Mostrando entradas con la etiqueta autores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta autores. Mostrar todas las entradas

22 jun 2019

Lecturas de verán


Xa rematou o curso escolar, e coma sempre veñen días de lecer, longas tardes ao sol na piscina, no campo ou no mar. E sempre pretiño de nós algunha lectura divertida, de intriga, de misterio, de amor, policíaca... Calquera xénero é o axeitado.

Déixovos aquí unhas recomendacións: 

1º e 2º da ESO:


A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Ed. Xerais:

Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas, vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo.O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando "a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia desenvolvemento da historia.

Sálpock. O val dos cegos, de Álvaro López/Luís Sendón Demo Editorial. (cómic)


Obra de entretemento ambientada no mundo imaxinario de Zakfart, onde aventura e ciencia-ficción camiñan da man. Unha historia de heroes, acción, fantasía e amor cunha gran dose de crítica social: a trama desenvólvese no val dos Cegos, un lugar onde a xente vive escravizada e atemorizada por unha falsa ameaza.

O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde. Ed.Galaxia.




Este libro non conta unha historia, senón moitas historias. Hainas fantásticas e outras non tanto. Poderedes atopar de fantasmas, de homes que se converten en bólas inzadas, de androides, de hecatombes nucleares aparentes, de seres máxicos aínda que tímidos… cada historia é diferente, mais todas teñen un final sorprendente. Non o acreditas? Pois entón colle o libro e le nel.


3º e 4º da ESO


A tumba de Breogán, de Abel Alves e Esteban Tolj. Demo Editorial. (cómic):

Todo comeza cun achado fortuito nunhas obras realizadas na Torre de Hércules, os obreiros atopan unha inscrición en latín onde Caio Sebio Lupo, o arquitecto do faro romano, fala da tumba onde repousan os restos do mítico rei celta. Esta descoberta chega ata Eduardo Pondal que, entusiasmado, proponse atopar a devandita sepultura sen ser consciente de que pode haber xente con intereses opostos… Comeza así unha interesante e frenética sucesión dos acontecementos na cal o bardo de Ponteceso vai contar coa axuda do intrépido e afouto Antón Dedo d’Ouro, un antigo bandoleiro cheo de recursos.



O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real... Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.



Os que levan o lume, de Álvaro López  (Cómic).  Demo Editorial:

Por unha banda atopamos un mundo inhóspito, frío e cruel, sempre cuberto pola neve e no que unha terrible enfermidade sen cura asola aos seus habitantes. A nosa protagonista, Oksana, é unha rapaza que forma parte do pobo que leva o lume. Axudante do mestre Aristarkh, viaxa canda el nunha comitiva que atravesa o páramo xeado, pero as circunstancias farán que teña que valerse por si mesma para sobrevivir nun entorno tan hostil.

E no mesmo escenario, pero nun tempo anterior, descubrimos a historia dunha nena á que a vida tamén colocou na mesma situación anos atrás. O seu camiño converxerá co de Oksana de xeito sorprendente e inesperado.


BACHARELATO:


Senlleiras, de Antía Yáñez. Ed.Galaxia.

A novela das mulleres que rachan co silencio.
Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.
A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.
Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.




Infamia, de Ledicia Costas. Ed. Xerais.

Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.



E para os que vos gusten moito as novelas gráficas e os cómics en xeral, déixovos un enlace para que consultedes títulos en lingua galega:



Ata o vindeiro curso!!
Feliz verán!!

24 feb 2019

Día de Rosalía 2019


Para celebrar o Día de Rosalía, que sabedes que é o 24 de febreiro, día do seu nacemento, varios alumnos e alumnas de 1º de bacharelato B, leron poemas da escritora. A maioría pertencen ao seu poemario Follas Novas (1880). 

Con esta actividade, o EDLG e o IES Xesús Ferro Couselo queremos mostrar no 182 aniversario do seu nacemento, a nosa admiración e afecto pola autora máis universal das letras galegas.
Longa vida ás nosas letras!

E grazas a Laura, Jonathan, Ainhoa, Hugo, Rebeca, Isaac, Alejandro e María pola súa participación.

Velaquí os vídeos:

Laura González le "Daquelas que cantan as pombas i as frores"





Ainhoa Prieto le "Unha vez tiven un cravo". 




Hugo Fernández le "Pra a Habana V".




Rebeca Álvarez le "Tecín soia a miña tea".



Isaac Fabello le "Probe Galicia, non debes".



Alejandro Casas le "Vanidade".



María Domínguez despídese con "Vivir para ver".

14 feb 2019

Día dos Namorados


Que mellor maneira que manifestar o noso amor que facelo a través de fermosas palabras dos nosos autores!

O alumnado do noso instituto seleccionou poemas de amor de varios autores e autoras galegos. Despois algúns alumnos do EDLG montaron con eles un mural  no vestíbulo do centro para que toda a comunidade escolar poida gozar deles.

O amor abrangue moitos campos da nosa vida. En calquera deles... amade moito!

Feliz Día do Amor e dos Namorados!













Ademais o Equipo da Biblioteca tivo a idea de axudarnos a dicir esas fermosas palabras de amor con poemas en diversas linguas. Como dixemos, se tes a persoa, nós ofrecémosche as palabras de amor para que llas ofrezas.







Tamén adornamos as cristaleiras do instituto con corazóns que contiñan frases de cancións de amor.




