8 mar 2021

Día Da Muller 2021. IV parte



 A GIOCONDA GALEGA

O curso pasado o departamento de Educación Plástica e Visual propuxo, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, levar adiante un proxecto que vinculase a creación artística con referencias culturais galegas. O resultado foi vestir a Gioconda, esa enigmática muller do cadro de Leonardo da Vinci, cunha indumentaria que revelase a condición da muller galega na súa faceta de muller traballadora e na actividade diaria. Así, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH. ideou Giocondas mariñeiras, polbeiras, labregas... ou engalanadas cos seus mellores adobíos de festa.

 O resultado foi espectacular (aquí só vedes unha mostra), pero a aparición da pandemia da COVID-19 impediunos rematar o proxecto. Este curso decidimos retomalo no Día da Muller para amosar os fermosos traballos destes alumnos e alumnas dos que o IES Ferro Couselo está moi orgulloso. Desgrazadamente, algúns deles xa non cursan aquí este ano, mais o seu traballo non se podía perder. Esperamos que se sintan tan orgullosos coma nós deles.

O EDLG quixo agasallar a Antía López  e a Lucía Álvarez polas súas obras. Parabéns!


















Día da Muller 2021. III parte.

Unha actividade que desenvolvemos este curso para celebrar o Día da Muller, na que participaron varios departamentos (LG, LC, FeQ, EF...) e  que nos emocionou moito, foi remedar a famosa pose de Rosie The Riveter (Rosie, a Remachadora), icono cultural que representa as mulleres que traballaban nas fábricas durante a II Guerra Mundial. O lema We Can Do It! (Podemos facelo!) é moi axeitado neste Día adicado ás mulleres. 

Alumnado e profesorado posamos e a profesora de EF Ana Mª López Cruz editou un vídeo. Coas fotos realizamos uns paneis que colocamos á entrada do instituto.







Día da Muller 2021. II parte



Dentro das actividades que programou o instituto para celebrar o Día da Muller, o grupo da Biblioteca montou un expositor con libros de autoras que se colocou no vestíbulo do centro.

Tamén quixemos honrar o traballo das mulleres a través do mostrario de traxes de faena, como símbolo de todas esas tarefas case sempre pouco valoradas, sendo como son tan necesarias e imprescindibles no funcionamento da sociedade.






Día da Muller 2021. I parte.



O día 8 de marzo celebramos o Día da Muller. Levamos este curso salientando moito (a través do Plan Proxecta Donas de si),  o gran labor que ao longo da historia desenvolvemos as mulleres e como, case sempre, fomos silenciadas, eludidas ou directamente  apartadas.

Este ano  celebramos este día reivindicando por un lado as historias das nosas devanceiras baixo o lema Somos un pobo de mulles. Queriamos darlle o posto de honor ao o digno labor das nosas bisavoas, avoas, nais, tías... Para iso, desde o departamento de LG, recolléronse fotos destas mulleres entre profesorado e alumnado e fixéronse carteis con elas, acompañadas dun poema das nosas autoras e autores máis coñecidos. Montamos un mural nas escaleiras e quedou  moi emotivo.  Tamén hai un vídeo da actividade que podedes ver ao final.










24 feb 2021

Día de Rosalía de Castro


 


Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1937. Hai diso 184
anos. O día 24 de febreiro é o Día de Rosalía. Neste día celebramos con orgullo a obra desta insigne autora coa que a literatura galega recuperou o esplendor perdido durante os Séculos Escuros. Con ela comenza o Rexurdimento e tamén o sentimento de cantar o bo e o malo que sofre esta nosa terra.

Este curso, alumnado voluntario de 2º ESO, por iniciativa do departamento de LG, fixo súa unha imaxe icónica da autora e aportoulle a súa visión persoal. Coas ilustracións montamos un gran cadro para homenaxear a Rosalía. Quedou precioso!

O EDLG premiou a dúas alumnas polos seus debuxos. Son María Quintas Fernández, de 2º ESO A, e  Adriana De la Torre Morales, de 2º ESO B. Parabéns!

María Quintas


Adriana De la Torre





 Parabéns a todos e todas por partipar!
Tamén lemos algún poema de Rosalía en cada aula.









13 feb 2021

O ENTROIDO 2021


Un curso máis o alumnado de 1º da ESO participou nun concurso de máscaras de Entroido feitas con elementos de reciclaxe. O departamento de Educación Plástica e Visual promoveu esta actividade, que coordinou o EDLG. Saíu unha colección ben xeitosa.









Tralas votacións, os premiados foron:

1º premio:

Yerik Gael Suárez Dacosta, de 1º ESO B.



2º premio:

Adrián Blanco Fernández, de 1º ESO A




3º premio: 

Breogán Rodríguez Penín, de 1º ESO B.




Accésit:

Breogán Leiro Estévez, de 1º ESO A.



Parabéns aos gañadores e a todos e todas os participantes.


Tamén este curso, e a pesar das restricións pola COVID-19, os disfraces animaron o útima xornada  de clases antes dos días de lecer. Houbo risas e algún baile, gardando as distancias de seguridade, claro que si! Foi ben divertido!