22 jun 2019

Lecturas de verán


Xa rematou o curso escolar, e coma sempre veñen días de lecer, longas tardes ao sol na piscina, no campo ou no mar. E sempre pretiño de nós algunha lectura divertida, de intriga, de misterio, de amor, policíaca... Calquera xénero é o axeitado.

Déixovos aquí unhas recomendacións: 

1º e 2º da ESO:


A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Ed. Xerais:

Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas, vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo.O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando "a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia desenvolvemento da historia.

Sálpock. O val dos cegos, de Álvaro López/Luís Sendón Demo Editorial. (cómic)


Obra de entretemento ambientada no mundo imaxinario de Zakfart, onde aventura e ciencia-ficción camiñan da man. Unha historia de heroes, acción, fantasía e amor cunha gran dose de crítica social: a trama desenvólvese no val dos Cegos, un lugar onde a xente vive escravizada e atemorizada por unha falsa ameaza.

O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde. Ed.Galaxia.




Este libro non conta unha historia, senón moitas historias. Hainas fantásticas e outras non tanto. Poderedes atopar de fantasmas, de homes que se converten en bólas inzadas, de androides, de hecatombes nucleares aparentes, de seres máxicos aínda que tímidos… cada historia é diferente, mais todas teñen un final sorprendente. Non o acreditas? Pois entón colle o libro e le nel.


3º e 4º da ESO


A tumba de Breogán, de Abel Alves e Esteban Tolj. Demo Editorial. (cómic):

Todo comeza cun achado fortuito nunhas obras realizadas na Torre de Hércules, os obreiros atopan unha inscrición en latín onde Caio Sebio Lupo, o arquitecto do faro romano, fala da tumba onde repousan os restos do mítico rei celta. Esta descoberta chega ata Eduardo Pondal que, entusiasmado, proponse atopar a devandita sepultura sen ser consciente de que pode haber xente con intereses opostos… Comeza así unha interesante e frenética sucesión dos acontecementos na cal o bardo de Ponteceso vai contar coa axuda do intrépido e afouto Antón Dedo d’Ouro, un antigo bandoleiro cheo de recursos.



O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.



Os que levan o lume, de Álvaro López  (Cómic).  Demo Editorial:

Por unha banda atopamos un mundo inhóspito, frío e cruel, sempre cuberto pola neve e no que unha terrible enfermidade sen cura asola aos seus habitantes. A nosa protagonista, Oksana, é unha rapaza que forma parte do pobo que leva o lume. Axudante do mestre Aristarkh, viaxa canda el nunha comitiva que atravesa o páramo xeado, pero as circunstancias farán que teña que valerse por si mesma para sobrevivir nun entorno tan hostil.

E no mesmo escenario, pero nun tempo anterior, descubrimos a historia dunha nena á que a vida tamén colocou na mesma situación anos atrás. O seu camiño converxerá co de Oksana de xeito sorprendente e inesperado.


BACHARELATO:


Senlleiras, de Antía Yáñez. Ed.Galaxia.

A novela das mulleres que rachan co silencio.
Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.
A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.
Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.




Infamia, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.



E para os que vos gusten moito as novelas gráficas e os cómics en xeral, déixovos un enlace para que consultedes títulos en lingua galega:



Ata o vindeiro curso!!
Feliz verán!!

21 jun 2019

Arte


Xa rematamos o curso e déixovos aquí fotos dunha mostra dos debuxos que fixo alumnado de varios niveis do noso instituto.
A que son moi fermosos?







19 jun 2019

Herbario

O alumnado de 3º ESO fixo uns fermosos herbarios na materia de Bioloxía.
Déixovos aquí algunhas fotos para que lles botedes un ollo.









12 jun 2019

Plan Proxecta: "Proxecto Ríos"







O departamento de LG participou este curso no PLAN PROXECTA co Proxecto Ríos. Coñecendo os nosos ríos: o Barbaña (aceptado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Xunta de Galicia), xunto cos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Xeografía e Historia e Educación Plástica e Visual. No nivel de 3º ESO tratamos na materia de LG a importancia dos ríos na cultura e economía galegas (a través da importancia dos muíños, lavadorios, etc. Tamén a lingua (adiviñas e poemas que traten dos ríos ou da súa presencia...).

O resultado foi unha selección de poemas que os alumnos e alumnas de 3º ESO escribiron en cartolinas de cores. Tamén recolleron datos sobre muíños de ríos e regatos cercanos. Un alumno gravou  un vídeo.


Velaquí están preparando os poemas:





















Vídeo de Jorge Blanco Nieto, de 3º ESO B, sobre o Muíño do Pontillón, no concello de Pereiro de Aguiar (Ourense)





O EDLG decidiu agasallar aos alumnos/as que máis se esforzaron nos traballos, sendo estes os que traballaron sobre os muíños.



Velaquí algunhas fotos dos muíños:

Muíño da Boutureira, no río Barbaña, en san Cibrán das Viñas. Fotos de María Soutullo Moreno (3º ESO A):










Muíño da Corga de Porto de Albor, en Padrenda (Ourense) fotos de Laura Míguez de Francisco, de 3º ESO B.







Muíño do río Fragoso, en Lobeira (Sabariz), fotos de Antía Alonso Álvarez, de 3º ESO A







Muíño do regato do cura (Barbadás). Fotos de Gabriel Augusto, de 3º ESO A







Muíño de San Cibrán das Viñas, no río Barbadás. Fotos de Noa Fernández Alonso, de 3º ESO A:







Lavadoiro do río Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo (Ourense), recollido por Paula Orbán, de 3º ESO B:



Muíño no río Mao, en Lobios (Ourense), de Candela Pérez, de 3º ESO B.


Muíño do regato do monte das Cantariñas, ne Vilar de Santos (Ourense), recollido por Nerea Fernández, de 3º ESO B:



Poemas sobre ríos:






Adiviñas sobre os ríos: