Mostrando entradas con la etiqueta cómics. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cómics. Mostrar todas las entradas

22 jun 2019

Lecturas de verán


Xa rematou o curso escolar, e coma sempre veñen días de lecer, longas tardes ao sol na piscina, no campo ou no mar. E sempre pretiño de nós algunha lectura divertida, de intriga, de misterio, de amor, policíaca... Calquera xénero é o axeitado.

Déixovos aquí unhas recomendacións: 

1º e 2º da ESO:


A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Ed. Xerais:

Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas, vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo.O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando "a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia desenvolvemento da historia.

Sálpock. O val dos cegos, de Álvaro López/Luís Sendón Demo Editorial. (cómic)


Obra de entretemento ambientada no mundo imaxinario de Zakfart, onde aventura e ciencia-ficción camiñan da man. Unha historia de heroes, acción, fantasía e amor cunha gran dose de crítica social: a trama desenvólvese no val dos Cegos, un lugar onde a xente vive escravizada e atemorizada por unha falsa ameaza.

O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde. Ed.Galaxia.




Este libro non conta unha historia, senón moitas historias. Hainas fantásticas e outras non tanto. Poderedes atopar de fantasmas, de homes que se converten en bólas inzadas, de androides, de hecatombes nucleares aparentes, de seres máxicos aínda que tímidos… cada historia é diferente, mais todas teñen un final sorprendente. Non o acreditas? Pois entón colle o libro e le nel.


3º e 4º da ESO


A tumba de Breogán, de Abel Alves e Esteban Tolj. Demo Editorial. (cómic):

Todo comeza cun achado fortuito nunhas obras realizadas na Torre de Hércules, os obreiros atopan unha inscrición en latín onde Caio Sebio Lupo, o arquitecto do faro romano, fala da tumba onde repousan os restos do mítico rei celta. Esta descoberta chega ata Eduardo Pondal que, entusiasmado, proponse atopar a devandita sepultura sen ser consciente de que pode haber xente con intereses opostos… Comeza así unha interesante e frenética sucesión dos acontecementos na cal o bardo de Ponteceso vai contar coa axuda do intrépido e afouto Antón Dedo d’Ouro, un antigo bandoleiro cheo de recursos.



O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.



Os que levan o lume, de Álvaro López  (Cómic).  Demo Editorial:

Por unha banda atopamos un mundo inhóspito, frío e cruel, sempre cuberto pola neve e no que unha terrible enfermidade sen cura asola aos seus habitantes. A nosa protagonista, Oksana, é unha rapaza que forma parte do pobo que leva o lume. Axudante do mestre Aristarkh, viaxa canda el nunha comitiva que atravesa o páramo xeado, pero as circunstancias farán que teña que valerse por si mesma para sobrevivir nun entorno tan hostil.

E no mesmo escenario, pero nun tempo anterior, descubrimos a historia dunha nena á que a vida tamén colocou na mesma situación anos atrás. O seu camiño converxerá co de Oksana de xeito sorprendente e inesperado.


BACHARELATO:


Senlleiras, de Antía Yáñez. Ed.Galaxia.

A novela das mulleres que rachan co silencio.
Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.
A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.
Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.




Infamia, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.



E para os que vos gusten moito as novelas gráficas e os cómics en xeral, déixovos un enlace para que consultedes títulos en lingua galega:



Ata o vindeiro curso!!
Feliz verán!!

25 jun 2017

Lecturas de verán

Non quero despedir o curso sen facervos algunhas recomendacións de lecturas para esas longas tardes de verán.

Para os cursos de 1º e 2º da ESO, animádevos con:
Premio Merlín 2016, Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.


Ou A chave da Atlántida, de Anxo Fariña.



3º e 4º da ESO poden animarse con  Engurras, de Paco Roca. 



Ou, por suposto, coa magnífica novela gráfica Ardalén, de Miguelanxo Prado. Esta obra recibiu o Premio Nacional de Cómic. Ardalén é unha historia sobre os recordos e a memoria, e como podemos manipular, de maneira consciente ou inconsciente,  esas lembranzas de acordo cos nosos intereses.



1º e 2º de bacharelato. Recoméndovos a obra anterior, por suposto, e tamén estoutras dúas de Miguelanxo Prado que lin recentemente e que moito me gustaron. Refírome a Trazo de xiz e Presas fáciles, ámbalas dúas novelas gráficas (ou cómics) editadas por El patito editorial. 



Se sodes amantes da poesía, que tal  Na casa da avoa, de Marta Dacosta?


Preferides novela? Pois a ver que vos parece Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo.



E para os que vos guste afondar no pasado con altas doses de intriga, metédelle o dente a Izan o da saca, de Xabier Quiroga.

 Intriga, cultura e un gran misterio en torno a Rosalía de Castro? A vosa novela é A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.




Nas bibliotecas públicas habedes atopar estas e outras xoias.


E con esta entrada despídome por este curso escolar. Grazas aos membros do EDLG e a todos aqueles que participaron nas nosas actividades, colaborando e animando. Parabéns a todos os premiados e aos que participaron en concursos e obradoiros.

Vémonos o vindeiro curso!! Bo verán e boas lecturas!!








29 abr 2016

Derradeiros cómics do alumnado de 4º ESO

E finalmente aquí están os dous últimos cómics realizados por dúas alumnas de 4º ESO, de guión propio e editados en vídeo polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG).

O primeiro é o de  Sofía Pérez González, de 4ºESO B; titúlase Os Trolliantes.
Velaquí:



O segundo titúlase  A girl pandi do Ferro Couselo. Foi realizado por Ana Rosa Pato Rodríguez, de 4ºESO A.
 

