A Festa dos Maios é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral xeralmente facíase coincidir co primeiro domingo do devandito mes e tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou ás árbores. Chámanse Maios tanto á celebración desta festa coma ás representacións que se fan nelas.
Esta festa é común en moitos países de Europa onde existen variantes similares da mesma festividade.
As orixes
Os historiadores non conseguen pórse de acordo á hora de datar a orixe dos maios. Hai quen a sitúa no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios, como hai quen a sitúa no Neolítico, co nacemento da agricultura. O que si queda claro é que os maios xurdiron sempre ligados ao medio agrícola e á necesidade de crear un ritual para o crecemento das colleitas e da súa protección contra calquera tipo de mal (ben unha peste, ben un "mal de ollo").
O Cristianismo asimilou multitude de festas pagás que se profesaban con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas, e esta é un claro exemplo diso: a maioría das devanditas festas pagás pasaron a ser festas en honor á Virxe María.
Así é como a festa da chegada da primavera e adoración á Terra, pasaría a ser unha festa de adoración á deusa Maia en tempo romano e posteriormente foi modificada como variante de exaltación relixiosa, coa introdución da veneración á Virxe María.
Cada primeiro de maio (segundo a tradición cristiá a data chega até o día 3) a vexetación sae á rúa en forma de "maio", unha construción de diferentes formas feita con elementos vexetais, en función da zona na que se elabora, e que pode ser enxebre ou artístico. Soen usarse carrizas, laranxas, millo, flores, carqueixas, urces, carrabouxos e moita imaxinación. Con eles preténdese arredar das colleitas pestes, virus e males. Os "maios" xestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posibles ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre temidas meigas que cos seus poderes poden botar un "mal de ollo" á colleita. Aínda que os maios comezaron sendo festas propiamente vexetais e adornadas con pequenas construcións, co paso dos anos foron incorporando bailes e coplas con carácter satírico, completando o sentido popular da festa. Estas coplas facían relevancia a calquera feito social que acontecese no último ano, criticando ou satirizando certas persoas ou institucións do lugar. As coplas eran recitadas por unha persoa desde dentro do propio maio, e a xente que estaba fóra replicaba coas mesmas verbas. Coas coplas acontece igual que coas formas e os materiais de construción dos propios maios, hai moitas estruturas, figuras e variantes. O que si é igual en toda Galicia é a relación que hai entre os maios e os nenos, que son os protagonistas destas festas.
Os Maios máis populares son:
Maio figurativo:
Especie de monumento feito de táboas e cuberto de mofo que se decora con flores, follas e ramos verdes.Maio humano:
Neste caso é representado por un rapaz, en ocasións disfrazado dalgún personaxe popular (en caso de ser unha rapaza, vestida de branco) que é o xefe do grupo e se adorna con flores, espadanas, herbas aromáticas,e cun pau na man.
Maias:
Nenas e rapazas vestidas de branco, con coroas e arcos de flores que cantan os maios facendo ofrendas a algún santo.
Maias:
Nenas e rapazas vestidas de branco, con coroas e arcos de flores que cantan os maios facendo ofrendas a algún santo.
Árbore de Maio:
Nalgúns lugares de Galicia colócase na praza principal unha árbore, a máis alta que poidan conseguir os rapaces.
Maio tradicional |
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Queremos saber a túa opinión.