30 jun 2012

A nosa lingua

     Botádelle un ollo a este libdup EU FALAREI do IES Chapela (Redondela).  É un traballo magnífico en defensa da Lingua Galega, pero tamén a denuncia da situación que vive a nosa lingua, que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a mocidade.

      Parabéns a toda a comunidade educativa dese centro. Detrás de actividades coma esta hai moito traballo non remunerado, moito labor persoal en favor do ensino público.

Ánimos a todos, e bo verán!

27 jun 2012

Poesías para o final de curso


      Xa finalizou o curso. Pasou voando, non si? E que mellor maneira que rematalo neste blog con poesía. Varios alumnos do Club de Lectura leron poemas de Darío Xohán Cabana no Día do Libro. Pedinlles que os volveran ler para gravalos e colgalos neste blog. Aquí os tendes, a min paréceme unha bonita maneira de lembrar que coa palabra podemos transmitir todo tipo de emocións e sentimentos. E, por suposto, na nosa lingua.





Feliz verán! Vémonos no novo curso!

22 jun 2012

Celso Emilio Ferreiro

O noso instituto uniuse ao desexo xeral de festexar o centenario do nacemento do poeta ourensán Celso Emilio Ferreiro. Inspirándonos no seu poema NON, paradigma do inconformismo, fixemos unhas camisetas cos versos que abren e pechan este poema:

NON
Se dixese que si,
que todo está moi ben ,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen...
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Se dixese que acaso
as cousas son esí,
porque si,
veleí,
e non lle deamos voltas.
(Si aquil está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Se algúns van de porta en porta
cun saco de cinzas ás costas
é porque son uns docas).
Se dixera que si... 
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.


As camisetas repartímolas entre os integrantes do Club de Lectura, que en tantas actividades participan. Para todo este alumnado e profesorado tan concienciados ¡GRAZAS!

Velaquí o deseño da camiseta e os agrazados:

Lema camiseta centenario Celso Emilio Ferreiro

Camiseta centenario Celso Emilio Ferreiro

Parte dos integrantes do Club de Lectura As catro esquinas do Quinto
 

Parte dos integrantes do Club de Lectura As catro esquinas do Quinto

19 jun 2012

Ler

Xa sabedes que neste blogue tamén queremos dar a coñecer actividades que levan a cabo noutros centros de ensino. Chamoume moito a atención este vídeo de animación á lectura realizado desde a biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Teñen un blogue moi activo que se chama Trafegando ronseis. Que vos parece? A min gustoume moito. A ver se vos inspirades e o curso que vén facemos cousas coma esta!!

11 jun 2012

V Xornada dos Clubs de Lectura

Eliacer Cansino, escritor de literatura xuvenil
O sábado día 9 acudimos á V Xornada dos Clubs de Lectura dos centros escolares de Galicia, que se celebrou no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela. O obxectivo desta xuntanza era expoñer os traballos que realizan os clubs, pero tamén propór actividades, anotar e copiar ideas  e escoitar todo tipo de suxestións para incentivar a alumnos, pais e  profesorado para participar nos clubs. ¿Sabedes que  hai máis de 7000 persoas implicadas nas Bibliotecas Escolares e nos Clubs de Lectura?

       Foi unha pena que non puidésedes acudir vós, porque alí houbo rapazada dabondo que o pasou moi ben nos distintos obradoiros nos que participaron:
  • Cómic, Que é a banda deseñada?
  • Narración, A autopista fantasma e outras estradas perigosas.
  • Poesía, Poesía por un tubo: versos para todos os públicos.
  • Rap, Hip Hop: A xuntanza das Artes.
  • Regueifas, Improvisación en verso. 
 
Mentres, os maiores escoitabamos a conferencia do escritor de literatura xuvenil, Eliacer Cansino. Algunhas obras súas son O misterio Velázquez (Ed. Bruño); OK, señor Foster (Edelvives) e Unha habitación en Babel (Anaya), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2010.

     Máis tarde, Inés Miret presentounos un proxecto de Redes de blogues de lectores de 12 a 15 anos chamado Que estás lendo? Neste proxecto están implicados 17 países (desde o mes de febreiro) e ten carácter iberoamericano. Hai xa máis de 820 blogues entre Iberoamérica e España, uns 1800 lectores. As linguas empregadas son de todo tipo, oficiais e mesmo outras minoritarias e minorizadas, coma linguas quechuas.
Desde modo coñecemos moitos blogues de rapaces coma vós, onde colgan as súas lecturas favoritas, opinións e comentarios. Por citar algúns: Leo porque yo quiero; El gato literario; Bibleo; Sabiduría reencarnada; Tinta, pluma y papel; El lobo Huargo, e moitos outros. ¿Por que non curioseades? Falan de moitos libros, teñen fotos, algúns fan videoblogues... Entrade sen medo, a ver se vos inspirades. E mellor, por que non empezades un?
    Tamén resultou moi interesante unha mesa redonda coa experiencia lectora de varios integrantes: alumnos, nais e profesores.



Outra actividade que nos gustou moito foi o intercambio de libros, xa a coñecedes: deixas un  libro e levas outro.





Xa pola tarde estivemos nas últimas reunións e rematou a xornada coa conferencia do escritor galego e membro da Real Academia Galega, Víctor Freixanes: "Espazos de socialización, territorio dos afectos".



Foi, como vedes, un día completo e moi fructífero, ou sexa, que xa sabedes, o curso vindeiro non deixedes de asistir!!


2 jun 2012

Conferencia de Lorenzo Silva

       Cando o pasado día 18 de abril desenvolvimos a tertulia literaria sobre a obra La estrategia del agua, de Lorenzo Silva, agardabamos que o autor nos honrase coa súa presenza, pero motivos persoais fixérono imposible nese momento, mais prometeunos que o faría en canto puidese. E  esa promesa materializouse o pasado día 30 de maio. Lorenzo Silva acudiu á xuntanza co alumnado e profesorado das Tertulias Literarias no Liceo de Ourense. Falounos do labor literario e das motivacións para escribir a saga dos dous inspectores da Garda Civil, Rubén Bevilacqua e Virgina Chamorro; tamén do caso real que inspirou esta novela. Ao final, abriuse unha rolda de preguntas onde vós puidestes facerlle aquelas que vos aclarasen algún aspecto da obra.  Foi unha xuntanza moi agradable.
Aquí vos deixo algunhas fotos desa tarde. Seguro que no blogue do Club de Lectura As catro esquinas do Quinto, toparedes con algunhas gravacións desa tarde.