17 mar 2021

O Día de San Patricio 2021. (St. Patrick's Day)



O Día de San Patricio (Lá Fhéile Pádraig) é unha festa que celebra a San Patricio, o máis coñecido dos patróns de Irlanda e celébrase o 17 de marzo. É a festa nacional de Irlanda e festivo en Irlanda do Norte. Celébrase popularmente en moitos países sen ser festivo, especialmente por irlandeses de orixe pero tamén por moita xente doutras orixes, tal é o caso de Canadá, Gran Bretaña, Australia, Estados Unidos, Arxentina, Nova Zelandia e Galicia. Adoitan adornar todo de cor verde e cómese comida típica de irlanda  e bébese cervexa irlandesa.

A festa de San Patricio estableceuse no calendario litúrxico da Igrexa católica debido á influencia do erudito franciscano Luke Wadding a comezos do século XVII, aínda que xa viña sendo celebrado pola igrexa local irlandesa desde moito antes. Tradicionalmente era tan só unha festividade relixiosa; non foi ata 1903 cando se converteu nunha data festiva civil tras unha lei presentada polo deputado irlandés James O'Mara na Cámara dos Comúns; máis tarde outra lei prohibiulles aos pubs abrir nesa data mantívose en vigor ata os anos 70. A primeira parada oficial do Día de San Patricio foi en 1931 presidida polo ministro de defensa, Desmond FitzGerald. Desde 1996 celébrase o Festival do Día de San Patricio.

O departamento de inglés celebrou co alumnado o Día de San Patricio con carteis que realizaron os alumnos e alumnas e con información desta efeméride.







14 mar 2021

Día de π

DÍA DE  Pi


Pola forma en que se escribe a data na notación empregada en Estados Unidos, o 14 de marzo (3/14) converteuse nunha celebración non oficial para o Día de Pi, que derivou da aproximación de tres díxitos de pi: 3,14.

Este curso por primeira vez o departamento de matemáticas decidiu celebrar no instituto o Día de Pi co skyline dos seus díxitos, e o resultado foi o que vedes a continuación.





Foi unha actividade novidosa e moi sorprendente!

8 mar 2021

Día Da Muller 2021. IV parte



 A GIOCONDA GALEGA

O curso pasado o departamento de Educación Plástica e Visual propuxo, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, levar adiante un proxecto que vinculase a creación artística con referencias culturais galegas. O resultado foi vestir a Gioconda, esa enigmática muller do cadro de Leonardo da Vinci, cunha indumentaria que revelase a condición da muller galega na súa faceta de muller traballadora e na actividade diaria. Así, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH. ideou Giocondas mariñeiras, polbeiras, labregas... ou engalanadas cos seus mellores adobíos de festa.

 O resultado foi espectacular (aquí só vedes unha mostra), pero a aparición da pandemia da COVID-19 impediunos rematar o proxecto. Este curso decidimos retomalo no Día da Muller para amosar os fermosos traballos destes alumnos e alumnas dos que o IES Ferro Couselo está moi orgulloso. Desgrazadamente, algúns deles xa non cursan aquí este ano, mais o seu traballo non se podía perder. Esperamos que se sintan tan orgullosos coma nós deles.

O EDLG quixo agasallar a Antía López  e a Lucía Álvarez polas súas obras. Parabéns!


















Día da Muller 2021. III parte.

Unha actividade que desenvolvemos este curso para celebrar o Día da Muller, na que participaron varios departamentos (LG, LC, FeQ, EF...) e  que nos emocionou moito, foi remedar a famosa pose de Rosie The Riveter (Rosie, a Remachadora), icono cultural que representa as mulleres que traballaban nas fábricas durante a II Guerra Mundial. O lema We Can Do It! (Podemos facelo!) é moi axeitado neste Día adicado ás mulleres. 

Alumnado e profesorado posamos e a profesora de EF Ana Mª López Cruz editou un vídeo. Coas fotos realizamos uns paneis que colocamos á entrada do instituto.







Día da Muller 2021. II parte



Dentro das actividades que programou o instituto para celebrar o Día da Muller, o grupo da Biblioteca montou un expositor con libros de autoras que se colocou no vestíbulo do centro.

Tamén quixemos honrar o traballo das mulleres a través do mostrario de traxes de faena, como símbolo de todas esas tarefas case sempre pouco valoradas, sendo como son tan necesarias e imprescindibles no funcionamento da sociedade.






Día da Muller 2021. I parte.



O día 8 de marzo celebramos o Día da Muller. Levamos este curso salientando moito (a través do Plan Proxecta Donas de si),  o gran labor que ao longo da historia desenvolvemos as mulleres e como, case sempre, fomos silenciadas, eludidas ou directamente  apartadas.

Este ano  celebramos este día reivindicando por un lado as historias das nosas devanceiras baixo o lema Somos un pobo de mulles. Queriamos darlle o posto de honor ao o digno labor das nosas bisavoas, avoas, nais, tías... Para iso, desde o departamento de LG, recolléronse fotos destas mulleres entre profesorado e alumnado e fixéronse carteis con elas, acompañadas dun poema das nosas autoras e autores máis coñecidos. Montamos un mural nas escaleiras e quedou  moi emotivo.  Tamén hai un vídeo da actividade que podedes ver ao final.