e cos vellos. Ao parecer xa saían en Bande despois de Reis, segundo Bouza Brey. 
A súa indumentaria non era especial, pero o normal era envolverse nun cobertor ou unha saba; levaban carautas feitas na casa de cartón, con campaíñas arredor. O sombreiro lévano adornado con postais e espellos, seguramente para protexerse do "mal de ollo” ou doutros perigos"; a cara cóbrena con tapetes bordados.
Gozaban do privilexio da impunidade, por exemplo levantaban as saias das mulleres.
Ao troteiro vénlle do nome de trouleo ou trote polas rúas e polos camiños.

Troteiros de Bande (Ourense)

AS CHARRÚAS

A charrúa é o personaxe do entroido de Allariz (Ourense). Percorre as rúas da vila sempre soa e se a recoñecen cambia de traxe. O seu berro de guerra é “ charrúa merda crúa". O típico é ir soa ou como máximo dúas.

O seu traxe é inespecífico, podendo levar calquera roupa, sempre que sexa de moito colorido. Tamén pode levar pelicas e chocallos. Os materiais empregados eran o coiro de vaca, a madeira e a pel de coello.

De todos os xeitos, a investigación etnográfica fala dun personaxe estrafalario, vestido con roupas de moitas cores, chocas, vergallo e unha monteira ou pelica. Xeralmente levaba unha vara na man, segundo Vicente Risco.
A súa misión é ir polas casas pedindo viño e chourizos, e o seu costume de lixar os zapatos dos miróns facíana curiosa e temida.

A súa orixe parece remontase á Idade Media e perdura dende entón coa paréntese da guerra civil e o franquismo. A charrúa rompía coas normas de entón.


Charrúas de Allariz (Ourense)

OS IRRIOS 

O irrio é o personaxe do entroido de Castro Caldelas (Ourense). É unha máscara que acompaña na procesión da Virxe dos Remedios, patroa de Castro Caldelas, que sae en setembro. O irrio leva unha máscara de madeira que representa a un home con barba. Viste unha especie de frac con grandes botóns no peito e un pano encarnado na cabeza.


Irrio de Castro Caldelas (Ourense)


A PITA DE EIROÁS (OURENSE) 

Personaxe propio do Entroido do barrio ourensán de Eiroás. A pita é unha máscara dunha soa peza pero aínda que con dúas partes. Por un lado está o casco, feito á medida e persoal. Cada veciño deseña a súa propia careta tendo en conta que pola parte dianteira irá arlequinada en branco e negro e por detrás levará un debuxo representativo da natureza ou dalgún aspecto referente ao matrimonio. Non se pode esquecer que a Festa da Pita débese ao matrimonio entre Gumersinda Benavides, coñecida como Pita, e Antonio Guimarey, nos anos 50. Sobre o casco levántase o pescozo, con medida uniforme, e as cores das plumas elíxeos o dono de cada máscara. No remate perfílase a cabeza da pita coa crista vermella.

Pitas de Eiroás (Ourense)


GALOS DA MEZQUITA (OURENSE) 

Os Galos son a máscara típica desta localidade da Mezquita, que bailaban polas rúas xuntándose cos Mecos de Froxás das Viñas. Na cabeza levan unha reprodución dun galo, visten camisa e pantalón branco ademais de levar gravata. Sobre os ombros locen dúas panoletas. Tamén se adornan con outras dúas panoletas que atan nos pulsos. Aínda visten unha máis, o chal que vai atado á cintura coma se fose unha faixa. Varios colares servirán de elemento decorativo colgados do colo. As mans cóbrense con luvas brancas e calzan botas ou zapatos negros. Sobre os zapatos poñen polainas negras e na man non falta o bastón. Os Galos son unha das máscaras ou personaxes tradicionais do Entroido da bisbarra “Terra de Celanova”.


Capuchón de Verín
CAPUCHÓN DE VERÍN (OURENSE) 

Outro disfrace tradicional de Verín pero non é exclusivo deste municipio. Úsano indistintamente mulleres, homes, mozos e nenos. É unha máscara elegante, non representa nada especial, simplemente o gusto pola máscara e o anonimato. Nos petos levan fariña e foguetes para lanzar pola rúa. En tempos lucían un cornete sobre a cabeza, similar aos penitentes de Semana Santa.


