25 jun 2017

Lecturas de verán

Non quero despedir o curso sen facervos algunhas recomendacións de lecturas para esas longas tardes de verán.

Para os cursos de 1º e 2º da ESO, animádevos con:
Premio Merlín 2016, Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.


Ou A chave da Atlántida, de Anxo Fariña.



3º e 4º da ESO poden animarse con  Engurras, de Paco Roca. 



Ou, por suposto, coa magnífica novela gráfica Ardalén, de Miguelanxo Prado. Esta obra recibiu o Premio Nacional de Cómic. Ardalén é unha historia sobre os recordos e a memoria, e como podemos manipular, de maneira consciente ou inconsciente,  esas lembranzas de acordo cos nosos intereses.



1º e 2º de bacharelato. Recoméndovos a obra anterior, por suposto, e tamén estoutras dúas de Miguelanxo Prado que lin recentemente e que moito me gustaron. Refírome a Trazo de xiz e Presas fáciles, ámbalas dúas novelas gráficas (ou cómics) editadas por El patito editorial. 



Se sodes amantes da poesía, que tal  Na casa da avoa, de Marta Dacosta?


Preferides novela? Pois a ver que vos parece Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo.



E para os que vos guste afondar no pasado con altas doses de intriga, metédelle o dente a Izan o da saca, de Xabier Quiroga.

 Intriga, cultura e un gran misterio en torno a Rosalía de Castro? A vosa novela é A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.




Nas bibliotecas públicas habedes atopar estas e outras xoias.


E con esta entrada despídome por este curso escolar. Grazas aos membros do EDLG e a todos aqueles que participaron nas nosas actividades, colaborando e animando. Parabéns a todos os premiados e aos que participaron en concursos e obradoiros.

Vémonos o vindeiro curso!! Bo verán e boas lecturas!!








15 jun 2017

A nosa biblioteca

O galego ten, por suposto, boa visibilidade e uso na nosa biblioteca. Non só porque é centro de reunións dos integrantes do Club de Lectura, sesións de audicións de Samaín etc., senón porque o idioma está presente en anuncios no taboleiro e suxestións de novos libros para os seus fondos.





Peticións de libros para o fondo:






9 jun 2017

Fotografía matemática

Recollemos aquí unha actividade moi interesante que levou a cabo o departamento de Matématicas. O alumnado tiña que facer fotografías que recollesen elementos matemáticos. 

Podían facerse con obxectos que atopasen ao seu paso ou crealos facendo composicións

Os gañadores recibiron como agasallo unha camiseta coa  foto elexida impresa.







5 jun 2017

Grupo de teatro: O mago de Oz

O grupo Quinto teatro do noso IES participou por segundo ano consecutivo na MOTECES (mostra de teatro escolar) con enorme éxito. Tamén no noso centro puxeron en escena a obra O mago de Oz, baseada na novela infantil de L. Frank Baum, e coa adaptación da directora do grupo Quinto teatro, dona Margarita Varela.
Gozamos da representación tanto o alumando e profesorado o día 31 de maio, como as nais e pais o fixeron ó día seguinte en sesión de tarde.

Este curso a lingua usada foi o castelán, porque o ano pasado usaron o galego en Ánxelica ás portas do ceo, de E. Blanco Amor (podedes ver as fotos de entón premendo aquí).

O alumnado da materia de plástica de 2º de bacharelato foi o encargado de deseñar e debuxar os decorados, baixo a supervisión da súa profesora, Ana Rosa.

Velaquí o magnífico resultado: 

Elenco de Quinto teatro







Paula, Yaiza, Verónica, Daniel e María