Mostrando entradas con la etiqueta Día da Muller. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da Muller. Mostrar todas las entradas

8 mar 2021

Día Da Muller 2021. IV parte



 A GIOCONDA GALEGA

O curso pasado o departamento de Educación Plástica e Visual propuxo, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, levar adiante un proxecto que vinculase a creación artística con referencias culturais galegas. O resultado foi vestir a Gioconda, esa enigmática muller do cadro de Leonardo da Vinci, cunha indumentaria que revelase a condición da muller galega na súa faceta de muller traballadora e na actividade diaria. Así, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH. ideou Giocondas mariñeiras, polbeiras, labregas... ou engalanadas cos seus mellores adobíos de festa.

 O resultado foi espectacular (aquí só vedes unha mostra), pero a aparición da pandemia da COVID-19 impediunos rematar o proxecto. Este curso decidimos retomalo no Día da Muller para amosar os fermosos traballos destes alumnos e alumnas dos que o IES Ferro Couselo está moi orgulloso. Desgrazadamente, algúns deles xa non cursan aquí este ano, mais o seu traballo non se podía perder. Esperamos que se sintan tan orgullosos coma nós deles.

O EDLG quixo agasallar a Antía López  e a Lucía Álvarez polas súas obras. Parabéns!


















Día da Muller 2021. III parte.

Unha actividade que desenvolvemos este curso para celebrar o Día da Muller, na que participaron varios departamentos (LG, LC, FeQ, EF...) e  que nos emocionou moito, foi remedar a famosa pose de Rosie The Riveter (Rosie, a Remachadora), icono cultural que representa as mulleres que traballaban nas fábricas durante a II Guerra Mundial. O lema We Can Do It! (Podemos facelo!) é moi axeitado neste Día adicado ás mulleres. 

Alumnado e profesorado posamos e a profesora de EF Ana Mª López Cruz editou un vídeo. Coas fotos realizamos uns paneis que colocamos á entrada do instituto.







Día da Muller 2021. II parte



Dentro das actividades que programou o instituto para celebrar o Día da Muller, o grupo da Biblioteca montou un expositor con libros de autoras que se colocou no vestíbulo do centro.

Tamén quixemos honrar o traballo das mulleres a través do mostrario de traxes de faena, como símbolo de todas esas tarefas case sempre pouco valoradas, sendo como son tan necesarias e imprescindibles no funcionamento da sociedade.






Día da Muller 2021. I parte.



O día 8 de marzo celebramos o Día da Muller. Levamos este curso salientando moito (a través do Plan Proxecta Donas de si),  o gran labor que ao longo da historia desenvolvemos as mulleres e como, case sempre, fomos silenciadas, eludidas ou directamente  apartadas.

Este ano  celebramos este día reivindicando por un lado as historias das nosas devanceiras baixo o lema Somos un pobo de mulles. Queriamos darlle o posto de honor ao o digno labor das nosas bisavoas, avoas, nais, tías... Para iso, desde o departamento de LG, recolléronse fotos destas mulleres entre profesorado e alumnado e fixéronse carteis con elas, acompañadas dun poema das nosas autoras e autores máis coñecidos. Montamos un mural nas escaleiras e quedou  moi emotivo.  Tamén hai un vídeo da actividade que podedes ver ao final.










22 mar 2019

Concurso "Fotos pola igualdade"

IES Xesús Ferro Couselo (Ourense)


Este curso, o instituto convocou o I concurso fotográfico Creando igualdade ofrecemos o mellor de nós, enmarcado nos actos do Día da  Muller.

Calquera alumno/a podía presentar ata tres fotografías que reflectisen a igualdade de homes e mulleres en distintos ámbitos. Os premios son ben interesantes, e aínda está aberta a presentación. Daremos conta do resultado do certame tralas votacións.







13 mar 2019

A muller na Ciencia


O alumnado de 1º da ESO  elaborou carteis sobre mulleres científicas dentro das actividades programadas polo departamento de Bioloxía para celebrar tanto o Día da Muller como o papel da Muller na Ciencia.










9 mar 2019

Día da Muller 2019

O día oito de marzo é o Día Internacional Da Muller Traballadora. Por segunda vez convoucouse unha folga feminista que foi secundada por practicamente a totalidade do alumnado. En todas as cidades houbo manifestacións  e xuntanzas reclamando o noso dereito á igualdade. 

O instituto, a través do Equipo de Biblioteca, fixo unha pequena exposición baixo a temática da igualdade e as mulleres. Tamén o departamento de Física e Química alentó ao alumnado de 3º ESO a destacar o papel da muller na Ciencia despois da visita ao Campus universitario para conmemorar o Día da muller e a nena na Ciencia durante a  segunda edición de "Exxperimenta en feminino".










O alumnado de 1º bac. está a traballar en presentacións e vídeos sobre mulleres galegas que destacaron ou destacan en diversos eidos.