Un curso máis, o Club de Lectura "As catro esquinas do Quinto" puxo en marcha a "Semana de intercambio de libros" para celebrar o Día do Libro. Na entrada do instituto habilitouse unha mesa expoñendo libros ofrecidos polos departamentos de castelán e galego e por profesorado e alumnado. Desde ese momento, todo aquel que estea interesado nun libro dos expostos, debe deixar outro a cambio. Estamos abertos a ofrecementos de todo tipo. Poden ser eses libros de cando eras máis noviño e xa non vas reler, ou esa novela que che gustou moito e queres recomendar, ou mesmo a que che regalaron e nunca liches porque non é do teu estilo. Estaremos con este troco toda a semana. ¡Participa!
Blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense). 2010-2021
26 abr 2012
24 abr 2012
Concursos Día das Letras Galegas 2012
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2012:
VALENTÍN PAZ ANDRADE (1898-1987)
![]() |
| Valentín Paz Andrade |
CONCURSO LITERARIO:POESÍA E NARRATIVA
BASES:
1. Establécense dúas categorías:
a)Alumnado de 1º,2º e 3º da ESO.
b) Alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
2. Os traballos estarán escritos en lingua galega. O tema será libre.
3. A extensión mínima da poesía é de 15 versos e para os traballos de narrativa, tres páxinas por unha cara.
4. Presentaranse grampados e cun lema, e acompañados dun sobre pechado, dentro do cal figuren o lema do traballo, o nome e apelidos, curso e grupo do autor ou autora.
5. Os traballos entregaranse na conserxería do instituto até o día 11 de maio, inclusive.
6. PREMIOS: Haberá dous premios por categoría e xénero. Os premios poden quedar desertos.
1º Premio: 1 MP3
2º Premio: 1 lote de libros e/ou material escolar.
7. O xurado estará composto polos departamentos de galego e castelán e pola coordinadora do EDLG.
CONCURSO DE CARTEIS
BASES:
1. Establécense dúas categorías:
a) Alumnado de 1º,2º e 3º da ESO
b) Alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
2. O tema será alusivo ao Día das Letras Galegas .
3. Será realizado sobre cartolina, en tamaño cartolina e con técnica libre, valorándose a orixinalidade e a dificultade do mesmo.
4. Presentaranse enrolados e cun lema, e acompañados dun sobre pechado, dentro do cal figuren o lema do traballo, o nome e apelidos, curso e grupo do autor ou autora.
5. Os carteis entregaranse na conserxería do instituto até o día 11 de maio, inclusive.
6. PREMIOS: Haberá dous premios. Os premios poden quedar desertos.
1º Premio: 1 MP3
2º Premio: 1 lote con libros e/ou material escolar
7. O xurado estará composto polos departamentos de galego e plástica e pola coordinadora do EDLG.
8. Os premios entregaranse o día 18 de maio.
PARA O FOMENTO
DA LINGUA GALEGA
DESEÑA CON EL O TEU MARCADOR
DE PÁXINAS E NÓS LEVARÉMOLO
A IMPRIMIR PARA REPARTILO
ENTRE TODO O ALUMNADO E PROFESORADO.
Entrégao co teu nome ás profesoras de galego.
Data límite: 15 de maio.
Único premio para o marcador seleccionado:
un MP4 .
Entrega do premio e reparto de marcadores: o 18 de maio.
20 abr 2012
Tertulia Literaria II
Dentro do programa de actividades organizadas pola concellería de Educación, asistimos á segunda reunión das Tertulias Literarias, esta vez cun libro escrito en castelán. Tratábase de La estrategia del agua, de Lorenzo Silva.
Alumnado de 1º bacharelato pertencente ao noso Club de Lectura asistiu o pasado día 18 de abril á tertulia, xunto con alumnado doutros institutos de ensino.
O debate foi moi participativo e tratáronse os temas da aplicación da xustiza, o maltrato de xénero, a custodia compartida, o papel da muller, estereotipos e roles e o maltrato psicolóxico aos homes, entre outros.
Días antes tuvimos unha das xuntazas preparatorias co alumnado no propio instituto á hora de xantar ao redor dunhas pizzas.
Aquí vos deixo fotos das dúas sesións.
16 abr 2012
Lemas para camisetas
Para celebrar o vindeiro Día das Letras Galegas, o EDLG convoca un concurso de LEMAS PARA CAMISETAS.
¿QUERES PERSONALIZAR
A TÚA CAMISETA?
¿QUERES QUE TODOS VISTAMOS
O TEU DESEÑO?
POIS INVENTA UN LEMA (CON DEBUXO)
E PARTICIPA NO CONCURSO.
BASES:
1. ESCRITO EN LINGUA GALEGA.
2. QUE FAGA REFERENCIA Á REALIDADE GALEGA.
3. ENTRÉGAO ANTES DO 15 DE MAIO.
PREMIOS:
DÚAS CAMISETAS CO TEU LEMA SERIGRAFIADO.
