Mostrando entradas con la etiqueta Pedro Feijoo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pedro Feijoo. Mostrar todas las entradas

30 jun 2020

Recomendacións de lecturas de verán (2020)

      

      Xa sei que este verán o que apetece é estar todo o posible ao aire libre, compartindo cos amigos e a familia, rindo, xogando ou mirando coma pasmóns o ceo e as nubes. Foi moito o sufrido, foi moito o encerro polo confinamento que sufrimos pola pandemia da COVD-19. Eu a primeira!

Con todo, isto non é incompatible con estomballarse sobre a herba dun parque, do xardín; sobre  a area da praia... para ler un bo libro!

Por iso recoméndovos algúns, coma sempre. Podedes atopalos nas bibliotecas do voso barrio (e se non os teñen, poden pedilos á biblioteca central ou mesmo mercalos), nas vosas librerías de referencia; pedilos prestados aos amigos...

1º ESO e 2º ESO:

Se che gustan as historias de colegas, misterio e solidariedade, este é o teu libro:

Os camiños do vento (Ed. Xerais), de  Xavier Estévez:


Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas. Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear. Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento. Despois de Avións de papel, os personaxes de Lucas e Sara regresan á literatura cunha nova historia sobre a amizade e sobre todo aquilo que tece os nosos soños.


Se prefires as historias de ciencia ficción e aventuras, podes ler  Conta nove estrelas (Ed. Xerais), de Andrea Maceiras:


Uns pequenos e peludos animais ameazan a Galaxia Oma. Desde o Observatorio Interestelar, os Vixilantes ordenan o exterminio de toda a especie, xa que os bobós, malia o seu adorable aspecto, son seres salvaxes e perigosos. Tan só Quepi, unha estraña nena que vive co seu irmán e o seu avó no planeta Dot, ousa desobedecer o mandato protexendo un bobó tan especial coma ela. Esta arriscada decisión vaina levar a emprender unha incrible aventura xunto co seu irmán Udai, durante a cal desafiarán os límites do universo coñecido. Porque, como diría o avó Acasi, un sol nunca será idéntico a outro sol, pero a súa luz é igual de necesaria. Porque todos provimos dun mesmo, único e primeiro latexo.


Se prefires os xogos cos ditos, referencias literarias e científicas, animais... podes ler:
Ovella descarreirada (Ed. Xerais), de Marilar Aleixandre.


Este libro contén trinta e tres poemas sobre unha ovella descarreirada, un polbo no garaxe, abellas bailando sen descanso a louca danza da ledicia ou fanecas bravas que ollan en fite a balea azul… Poemas insinuados na casca dun ovo, gravados nunha cabaza seca ou nos relevos dunha noz, enrodelados nunha cana de bambú, ganduxados na muda dun lagarto ou, en último caso, caligrafados en papel de arroz. Carecen de maiúsculas e puntos, non sendo outra cousa que coágulos de fala. NÚCLEOS TEMÁTICOS , topónimos, medio ambiente.

Se es dos que elixen a investigación  policial e a intriga, podes ler Corazón de chocolate (Un misterio para Tintimán en Compostela) de Jaureguizar. (Ed. Xerais)



Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.



3º e 4º ESO



Un cómic de aventuras: Aleida, cidade sen alma, de Víctor Boullón (Demo Editorial / Komic Librería).

As súas páxinas lévannos ata a Compostela de finais do século XII, un momento moi interesante da súa historia onde a cidade se asenta mentras o arcebispado compite co de Braga polo predominio no noroeste peninsular. Ata alá chega o construtor e canteiro León xunto coa súa filla Aleida para traballar nas obras de reforma da Catedral, dirixidas polo Mestre Mateo. Mentras levan a cabo os traballos de remodelación acontece un misterioso asasinato no altar maior da mesma Catedral, aterrando á cidade enteira e espertando a curiosidade de Aleida, que non poderá ficar queda e decidirá investigar máis polo miúdo, comezando así unha arriscada aventura coa axuda do clérigo Casto e de Lucas, compañeiro do seu pai.



Se che gustan as novelas que desentrañan casos policiais, podes probar con Berta Mir, detective. O caso do papagaio que falaba de máis (Ed. Galaxia), de Jordi Sierra i Fabra.




Despois de facerse cargo da axencia de detectives de seu pai, paralizado na cama tras un accidente que en realidade fora un intento de asasinato, que Berta Mir resolveu, mergúllase noutro caso, aparentemente sinxelo: buscar un papagaio roubado; pero que se complicará enredándose cunha rede mafiosa de tráfico de animais, un asasinato, unha misteriosa desaparición e o descubrimento das miserias e segredos dunha podente familia industrial barcelonesa. Un novo caso que, xunto co primeiro concerto do seu grupo de rock, os desenganos amorosos e o enfrontamento coa dura realidade cotiá, fai que Berta abandone de golpe a adolescencia e se descubra a si mesma.


