23 sept 2020

Mediadoras escolares


 

    Que ilusión, que emoción descubrir a representantes do noso grupo de mediación escolar no programa de debate Quién educa a quién da TVE1, tralo visionado do primeiro capítulo da serie HIT, ambientada como sabedes nos fortes conflitos dun ficticio centro de ensino secundario.

As nosas alumnas de 1º Bach. Paula Orbán e Sara Padrón, que pertencen ao grupo de mediación escolar, falaron da necesidade de que haxa este tipo de grupos nos centros escolares para a resolución de conflitos entre iguais, e comentaron a súa experiencia como mediadoras escolares.

    Que boa maneira de comenzar este curso escolar, vendo como os froitos do traballo de tantos van  saíndo á luz!




No twitter de Normalización Lingüística,  @ENDLFerro publicamos tamén esta grata nova:


No programa da tele aparecen a partir de  1:36:56  no programa do 21 de setembro de 2020. Podedes velo aquí.     

Parabéns de novo!          

21 sept 2020

CURSO 2020-21

 


Querida comunidade escolar:

iniciamos un novo curso que é máis novo ca nunca. Despois do dificultoso, triste e imprevisto terceiro trimestre do pasado curso debido ao confinamento pola pandemia da COVID-19, volvemos pisar as aulas do noso querido instituto cheos de esperanzas mais tamén con medos e receos pois os contaxios seguen.

O traballo do equipo directivo para ter todo listo (medidas hixiénicas, cartelería, planificación...) foi inxente, e agora só queda que todos, alumnado e profesorado, arrimemos o ombro e fagamos o que temos que facer: gardar a distancia de seguridade, usar os hidroxeles e poñer as  máscaras. Só así garantiremos un ensino presencial que, durante o confinamento, descubrimos tan importante. Non se pode ensinar se non é  mirando aos ollos, se non é interpretando a comunicación non verbal, se non é revisando libretas, exercicios, sen contacto social. Todo iso botamos en falta. Todos tivemos que botar man da tecnoloxía, e a tecnoloxía falla porque son máquinas programadas. Os humanos improvisamos, os humanos buscamos un plan B, os humanos ralentizamos se cómpre para que todos vaian no tren do saber  sen descolgarse del. As máquinas son implacables.

Con todo, ninguén nega que sexan necesarias. Este curso intentaremos que o factor presencial sexa o dominante, que poidamos, xa que non ver os sorrisos  nas bocas, si as ironías nos ollos.

Un abrazo inmenso -profes, alumnos e alumnas, conserxes, limpadoras- de recibimento a este curso tan atípico!

Begoña.