Un curso máis o alumnado de 1º ESO elaborou tarxetas de Nadal coas que dar os parabéns nestas festas e tamén para escribir nelas bos desexos para o vindeiro ano. Con elas adornamos o recibidor do instituto.
Tras a votación do xurado, os autores das mellores recibirán un agasallo que se lles entregará no festival de Nadal.
Hoxe o alumnado de 3º ESO asistiu á posta en escena da adaptación de Cousas (1926) de Castelao polo grupo Os Quinquilláns. Foi unha actividade organizada pola Concellalía e a Casa da Cultura de Barbadás e a Editorial Galaxia. Recibiron ademais o agasallo do libro.
A representación gustounos moito. Os Quinquilláns souberon unir en varios lances moitas das historias e dos personaxes de Cousas, aparecendo O Rifante, A marquesiña, O pai de Migueliño, a siña Sinforosa e moitos outros personaxes que deambulan por esta obra do xenial rianxeiro; como os namorados pillados en falta pola luz eléctrica da escoadra inglesa, os galegos que se atoparon nun porto estranxeiro, o sineiro Martín, o negriño que se afixo a ser galego e tivo morriña en Cuba, Bieito e o seu ichaviño agochado no monte e moitos outros.
A posta en escena e o decorado son espléndidos, o atrezzo moi coidado, e por suposto a soberbia actuación de Lucho Penabade e Tero Rodríguez (elenco e adaptadores da obra de Castelao) fan desta peza teatral unha opción moi recomendable para acercarse a Cousas e ao mundo de Castelao.
Velaquí algunhas fotos da representación e un vídeo da propia Editorial Galaxia:
No Club de Lectura As catro esquinas do Quinto traballaron co grupo de 2º ESO na obra O faro escuro de María López Sández. Deste libro non só
tiveron sesións no instituto, tamén realizaron unha estupenda xuntanza cos
nosos compañeiros do club de lectura do IES XULIO PRIETO NESPEREIRA. Foi un almorzo divertido,
con xogos, amigo invisible e debate. Algunhas das cuestións que se trataron foron: "Fixo ben Carolina deixando ao rapaz? É bo ou malo o fareiro?".
Quedaron tan satisfeitos que están pensando repetir a experiencia.
Este ano o Magosto estivo pasado por auga. Durante a mañá caeron chuzos, unhas boas chaparradas, pero por sorte foi escampando e para o xantar aínda puidemos facer a fogueira, asar as castañas e comer uns chourizos. Foi o que nos deron mercando o boleto aos alumnos de 4ºESO, que están a xuntar cartos para a súa excursión de final de curso. Tamén houbo sobremesas!
Este ano convidamos o alumnado de 6º de primaria dos colexios adscritos ao noso instituto: O CEIP Filometa Dato e o CEIP O Ruxidoiro, ambos da Valenzá. Con esta xuntanza pretendemos que vaian coñecendo o centro que pronto será o seu, ademais de estreitar lazos entre o alumnado.
O ritual de tinxir a cara coa cinza da fogueira foi o inicio dunha serie de xogos tradicionais nos que todos participamos:
O xogo dos sacos:
O xogo da chave:
O xogo da ra:
Os tres en raia:
O xogo do pano:
Xogos de precisión:
Pasámolo moi ben!
Se queredes información sobre a orixe, refráns e costumes desta festa popular dos magostos, premede aquí!