25 jun 2013

Festival de Final de curso

   Remata o curso. E non nos imos ir sen celebrar que fixemos ben os deberes, non si? Por iso argallamos un festival moi especial, orientado sobre todo a aqueles que participamos ao longo do curso en múltiples actividades. Cóntannolo moi ben os nosos presentadores, Ainoha e Alejandro neste vídeo:





O alumnado da ESO do club de lectura (que fariamos sen esta rapazada tan implicada e sen as súas organizadoras, Almudena e Paloma!) ensaiou unhas pezas de Animaliños e Criaturas do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Por falta de tempo non puideron representalas o Día das Letras Galegas e foi agora, neste festival, cando as estrearon.

Velaquí a primeira: "Variación decimosexta" de Animaliños:
Ana Prieto e Alba Mª Freire, de 4º ESO; e David Álvarez, de 3º ESO teñen moito que contar sobre as actividades que organizan as consellerías de cultura... e de educación.





Alumnos e alumnas de 2º ESO escolleron a "Escena 11" de  Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño.




 E para rematar con Vidal Bolaño, o alumnado de 1º ESO representou "Sebastián Rilo e o porco", tamén da obra Criaturas:




A continuación, a alumna de 2ºESO Nerea Sastre amenizou a espera antes do Xogo de preguntas sobre Roberto Vidal Bolaño cunhas pezas musicais:





No Xogo de preguntas sobre os carteis anunciadores de Roberto Vidal Bolaño participou toda a ESO con dous representantes por curso. Os gañadores foron os de 3º ESO.


E rematamos o festival coa actuación do coro, coa profesora Marosa Vázquez á cabeza, cantando en honor de Rosalía de Castro polo 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, a canción Has de cantar, meniña gaiteira.
 


Deste xeito acabamos os festexos de remate do curso 2012-13.
Pasade bo verán e non deixedes de ler e usar a lingua!!!

3 jun 2013

Conferencia de Marcos Calveiro

O día 22 de maio, o escritor Marcos Calveiro veu ao noso instituto para charlar co alumnado de 1ºESO da súa novela Palabras de auga, que foi lectura obrigatoria neste curso na 3ª avaliación.


Contounos a orixe da novela, a localización da súa tribo imaxinaria, falounos dos problemas en África coa seca, a queima da sabana para poder cultivar; da extracción do coltan -as pedras negras da novela- e que provoca a explotación dos nenos escravos nas minas. 

Ao final os rapaces fixéronlle preguntas sobre a historia de Amadou, Numba, Jala e Ngugi, os protagonistas da novela.