28 jun 2018

Lecturas de verán


Outro curso que remata! En nada estaremos de descanso, nas piscinas e areais; na montaña, de viaxe ou gozando da cidade.
Pero tamén temos tempo dabondo para a nosa afección favorita: a lectura!

Déixovos aquí unhas recomendacións, porque no verán hai tempo para todo e, sobre todo, para ler.

1º e 2º ESO:


Fóra do normal (Ed.Xerais) de María Reimóndez, novela gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, identifica as heroínas e os heroes contemporáneos entre aquelas personas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.




Preferides outro tipo de aventuras?
Pois Nena e o mar (Ed. Xerais) pode gustarvos. A autora é Érica Esmorís e a novela recibiu o Premio Merlín de literatura infantil 2015.




3º  e 4º ESO:

Premendo no título podedes ver unha recensión da obra.


Outra opción é O que sei do silencio, historia arredor ao acoso nas aulas dun instituto. A autora é  Andrea Maceiras.


Desta mesma autora podedes ler unha novela que gañou o Premio Jules Verne e tamén o premio Fervenzas literarias ao mellor libro de literatura xuvenil, ámbolos dous en 2015, por Europa Express



1º e 2º bacharelato:

Como sabedes, o día 26 morreu o escritor Xabier P. Docampo e, como homenaxe a el, recoméndovos A nena do abrigo de astracán.  Ed. Xerais.


Outra opción é Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales Santomé. Ed. Galaxia.


Os profes do club de lectura eleximos a obra  de Pedro Feijoo: Sen piedade. (Ed. Xerais). Teremos en setembro a próxima cea literaria para falar deste libro.


 Recomendamos outros libros deste autor como son  Os fillos do mar ou Os fillos do lume. 




Vémonos o vindeiro curso coa mesma ilusión e ganas de defender a nosa cultura e a nosa lingua. E cun libro, mellor!

29 sept 2017

Curso 2017-18

Xa estamos aquí outra vez, novo curso e novas ilusións!


O profesorado pertencente ao Club de lectura As catro esquinas do Quinto (lembrade que ao noso IES Xesús Ferro Couselo aínda se lle coñece por este nome, xa que no seu momento foi o quinto instituto da cidade de Ourense) fixo os deberes de verán, posto que tiñamos dúas lecturas previstas para setembro. Unha era O anxo negro, de Manuel Gago; a outra, Patria de Fernando Aramburu.

Nunha das nosas ceas literarias falamos da novela de Gago, que ambientada nos anos oitenta na zona da Costa da Morte,  trata o tema do expolio do noso patrimonio cultural (figuras relixiosas, retablos, cruceiros, etc.), pero enmarcado nunha acción chea de intriga e de saltos ao pasado, chegando incluso á epoca dos ataques do pirata Drake ás nosas costas. Identificámonos coa idiosincrasia galega, os costumes; tamén aparece a devoción poular, a maneira do facer nas vilas e lugares etc. Gustounos moito.


A verdade é que o pasamos xenial nestas ceas, onde intercambiamos opinións, debatemos e colegueamos. De feito, moitos dos profes xa non están no noso instituto, pero seguen vinculados ao noso club de lectura.


Do libro en castelán, Patria, de Aramburu, habería moito que falar. En todos deixou pegada. O tema da violencia en Euskadi, reflectida nas dúas familias protagonistas, fíxonos pensar. Houbo quen opinou que chegado un punto era repetitivo e poderíase abreviar (xa imaxinades quen!).



Os próximos libros que leremos son Babilonia de Yasmina Reza e Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. A cea literaria será en decembro, xa vos contarei!




E con estas lecturas  damos comenzo ás actividades do EDLG do novo curso que comenza. Los miniclubs de alumnos/as comenzarán moi pronto. 
Xa vos iremos contando que len!

25 jun 2017

Lecturas de verán

Non quero despedir o curso sen facervos algunhas recomendacións de lecturas para esas longas tardes de verán.

Para os cursos de 1º e 2º da ESO, animádevos con:
Premio Merlín 2016, Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.


Ou A chave da Atlántida, de Anxo Fariña.



3º e 4º da ESO poden animarse con  Engurras, de Paco Roca. 



Ou, por suposto, coa magnífica novela gráfica Ardalén, de Miguelanxo Prado. Esta obra recibiu o Premio Nacional de Cómic. Ardalén é unha historia sobre os recordos e a memoria, e como podemos manipular, de maneira consciente ou inconsciente,  esas lembranzas de acordo cos nosos intereses.



1º e 2º de bacharelato. Recoméndovos a obra anterior, por suposto, e tamén estoutras dúas de Miguelanxo Prado que lin recentemente e que moito me gustaron. Refírome a Trazo de xiz e Presas fáciles, ámbalas dúas novelas gráficas (ou cómics) editadas por El patito editorial. 



Se sodes amantes da poesía, que tal  Na casa da avoa, de Marta Dacosta?


Preferides novela? Pois a ver que vos parece Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo.



E para os que vos guste afondar no pasado con altas doses de intriga, metédelle o dente a Izan o da saca, de Xabier Quiroga.

 Intriga, cultura e un gran misterio en torno a Rosalía de Castro? A vosa novela é A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.




Nas bibliotecas públicas habedes atopar estas e outras xoias.


E con esta entrada despídome por este curso escolar. Grazas aos membros do EDLG e a todos aqueles que participaron nas nosas actividades, colaborando e animando. Parabéns a todos os premiados e aos que participaron en concursos e obradoiros.

Vémonos o vindeiro curso!! Bo verán e boas lecturas!!