Mostrando entradas con la etiqueta Ceas literarias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ceas literarias. Mostrar todas las entradas

18 oct 2018

Cea literaria: "Sen Piedade", de Pedro Feijoo


Inauguramos este curso as ceas literarias do Club de lectura de profes As catro esquinas do Quinto con dous libros: Sen Piedade, de Pedro Feijoo, e Manual para mujeres de la limpieza, de Lucía Berlín.


Xuntámonos o día 11 de outubro e sufrimos ausencias, debido á data, pero a conversa foi intensa, como de costume.
A obra de Pedro Feijoo, autor do que xa limos no club A memoria da choiva e que tanto os gustou, fíxonos pensar nunha historia digna da mellor road movie. Teo e Gordo, os protagonistas, por veces nos sorprenderon, por veces nos irritaron. Intuimos parte da lea, só nos percatamos en parte da outra, imaxinamos a traxedia final. É unha obra, en definitiva, que aconsellamos ao noso alumnado de 4º ESO e Bacharelato.



Pero o mellor estaba por vir, posto que o mércores 16 o propio autor veu presentar a obra na Librería Nobel en Ourense. Por suposto acudimos a escoitar a Pedro e atopamos a un autor sensible, amabilísimo e cercano que nos abriu a porta hacia outra interpretación da obra: Teo e Gordo son os protagonistas, si, pero as dúas mulleres sin voz que marcan ou condicionan os seus comportamentos, e que semellan estar detrás, agochadas, son en realidade as verdadeiras voces que debemos escoitar. Respectar, respectar as decisións das mulleres, quizais sexa unha das mensaxes que extraemos da novela. E aceptar estas decisións aínda que non as comprendamos, aínda que nos manquen. 

Pedro Feijoo tivo a amabilidade e o detalle de  adicarnos dous libros, un para a biblioteca do instituto e outro ao equipo de normalización lingüística.



Foi para min un pracer escoitar a este autor e recoller estas letras en nome do noso instituto.




Agardamos que vos guste a novela, que xa fora recomendada para as lecturas de verán xunto con Os fillos do mar e Os fillos do lume.


2 mar 2018

Cea literaria


A cea literaria, nesta nova ocasión ó redor das novelas Nordeste, de Daniel Asorey (Ed. Galaxia), e Ya no quedan junglas adonde regresar, de Carlos Augusto Casas (M.A.R. Editor), reuniu a un bo grupo dos participantes do club de lectura As catro esquinas do Quinto.  Estamos moi satisfeitos da consolidación de dito club, xa que moitos dos partipantes xa non están na actualidade no noso instituto e, non obstante, seguen vinculados a el a través do club.

A obra de Asorey, Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, acercounos ó tema dos cangaceiros no Brasil e centrado na historia de tres fortes mulleres; dúas desa parte: a fotógrafa Matilde e a cangaceira María Bonita.  Gustou moito esa parte. Houbo disparidade de criterios na parte ó redor de Carme de Candigas, a terceira gran muller, vedora maior nunha Santiago de Compostela imaxinaria, capital da República das Santas Irmandades de Galicia de ter triunfado a revolta Irmandiña. Seica Compostela con mar facíase ben raro! Con todo, a mensaxe é clara e actual: no mundo, desgrazadamente, triunfan os cartos e os negocios mesmo nunha sociedade aparentemente ideal.

Canto á outra novela, houbo unanimidade de opinións: Ya no quedan junglas adonde regresar gustou moito. É unha novela negra en tono de comedia na forma, pero con contido serio no fondo.  Recibiu varios premios: 
• Gañador do VI Premio Wilkie Collins de Novela Negra

• Gañador do Premio Novepoll 2018 

• Gañador do Premio Morella Trufa Negra 2018








As próximas obras seleccionadas para a lectura son un poema de Fernando Pessoa; Enderezo descoñecido, de Kressmann Taylor; e Fariña, de Nacho Carretero.

19 ene 2018

Cea literaria do Club de Lectura de profes



Ao final non foi en decembro, senón neste mes de xaneiro, a cea literaria do club de lectura de profes As catro esquinas do Quinto. Dúas eran as obras seleccionadas: Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira; e Babilonia, de Yasmina Reza.


