23 mar 2012

“PELOS NA LINGUA”

       O noso alumnado de 3º ESO asistiu o día 22 á obra de teatro  “PELOS NA LINGUA”, posta en escena polo grupo Talía Teatro.

Avelino González dirixe esta montaxe na que participan distintos autores e que interpretan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez.

Sinopse:
Esta obra de teatro trata sobre os usos e abusos da lingua galega. "Vai destinado a todo o mundo: aos galegofalantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven; aos que si queren selo e tomaron esa determinación; aos que non o falan porque non o saben falar ben; aos que lles dá igual que se fale ou non o galego; aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo; aos que pensan que debería de ser o inglés o idioma que fale todo o mundo; aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán; aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego; a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, todos e todas. "

Seica a obra vos pareceu moi divertida, pero... fíxovos reflexionar sobre a vosa relación coa lingua? Agardo que deixedes aquí as vosas impresións.

21 mar 2012

DIA MUNDIAL DA POESÍA

      O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Para sumarnos a esta efemérede, déixovos aquí uns caligramas que alumnado de 3º ESO fixo con poemas da súa elección.


Anxo Outomuro Abad, 3º ESO A

Paula Pérez Domínguez, 3º ESO A

Ana Prieto Araujo, 3º ESO B

Alba María Freire Montes, 3ºESO B

Marta Cid Rodríguez, 3º ESO A

Bruno Castro, 3º ESO A



6 mar 2012

Tertulias profes e alumnos



     Dentro duns días os profes teremos un xantar literario ao redor de dous libros. Nesta ocasión son El chino de Henning Mankel e In vino Veritas de Francisco Castro.

O libro de Mankel foi o gañador no ano 2010 do XV Premio literario San Clemente, elexido polo alumnado de 1º bacharelato de toda Galicia. Alumnas deste instituto participaron como xurado e tiveron a fortuna, xunto coa profesora Almudena, de asistir á conferencia que o autor sueco ofreceu en Santiago de Compostela. 

O outro libro colle o nome do proverbio latino que significa «no viño está a verdade». Refírese á obnubilación dos ebrios, que lles fai dicir verdades que doutro modo calarían. A frase completa sería «In vino veritas, in aqua sanitas» («No viño está a verdade, na auga a saúde»).


       Segundo o seu autor, Francisco Castro (Vigo, 1966), In vino veritas é unha novela furiosa. Xulio Míguez, detective sen vocación, recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido e relacionado co ambiente do sadomasoquismo máis tétrico. Parodia de novela policial, a historia deita unha ollada crítica sobre os medios de comunicación e a parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida.


A ver que nos depara a tertulia, que opinións se verten; quizais os participantes deixemos aquí algunhas delas. 

Tamén o noso alumnado do Club de Lectura está enfrascado na lectura da próxima novela para a súa Tertulia Literaria, organizada pola Concellería de Educación. Toca agora un libro en castelán. Trátase de La estrategia del agua, de Lorenzo Silva.

SINOPSE: Tras unha decepcionante experiencia co sistema xudicial que puxo en liberdade un asasino encerrado por Vila, este áchase desencantado e máis escéptico do que acostuma. Así se enfronta ao caso que lle ocupa: un home, Óscar Santacruz, apareceu con dous tiros na caluga no ascensor da súa casa, sen que ningún veciño oíse nin vise nada. Parece o «traballo» dun profesional, o que parece un tanto desmesurado dada a aparente pouco transcendencia da vítima. Vila e Chamorro comezan unha investigación, moi de mala gana por parte de Vila, actitude que empezará pagando «o novo», Arnau, un novo garda que pouco a pouco se irá gañado a confianza de Vila.
Parece que os problemas na vida de Óscar Santacruz se limitan a un divorcio mal levado cun fillo de por medio. Pero, pode ser esta a razón do seu asasinato? Que esconde a denuncia que pesaba sobre a vítima por malos tratos? E a súa detención por tráfico de drogas? En que escuros asuntos estaba metido este home en aparencia tan pouco perigoso?
Unha novela sobre os claroscuros das relacións, sobre os pasadizos do sistema xudicial, sobre as modernas técnicas de investigación incorporadas pola Garda Civil, sobre as inxustizas que provocan as leis, sobre o mal, que a miúdo está demasiado preto, mesmo entre o que un día amamos.

   Xa iremos vendo que pensan os nosos alumnos e alumnas da novela. A tertulia será no mes de abril e oxalá poidamos ter a presenza do autor.