Noelia Gómez é a autora deste vídeo, elaborado como
traballo para as clases de galego: «Tiñamos que facer algo sobre o
idioma e, como son de Rianxo e falo con seseo e gheada, ocorréuseme
reivindicar as peculiaridades da miña zona e, de paso, defender as
variantes do galego». Para desenvolver a súa idea, contou coa colaboración de
tres amigos de Imo, no veciño municipio de Dodro. Xunto coa propia
Noelia, Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey póñenlle voz a situacións
cotiás coas que se atopan no seu día a día, e que lonxe das críticas ás
que en máis de unha ocasión tiveron que enfrontarse, revolven
empregando a lingua nai, tal e como a mamaron, sen disfraz algún.
(A voz de Galicia, 25-10-2014)