O libro da galega é un conxunto de relatos curtos, microrrelatos e aforismos que nos fan reflexionar sobre aspectos da vida e da creación literaria; pensamentos, flashs... que coma un lóstrego nos pasan pola cabeza ante situacións moi variadas. Velaquí a mostra dun microrrelato moi aprezado: 

Emma Pedreira: Bibliópatas e fobólogos.

A novela de Yasmina Reza provocou división de opinións. A esta que vos fala gustoulle bastante. Segundo ía lendo vía reflectida esa mentalidade que identificamos como da burguesía francesa, as visións e opinións tan sesgadas dos personaxes sobre as vidas dos demais, dos veciños, dos que os rodean, os contrastes entre elas. E de súpeto... aparece ese comportamento tan irracional que fai rebentar todo. Algunhas compañeiras do club opinaban que por iso semellaban dúas novelas nunha: unha seria, a das reflexións, e outra de comedia. 


As proximas lecturas volven ser dúas obras moi diferentes, e as dúas premiadas:

Nordeste, de Daniel Asorey, Premio de Narrativa Breve Repsol 2016.


 

A outra é Ya no quedan junglas adonde regresar, de Carlos  Augusto Casas. Foi a obra gañadora do VI Premio Wilkie Collins de Novela Negra  e nominada ao Premio “Pata Negra” como mellor novela do ano 2017.

 

29 sept 2017

Curso 2017-18

Xa estamos aquí outra vez, novo curso e novas ilusións!


O profesorado pertencente ao Club de lectura As catro esquinas do Quinto (lembrade que ao noso IES Xesús Ferro Couselo aínda se lle coñece por este nome, xa que no seu momento foi o quinto instituto da cidade de Ourense) fixo os deberes de verán, posto que tiñamos dúas lecturas previstas para setembro. Unha era O anxo negro, de Manuel Gago; a outra, Patria de Fernando Aramburu.

Nunha das nosas ceas literarias falamos da novela de Gago, que ambientada nos anos oitenta na zona da Costa da Morte,  trata o tema do expolio do noso patrimonio cultural (figuras relixiosas, retablos, cruceiros, etc.), pero enmarcado nunha acción chea de intriga e de saltos ao pasado, chegando incluso á epoca dos ataques do pirata Drake ás nosas costas. Identificámonos coa idiosincrasia galega, os costumes; tamén aparece a devoción poular, a maneira do facer nas vilas e lugares etc. Gustounos moito.


A verdade é que o pasamos xenial nestas ceas, onde intercambiamos opinións, debatemos e colegueamos. De feito, moitos dos profes xa non están no noso instituto, pero seguen vinculados ao noso club de lectura.


Do libro en castelán, Patria, de Aramburu, habería moito que falar. En todos deixou pegada. O tema da violencia en Euskadi, reflectida nas dúas familias protagonistas, fíxonos pensar. Houbo quen opinou que chegado un punto era repetitivo e poderíase abreviar (xa imaxinades quen!).



Os próximos libros que leremos son Babilonia de Yasmina Reza e Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. A cea literaria será en decembro, xa vos contarei!




E con estas lecturas  damos comenzo ás actividades do EDLG do novo curso que comenza. Los miniclubs de alumnos/as comenzarán moi pronto. 
Xa vos iremos contando que len!

5 jun 2014

Cea literaria de profes

A última cea literaria de profes do Club de Lectura tiña como obxectivo xuntarnos para debater sobre o libro de Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen, que recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol 2013.

O  derradeiro libro de Emma Olsen

Houbo opinións variadas, pero en conxunto pareceunos unha obra cunha técnica moi depurada, aínda que quizais a obra adolece de trasmitir verdadeira emoción.



Estamos encantadas de que as compañeiras que xa non están no instituto sigan comprometidas co noso club de lectura. Unha forte aperta a todas elas! 

E xa estamos a ler o próximo libro: O tradutor cléptómano, de Dezsö Kosztolányi.

O tradutor cleptómano

13 dic 2013

Tertulia de profes

No Club de lectura As catro esquinas de Quinto, sección profes, tivemos a finais de novembro unha cea literaria para falar da obra Menú de enganos de Manuel Núñez Singala.

Gustounos moito esta proposta de Menú, con entrantes, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, pois todos os relatos nos deixaban con ganas de máis.  Houbo para todos os gustos, pero neles o engano, o malentendido ou a burla faciánnos seguir ata o seguinte relato (prato). A ver se vós sentides o mesmo ao lelo!!