25 abr 2016

Máis cómics

Seguimos a mostrarvos os cómics que realizou o alumnado de 4º ESO e que o Equipo de Normalización editou en vídeo.
 
Matemáticas, realizado por Míriam Zorelle Pinto, de 4º ESO, grupo A.




Secuestro, guión e factura de Rebeca López López, de 4º ESO B. 

 

19 abr 2016

"Antón de Cidrán" e "A rapaza do circo"

Seguimos con outros dous cómics realizados polos alumnos de 4º ESO e inspirados en obras dos nosos autores.

O primeiro cómic seguiu o texto "Antón de Cidrán", da obra Á lus do candil, de Ánxel Fole, e foi feito polo alumno Diego Vázquez Feijoo, e editado en vídeo polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG).




O segundo cómic inspirouse no relato "A rapaza do circo", da obra Vento ferido, de Carlos Casares. Realizouno a alumna Paula Martínez Quintas, de 4ºESO B.



Os próximos cómics que editaremos son con guión de elaboración propia.

14 abr 2016

Cómics sobre "O Pai de Migueliño"

Alumnos de 4º ESO realizaron como tarefa de clase a elaboración de cómics baseados en relatos de escritores galegos; tamén podían escribir guións de colleita propia.

Ao EDLG ocorréusenos editar con eles uns vídeos para dar a coñecer os traballos feitos.

Aquí vos deixamos os primeiros, tres versións do relato "O pai de Migueliño", da obra Cousas, de Afonso R. Castelao.

Obra de Jaimies Mosquera Páez:



Velaquí o vídeo feito sobre o cómic de Nuria Vázquez González: 




E a terceira versión é esta de Adrián González Vázquez:

 

Nos vindeiros días seguiremos colgando máis vídeos sobre outras obras.

26 jun 2014

"Retrincos" en cómic

Un grupo de alumnas e alumnos de 3º ESO puxo en imaxes os relatos de Retrincos de Afonso R. Castelao. Son verdadeiras historias gráficas que editamos en vídeo. Esperemos que vos gusten tanto coma a nós. 

O Segredo, versión gráfica de Sheila Míguez, Uxía Yáñez e Alejandro Rodríguez.




O inglés, versión "moi libre" de  Álex Carballo,  Anxo Fernández, Adrián García e Jorge Fernández.




Peito de Lobo, realizado por Ainoha Quintas, Xoel Rivas e Nerea Sastre.



O Retrato, feito por Arianna, Ana Y., Sofía e Inés.




Sabela, cómic realizado por Laura Cabrera, Iria Domínguez, José Ángel Borrajo e Jorge Cid.



Noraboa a estes artistas!


Con estes traballos rematamos este curso escolar. 
Grazas a todos os que participastes nas actividades, traballos, lecturas, etc. 
E xa sabedes, no verán... lecturas en galego.
Saúdos!!

11 abr 2014

Día do Libro (III )

Sobre a morte de Bieito

O terceiro cómic Sobre a morte de Bieito, inspirado no relato homónimo de Rafael Dieste, realizouno Marcos García, de 4º ESO A. Lembrade que os alumnos tiñan que facer tanto o desenvolvemento de contidos coa selección de diálogos, como o encadre, planos, e recursos propios dos cómics como  son as onomatopeas, liñas cinéticas e metáforas visuais.
O cómic de Marcos foi este, que o EDLG editou en vídeo para que todos o vexades. 
Non vos animades a facer algo así para o Día das Letras Galegas?

Se queredes ver os outros dous vídeos con traballos dos vosos compañeiros clickade en aquí e acá.

Tamén podedes ver a dobraxe ao galego que o alumando do club de lectura As catro esquinas do Quinto fixo dunha curtametraxe de Tim Burton titulada Vicent. Fixérona o curso pasado co gallo do Día das Letras Galegas. É un traballo moi bo, podedes velo clickando en aquí.


10 abr 2014

Día do Libro ( II )

Sobre a morte de Bieito

Velaquí vos deixo o segundo cómic editado en vídeo baseado no relato de Rafael Dieste, Sobre a morte de Bieito. Fixeron o cómic Saray Pérez  e Lorena Rodríguez, de 4º ESO A.




Se queredes ver os outros dous cómics desta mesma temática feitos por outros alumnos clickade aquí e acá.

8 abr 2014

Día do Libro ( I )


Adiantámonos este curso a celebrar o Día do Libro cunha actividade na que participaron varios alumnos de 4º ESO.

Sobre a morte de Bieito

Tratábase de pasar a cómic o relato Sobre a morte de Bieito de Rafael Dieste. Os participantes tiveron que planificar as viñetas seleccionando o seu contido, tipo de plano, encadre, os diálogos... e recursos como onomatopeas, liñas cinéticas ou metáforas visuais.

O resultado foron tres magníficos cómics que o EDLG se encargou de editar en vídeo.

O primeiro cómic que vos presentamos realizárono Rodrigo Torres, Gabriel González e Martín Sierra.



Se queredes ver o segundo vídeo premede  aquí. Para o terceiro pulsade  acá.

17 feb 2012

Cómics e historias gráficas

Hautiére e François: De sangue e ladrillos

        Para os que vos gustan as historias gráficas e os cómics, deixo aquí o enlace  a unha páxina que teñen uns colegas no  seu blogue Trafegando ronseis. Alí tendes referencias de cento e pico obras, así que xa sabedes, a botarlle un ollo! Quizais saquedes ideas para facer agasallos, para recomendar outros a amigos ou coñecer novas obras e autores...