1 jul 2021

Lecturas de verán


Acaba un novo curso, outro máis no cómputo da vida; e este tan peculiar, tan difícil e tan estimulante á vez debido á pandemia da COVID-19. Pero ao final puidemos levar adiante o previsto moito mellor do imaxinado grazas ao esforzo de profesorado, alumnado e familias.

Acabou o curso 2020-21 e chegaron as vacacións tan desexadas!!

O EDLG remata o seu labor coas recomendacións de lecturas de verán, porque un tamén se divirte lendo. Un libro acompaña, sosega, divirte, informa, anoxa, namora, fainos medrar ou sentirnos pequechos, pero sempre, sempre activa a imaxinación, o coñecemento, a ilusión. Sempre aprendemos algo ao ler un libro.

Velaquí algunhas suxestións:


1º e 2º da ESO:

Eduardo SantiagoO mundo máxico de Lía .

ARGUMENTO: Lía ten dez anos e a súa nai cre que é moi madura para a súa idade. Claro que o resto da xente pensa todo o contrario, sobre todo o pai, que se burla dela porque se nega a falar. Unha noite, Lía foxe da casa e agóchase detrás duns arbustos esquivando a persecución do seu pai. Na compañía de Glok, un trasno imaxinario, emprende unha aventura fantástica por un mundo máxico, soterrado baixo a cidade de Pontevedra. Lía non ten medo, é unha nena valente, disposta a enfrontarse ao que faga falta para volver xunto á súa nai, aínda que sexa o malvado líder dos homes rataNÚCLEOS TEMÁTICOS: Fantasía, aventuras. XÉNERO: Novela.


Ana María Galego Gen: Bandeiras negras. Editorial: Baía Edicións.  Obra gañadora do V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2012



ARGUMENTO:

N’A Illa do Tesouro, Jim Hawkins, o narrador, ou Stevenson, o autor, non dan moitos detalles sobre a vida de Long John Silver. Só temos algúns trazos: que navegou co histórico capitán England, ou que está casado cunha muller negra.

Este é o xermolo de Bandeiras negras. Quen é esa misteriosa muller, onde coñeceu a Silver e como chegou a casar con el?

Páxina a páxina, coñeceremos as aventuras da pequena escrava Providence, quen se converterá no mariñeiro Chris e que navegará baixo as bandeiras dos piratas de máis sona: Bonnet, England… e Flint, o temible capitán do Walrus. Providence sabe cal é a vida á que está abocada dende o seu nacemento e será quen de rebelarse contra o seu destino. Non hai moitas oportunidades para as mulleres, e menos para as mulleres negras, no século XVIII. Pero as oportunidades, e a sorte, ás veces chegan andando sobre unha soa perna…



3º e 4º ESO:

Cándido Paniagua Pou: 48 horas. Ed. Xerais. Colección Fóra de xogo.

ARGUMENTO Ninguén imaxinaba que a gravación dun documental para a materia de Historia remataría de forma tráxica coa enigmática desaparición de Lois Figueirido. Familia, amizades e veciñanza mobilizaranse e achegarán todos os seus esforzos para dar con el. Mais, para avanzar na investigación, deberán someterse a unha introspección, botar man da historia local e axudarse das redes sociais. A súa busca ten tempo límite: 48 horas. Entre todos serán quen de atopalo? 

NÚCLEOS TEMÁTICOS: Investigación, historia, redes sociais. XÉNERO: Novela. 



Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor. Ed. Xerais.  Colección Milmanda.

ARGUMENTO: Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro de relatos; todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles ver a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata o que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos. Un libro memorable. 


1º e 2º Bac.:

Ray Bradbury. Tradución de María Magdalena Fernández Pérez: Fahrenheit 451. ED. Xerais. Colección  Fóra de Xogo.

Farenheit 451 é un libro que non pode deixarse de ler. A súa temática está de plena actualidade. Recoméndovolo con paixón.

ARGUMENTO: Fahrenheit 451 é a temperatura á cal un libro prende lume e arde. Os libros están prohibidos e Guy Montag, bombeiro, pertence ao Departamento do Lume, que persegue os disidentes que se atreven a ler. O seu traballo consiste en queimar libros, que son fonte de discordia e infelicidade. Pero Montag séntese desgraciado: o seu matrimonio está en crise. Acaso hai libros agochados na súa casa? Fahrenheit 451 é un clásico da literatura do século XX, unha distopía nun tempo en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de activistas da lectura os memoriza e loita por transmitir o coñecemento de boca en boca. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Libros, lectura, literatura, ciencia ficción. XÉNERO: Novela.


Antonio ManuelFraga: Santoamaro. Ed. Xerais. Colección Fóra de xogo.

ARGUMENTO: finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos ate entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Amizade, intriga, mocidadade. XÉNERO: Novela.

Espero e desexo que pasedes un bo verán e xa sabedes... sempre cun libro!