UNHA CAMISETA DAS EXPOSTAS DO
REI ZENTOLO.
O RESTO DA COMUNIDADE ESCOLAR PODERÁ MERCALAS A PREZO DE CUSTE.
23 mar 2012
“PELOS NA LINGUA”
O noso alumnado de 3º ESO asistiu o día 22 á obra de teatro “PELOS NA LINGUA”, posta en escena polo grupo Talía Teatro.
Avelino González dirixe esta montaxe na que participan distintos autores e que interpretan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez.
Sinopse:
Esta obra de teatro trata sobre os usos e abusos da lingua galega. "Vai destinado a todo o mundo: aos galegofalantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven; aos que si queren selo e tomaron esa determinación; aos que non o falan porque non o saben falar ben; aos que lles dá igual que se fale ou non o galego; aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo; aos que pensan que debería de ser o inglés o idioma que fale todo o mundo; aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán; aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego; a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, todos e todas. "
Seica a obra vos pareceu moi divertida, pero... fíxovos reflexionar sobre a vosa relación coa lingua? Agardo que deixedes aquí as vosas impresións.
21 mar 2012
DIA MUNDIAL DA POESÍA
O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Para sumarnos a esta efemérede, déixovos aquí uns caligramas que alumnado de 3º ESO fixo con poemas da súa elección.
| Anxo Outomuro Abad, 3º ESO A |
| Paula Pérez Domínguez, 3º ESO A |
| Ana Prieto Araujo, 3º ESO B |
| Alba María Freire Montes, 3ºESO B |
| Marta Cid Rodríguez, 3º ESO A |
| Bruno Castro, 3º ESO A |
6 mar 2012
Tertulias profes e alumnos
Dentro duns días os profes teremos un xantar literario ao redor de dous libros. Nesta ocasión son El chino de Henning Mankel e In vino Veritas de Francisco Castro.
O libro de Mankel foi o gañador no ano 2010 do XV Premio literario San Clemente, elexido polo alumnado de 1º bacharelato de toda Galicia. Alumnas deste instituto participaron como xurado e tiveron a fortuna, xunto coa profesora Almudena, de asistir á conferencia que o autor sueco ofreceu en Santiago de Compostela.
O outro libro colle o nome do proverbio latino que significa «no viño está a verdade». Refírese á obnubilación dos ebrios, que lles fai dicir verdades que doutro modo calarían. A frase completa sería «In vino veritas, in aqua sanitas» («No viño está a verdade, na auga a saúde»).

Segundo o seu autor, Francisco Castro (Vigo, 1966), In vino veritas é unha novela furiosa. Xulio Míguez, detective sen vocación, recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido e relacionado co ambiente do sadomasoquismo máis tétrico. Parodia de novela policial, a historia deita unha ollada crítica sobre os medios de comunicación e a parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida.
A ver que nos depara a tertulia, que opinións se verten; quizais os participantes deixemos aquí algunhas delas.
Tamén o noso alumnado do Club de Lectura está enfrascado na lectura da próxima novela para a súa Tertulia Literaria, organizada pola Concellería de Educación. Toca agora un libro en castelán. Trátase de La estrategia del agua, de Lorenzo Silva.
SINOPSE: Tras unha decepcionante experiencia co sistema xudicial que puxo en liberdade un asasino encerrado por Vila, este áchase desencantado e máis escéptico do que acostuma. Así se enfronta ao caso que lle ocupa: un home, Óscar Santacruz, apareceu con dous tiros na caluga no ascensor da súa casa, sen que ningún veciño oíse nin vise nada. Parece o «traballo» dun profesional, o que parece un tanto desmesurado dada a aparente pouco transcendencia da vítima. Vila e Chamorro comezan unha investigación, moi de mala gana por parte de Vila, actitude que empezará pagando «o novo», Arnau, un novo garda que pouco a pouco se irá gañado a confianza de Vila.
Parece que os problemas na vida de Óscar Santacruz se limitan a un divorcio mal levado cun fillo de por medio. Pero, pode ser esta a razón do seu asasinato? Que esconde a denuncia que pesaba sobre a vítima por malos tratos? E a súa detención por tráfico de drogas? En que escuros asuntos estaba metido este home en aparencia tan pouco perigoso?
Unha novela sobre os claroscuros das relacións, sobre os pasadizos do sistema xudicial, sobre as modernas técnicas de investigación incorporadas pola Garda Civil, sobre as inxustizas que provocan as leis, sobre o mal, que a miúdo está demasiado preto, mesmo entre o que un día amamos.
Xa iremos vendo que pensan os nosos alumnos e alumnas da novela. A tertulia será no mes de abril e oxalá poidamos ter a presenza do autor.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)