Se o teu son as historias de amor, o teu libro pode ser Cartas de amor, de Fran Alonso. (Ed. Xerais)






As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración...E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.



1º e 2º de BACHARELATO.


Para aqueles que lestes nas tertulias literarias o libro O meu nome é ninguén, de Manuel Esteban, recoméndovos o que acaba de saír deste autor: A vinganza dos homes bos (Ed. Xerais). E por suposto, se non lestes o primeiro da saga do policía Carlos Manso, lede: A ira dos mansos.







O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un home, unha vez. Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención.



Se vos gustan as historias onde as cousas non son o que parecen e amades a idiosincrasia da vida nas aldeas, cos seus ruxerruxes e dixomedíxomes, probade a ler Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda (Ed.Galaxia)





E por último, para os fans de Domingo Villar, tendes O último barco (Ed. Galaxia), onde Leo Caldas anda enleado nun novo e apaixonante caso; e para os de Pedro Feijoo, o seu Un lume azul (Ed. Xerais).







18 oct 2018

Cea literaria: "Sen Piedade", de Pedro Feijoo


Inauguramos este curso as ceas literarias do Club de lectura de profes As catro esquinas do Quinto con dous libros: Sen Piedade, de Pedro Feijoo, e Manual para mujeres de la limpieza, de Lucía Berlín.


Xuntámonos o día 11 de outubro e sufrimos ausencias, debido á data, pero a conversa foi intensa, como de costume.
A obra de Pedro Feijoo, autor do que xa limos no club A memoria da choiva e que tanto os gustou, fíxonos pensar nunha historia digna da mellor road movie. Teo e Gordo, os protagonistas, por veces nos sorprenderon, por veces nos irritaron. Intuimos parte da lea, só nos percatamos en parte da outra, imaxinamos a traxedia final. É unha obra, en definitiva, que aconsellamos ao noso alumnado de 4º ESO e Bacharelato.



Pero o mellor estaba por vir, posto que o mércores 16 o propio autor veu presentar a obra na Librería Nobel en Ourense. Por suposto acudimos a escoitar a Pedro e atopamos a un autor sensible, amabilísimo e cercano que nos abriu a porta hacia outra interpretación da obra: Teo e Gordo son os protagonistas, si, pero as dúas mulleres sin voz que marcan ou condicionan os seus comportamentos, e que semellan estar detrás, agochadas, son en realidade as verdadeiras voces que debemos escoitar. Respectar, respectar as decisións das mulleres, quizais sexa unha das mensaxes que extraemos da novela. E aceptar estas decisións aínda que non as comprendamos, aínda que nos manquen. 

Pedro Feijoo tivo a amabilidade e o detalle de  adicarnos dous libros, un para a biblioteca do instituto e outro ao equipo de normalización lingüística.



Foi para min un pracer escoitar a este autor e recoller estas letras en nome do noso instituto.




Agardamos que vos guste a novela, que xa fora recomendada para as lecturas de verán xunto con Os fillos do mar e Os fillos do lume.


28 jun 2018

Lecturas de verán


Outro curso que remata! En nada estaremos de descanso, nas piscinas e areais; na montaña, de viaxe ou gozando da cidade.
Pero tamén temos tempo dabondo para a nosa afección favorita: a lectura!

Déixovos aquí unhas recomendacións, porque no verán hai tempo para todo e, sobre todo, para ler.

1º e 2º ESO:


Fóra do normal (Ed.Xerais) de María Reimóndez, novela gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, identifica as heroínas e os heroes contemporáneos entre aquelas personas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.




Preferides outro tipo de aventuras?
Pois Nena e o mar (Ed. Xerais) pode gustarvos. A autora é Érica Esmorís e a novela recibiu o Premio Merlín de literatura infantil 2015.




3º  e 4º ESO:

Premendo no título podedes ver unha recensión da obra.


Outra opción é O que sei do silencio, historia arredor ao acoso nas aulas dun instituto. A autora é  Andrea Maceiras.


Desta mesma autora podedes ler unha novela que gañou o Premio Jules Verne e tamén o premio Fervenzas literarias ao mellor libro de literatura xuvenil, ámbolos dous en 2015, por Europa Express



1º e 2º bacharelato:

Como sabedes, o día 26 morreu o escritor Xabier P. Docampo e, como homenaxe a el, recoméndovos A nena do abrigo de astracán.  Ed. Xerais.


Outra opción é Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales Santomé. Ed. Galaxia.


Os profes do club de lectura eleximos a obra  de Pedro Feijoo: Sen piedade. (Ed. Xerais). Teremos en setembro a próxima cea literaria para falar deste libro.


 Recomendamos outros libros deste autor como son  Os fillos do mar ou Os fillos do lume. 




Vémonos o vindeiro curso coa mesma ilusión e ganas de defender a nosa cultura e a nosa lingua. E cun libro, mellor!