23 abr 2020

Día do Libro 2020

Sempre  celebrabamos o Día do Libro con lecturas, con intercambio de libros, con exposicións dos fondos da nosa biblioteca... Este curso o confinamento pola COVID-19 cambiou todos os nosos plans. Pero como a vida segue, o profesorado do IES Xesús Ferro Couselo non quere deixar de celebrar unha efeméride que para nós, os docentes, é tan grata.
Por iso, a profesora Ana María López Cruz, de Educación Física, montou estes preciosos vídeos coa lectura de dous clásicos das letras galega e castelá.

Por un  lado o fermoso poema Adiós, ríos; adiós, fontes do poemario Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro, que tan ben reflicte a incerteza e os medos dos que parten lonxe da terra sen saber que esperar da nova vida e abafados pola anguria de partir da terra amada.

E polo outro, dous monólogos de La vida es sueño  (1635), obra de teatro de Pedro Calderón de la Barca, onde tamén se reflexiona sobre a propia vida.

Esperamos que vos gusten!
Feliz Día do Libro 2020 e moito ánimo!
Forza!

Rosalía de Castro: Adiós, ríos; adiós, fontes.





Pedro Calderón de la Barca: La vida es sueño.

16 abr 2020

O rap da COVID-19

Endika Zalbidea

O noso alumno Endika Zalbidea Amigo, de 2º ESO A,  gravou para a clase de lingua galega un rap inspirándose nos sentimentos, situacións e dificultades que estamos a vivir debido ao coronavirus. No confinamento que gardamos,  e a pesar das preocupacións e a alteración que nas nosas vidas isto provoca,  abrollan estas  mangníficas creacións.
Parabéns, Endika!

Se o queredes escoitar, premede  en AQUÍ .



6 abr 2020

Resitiremos a COVID-19

E tes a vida organizada e sucede que a vida cha descoloca. Descolocóunola a todos o coronavirus na súa doenza, a COVID-19.

Estamos a traballar desde casa, alumnado e profesorado, nunha experiencia que é para todos novidosa, por veces frustrante, outras extenuante e moitas gratificante. Grazas a todos e todas polo voso esforzo e bo comportamento durante estas semanas de confinamento.

Os profesores e profesoras do instituto quixemos darvos ánimos gravando un vídeo coa xa arquicoñecida versión 2020 de Resistiré do Dúo Dinámico. A profesora Ana Mª López, de Educación Física, encargouse de montar as imaxes que lle enviamos e o resultado é moi divertido, penso eu.

Aquí volo deixo para que o gocedes; con el querémosvos enviar unha grande aperta de ánimo e alento.

Disto sairemos máis fortes!