26 nov 2020

Día Internacional contra a violencia de xénero 2020. III parte


Xa comentei que o grupo de traballo do instituto dentro do Plan Proxecta Donas de si  está a divulgar entre a comunidade educativa as vidas agochadas ou afastadas de mulleres destacadas en moitos e diferentes ámbitos. Xa é hora de dar a coñecelas, de mostrar modelos de mulleres independentes, traballadoras, eficaces, brillantes, destacadas e solidarias.

O día 25 de novembro o alumnado do noso instituto tivo un primeiro contacto con ese desexo compartido de alzar a voz para reivindicar a igualdade e o respecto.

Baixo o lema "Son dona de min para..." escollimos, alumnado e profesorado, aqueles lemas dos logros que anhelamos conseguir algún día, que desexamos próximo.  Son dona de min... para decidir, para esixir respecto, para estar e sentirnos seguras, para buscar a felicidade, para denunciar o machismo, para reclamar liberdade.

Déixovos aquí o vídeo desa xornada, editado pola profesora Ana María López.


25 nov 2020

Día Internacional contra a violencia de xénero 2020. II parte

 


Este curso parte do claustro do instituto participa no Plan Proxecta Donas de Si. Unha das primeiras actividades que fixemos foi dar a coñecer o problema da violencia de xénero co gallo do día  25 de novembro. Elaboramos uns bonecos de tea cos que rodeamos unha das árbores do patio do instituto, que serviu de marco ou photocall coa intención de facer visible e representar a forza e o poder de todos os nenos e nenas na loita contra esta lacra social.

Nas titorías, os alumnos e alumnas de todas as clases e niveis propuxeron lemas e frases que arrincan do encabezamento Dona de min e loito por...   que escribiron en carteis e que se usaron para facer as fotos.

 Aquí tendes algunhas fotos onde se ve o proceso de creación dos bonecos.




























Pensamos que unha sociedade futura na que non se teña que falar de violencia e desigualdades parte dunhas raíces sólidas baseadas na educación. Os nosos nenos e nenas medrarán nun  tronco forte co apoio colectivo dos iguais, formando unha rede que ramificará, florecerá, fructificará e xermolará nesa sociedade de igualdade, tolerancia e respecto.

E niso estamos, sementando miguiñas para que esa sociedade futura sexa unha realidade. Velaquí unha mostra dos lemas e frases do noso alumnado e tamén do profesorado:












































Oxalá moi pronto a igualdade, a equidade, a coeducación, o respecto, a capacidade de decisión... sexan unha realidade e non só un desexo!

Grazas a toda a comunidade educativa por participar!