Un novo curso a concellaría de Educación e Cultura de Ourense convoca unhas novas tertulias literarias para todos os centros de secundaria de Ourense e provincia.
Coma sempre, alumnado voluntario (algúns do Club de lectura) dos niveis de 4º ESO e 1º e 2º bacharelato participou lendo a novela de Manuel Esteban titulada O meu nome é Ninguén. (Ed. Xerais)
O día 29 asistimos á tertulia con alumnos e alumnas doutros centros e o día 30 escoitamos a conferencia do autor. Foi unha actividade moi gratificante, porque a obra deu para moito debater, e o autor demostrou unha conexión especial cos lectores, aos que respondeu as numerosas preguntas que lle fixeron. Manexa Manuel Esteban un perfecto dominio da lingua e dos recursos da oratoria. Foron dúas xornadas moi satisfactorias.
Verémonos de novo en abril cunha nova tertulia coa obra en castelán, que será Malaherba, de Manuel Jabois. (Ed. Alfaguara)
Laura, María, Lucía, Aldara e Claudia (De esq. a dta.)
Alexandra, Rebeca, Laura, Andrea e Laura (De esq. a dta.)
Os alumnos e alumnas do Club de Lectura (1º bacharelato) e algúns máis de 4º ESO implicáronse na xornada de celebración do 20º aniversario da estrea da película A lingua das bolboretas, do director José Luís Cuerda, filme que colle o título dun dos relatos que compoñen a obra Que me queres, amor? de Manuel Rivas.
Desde o IES Allariz organizaron e coordinaron un roteiro do filme con varios IES de Ourense e provincia (IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; IES Carlos Casares, de Viana do Bolo; IEs Aquis Querquernis de Bande; IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova e os IES Universidade Laboral,Xesús Ferro Couselo e Blanco Amor de Ourense capital) para conmemorar esta data e honrar ao escritor, que ía vir o día 28 de maio á vila de Allariz con motivo da efémeride da gravación da película na vila.
O alumnado dos centros participantes elaborou e representou diferentes escenas vinculadas coa película en puntos significativos de Allariz, por seren anteriormente lugares elixidos para a rodaxe.
O noso alumnado, aproveitando as súas dotes artísticas, elaborou dous carteis como proposta de nova carátula para a película. Por outra banda, para que a presentación destas obras fora máis dinámica, e en prol de traballar a competencia lingüística (tanto oral como escrita) na lingua galega, elaboraron un pequeno guión, titulado "Carátula e Bolboreta". Neste guión situábase a escena nun suposto programa de televisión no que o público (asistentes ao roteiro) decidía que cartel merecía ser a carátula da película, logo dunha previa defensa por parte de cada unha das diseñadoras na que facían alusión ao contido da película reflictido nas imaxes. Por último, estaban como convidados especiais o mestre Don Gregorio e mais Pardal, quen tamén daban a súa propia visión da película a través destes debuxos.
Pablo García, Don Gregorio
Álex, Pablo, Elba, Génesis e Luísa
Don Gregorio (Pablo García) e Pardal (Elba Núñez)
Manuel Rivas
Pola tarde visitamos o certame dos Xardíns de Allariz, este ano dedicados ao cine. Alí o IES de Allariz fixo un xardín fóra de concurso representando a escola de A lingua das Bolboretas, destacando os pupitres, a pizarra e como parede lousas co nome de cen mestres represaliados pola dictadura franquista.
A continuación escoitamos unha entrevista realizada a Manuel Rivas para rematar a xornada coa sinatura do libro Que me queres, amor?
Os días 24 e 25 de abril tivemos as tertulias literarias de galego que organiza cos institutos de Ourense e de varios da provincia a Concellalía de Educación e Cultura do concello de Ourense. Nesta ocasión a obra que nos reuniu foi Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales.
Previamente fixemos algunhas reunións para ir comentando aspectos da obra, tales como as actitudes e comportamentos das catro protagonistas: Marina, Carmela, Viviana e Sara.
Tivemos mesmo un xantar de convivencia no instituto para falar da obra e ultimar detalles.
O noso centro foi o encargado de abrir a tertulia do grupo, no que estaban tamén o IES Otero Pedrayo, IES Universidade Laboral e IES O Couto, e fixémolo cun breve vídeo de presentación que fixeron tres alumnas e un alumno de 1º bacharelato, en representación dos doce que participaban desta grata actividade voluntaria.
No debate que se orixinou saíron temas como a dependencia emocional, a presión nas mulleres pola maternidade, o amor e protección a un fillo por encima da propia necesidade de velo ou estar con el; a violencia no fogar; o caso da violación de Ali (Viviana) e a incomprensible actitude e silencio da súa nai; tamén o baleiro existencial, a sensación de confusión e desorientación de Sara. E por riba de todo, a incomunicación que leva ás protagonistas a falar cos seus receptores a través de contestadores automáticos para informalos de todo o que lles pasara ou pasaba e do que non se atrevían a facelo cara a cara. De todo falamos nós a viva voz.
Álex, Diana, Lucía, Génesis, Laura e Andrea
Elba, Antía, Alesandra, Alba e Laura.
Ao día seguinte, tivemos a ocasión de reunirnos coa autora no salón nobre do Liceo para que ela nos falara da obra e aclarara calquera cuestión que lle quixeramos propoñer. Foi un faladoiro moi interesante e ao final asinou a novela a quen llo solicitou.