OSO DE SALCEDO (LUGO)

Esta parroquia do interior galego ten no luns de Entroido a saída do oso. Cara á media tarde uns criados portan o oso amarrado por cadeas e sóltano ante o público. Os criados lévanlle a presa para que o oso a enzoufe cunha substancia fedorenta preparada para a ocasión. Hai diversidade de interpretacións sobre este personaxe, por exemplo, a que di que simboliza o medo que os veciños da zona puidesen ter á presenza dos osos nos montes e que baixaban ata Salcedo para alimentarse. O traxe do oso componse dunhas peles de ovella que lle cobren todo o corpo. Leva unha máscara que lle permite ter unha boa visibilidade. Os criados visten máis cómodos e lixeiros xa que a súa misión é a de coller os despistados que se encontren preto do oso para levarllos como presas. Estas persoas serán ensuciadas polo oso a pracer.  


Oso de Salcedo (Lugo)


OS XENERAIS DO ULLA (A CORUÑA)

As comparsas saen polas parroquia a ambos os dous lados do río. Á fronte van os correos ou lanceiros que monta cabalos elegantes e anuncian a chegada da comitiva dos xenerais. Estes tamén van a cabalo e pechan a comitiva. Locen tricornio, bicorne ou ros con plumaxe destacada. A chaqueta leva adornos, bordados, flocos e bandas coas cores da bandeira española. Locen tamén faixa e espada. Diferéncianse os xenerais dos correos polas medallas e as bandas, así como no detalle dos cabalos dos xenerais, pois levan un espello na cabeza, mentres que os dos correos levan campaíñas. Os xenerais visitan as casas da parroquia.



Xenerais do Ulloa (A Coruña)



Xenerais do Ulloa (A Coruña)


GALÁN DE COBRES (PONTEVEDRA)

Home que sae en comparsa coas madamitas e visitan todos bailando as casas dos veciños. Os seus traxes son moi coloridos. A cor base é o branco pero os complementos son moi vistosos. Destaca o sombreiro, que está feito de palla, é alto e a el van cosidas numerosas flores naturais ou artificiais. Pode levar mesmo un espello. Todos bailan xotas e muiñeiras. 


Galán de Cobres (Pontevedra)


MADAMA DE COBRES (PONTEVEDRA)

Muller que vai adornada cun número excesivo de colares. Pero a forza do traxe radica no sombreiro que está feito de palla, é alto e a el van cosidas numerosas flores naturais ou artificiais. É moi pesado e pola parte traseira colgan fitas de cores que chegan ata os xeonllos. Os espellos e bonecas así como as fitas do traxe recordan os troiteros de Bande. Saen en comparsa cos Galáns. 

Madama de Cobres (Pontevedra)


MADAMITOS DE CERQUEDA ( MALPICA DE BERGANTIÑOS, A CORUÑA) 
Son os personaxes principais do Entroido desta zona. Son homes que van vestidos de branco portando fitas de cores na cabeza e percorren as aldeas da Costa da Morte.
Madamitos de Cerqueda (A Coruña)



LORO RAVACHOL (PONTEVEDRA)

Loro Ravachol (Pontevedra)

Disfrace que recorda a un loro famoso na cidade. Pertencía ao boticario Perfecto Feijoo, moi coñecido en Pontevedra. O loro recibiu o nome de Ravachol, en honor a un anarquista francés condenado a morte e avisaba o boticario de cando a xente entraba na botica, aprendía cousas graciosas dos clientes e outras, xa se sabe, algo pícaras. Sucedeu que o loro morreu o último día de Entroido en 1913 e en Pontevedra organizouse todo un cortexo fúnebre para o loro por toda a cidade, para rematar sendo enterrado nun terreo que o boticario tiña nos arredores da cidade. Dende entón, o enterro de Ravachol fai o oficio que fai a Sardiña por outros lares, como sinal de que a esmorga xa rematou e veñen coresmais xaxúns e penitencias.









4 comentarios:

  1. Canto traballiño! Xa sei a onde teño que volver para aprender cousas dos Personaxes do Entroido.

    ResponderEliminar
  2. Grazas, Marina, es moi amable! :)

    ResponderEliminar
  3. Ola!! quero felicitar-os polo voso traballo sobre o Entroido, eu son un artesán que traballa en teares, fai dous anos visitei o Entroido de Viana do Bolo é dende aquela sigo namorado desa festa, xa fixen varios traballos desta temática e aínda continuo a facer mais,en tapiz,macramé, é agora estou a facelas en feltro.
    Co voso traballo poderei achegarme a outros que descoñecía, moitas grazas polo traballo.
    Neste enlace http://tapizgalicia.blogspot.com.es/search?q=boteiro podedes ver o primer traballo feito en Tapiz dun Boteiro de Viana do Bolo.
    Saúdos
    Xabier Rguez de Tapices Galicia

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Xabier, moitas grazas pola visita e por quedarte.
      Moi bo traballo o que fas cos teares, os tapices son moi fermosos!
      Estaremos encantados de ver os que segues realizando.
      Un saúdo!

      Eliminar

Queremos saber a túa opinión.