Mostrando entradas con la etiqueta Información. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Información. Mostrar todas las entradas

1 jul 2021

Lecturas de verán


Acaba un novo curso, outro máis no cómputo da vida; e este tan peculiar, tan difícil e tan estimulante á vez debido á pandemia da COVID-19. Pero ao final puidemos levar adiante o previsto moito mellor do imaxinado grazas ao esforzo de profesorado, alumnado e familias.

Acabou o curso 2020-21 e chegaron as vacacións tan desexadas!!

O EDLG remata o seu labor coas recomendacións de lecturas de verán, porque un tamén se divirte lendo. Un libro acompaña, sosega, divirte, informa, anoxa, namora, fainos medrar ou sentirnos pequechos, pero sempre, sempre activa a imaxinación, o coñecemento, a ilusión. Sempre aprendemos algo ao ler un libro.

Velaquí algunhas suxestións:


1º e 2º da ESO:

Eduardo Santiago: O mundo máxico de Lía .

ARGUMENTO: Lía ten dez anos e a súa nai cre que é moi madura para a súa idade. Claro que o resto da xente pensa todo o contrario, sobre todo o pai, que se burla dela porque se nega a falar. Unha noite, Lía foxe da casa e agóchase detrás duns arbustos esquivando a persecución do seu pai. Na compañía de Glok, un trasno imaxinario, emprende unha aventura fantástica por un mundo máxico, soterrado baixo a cidade de Pontevedra. Lía non ten medo, é unha nena valente, disposta a enfrontarse ao que faga falta para volver xunto á súa nai, aínda que sexa o malvado líder dos homes rata. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Fantasía, aventuras. XÉNERO: Novela.


Ana María Galego Gen: Bandeiras negras. Editorial: Baía Edicións.  Obra gañadora do V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2012



ARGUMENTO:

N’A Illa do Tesouro, Jim Hawkins, o narrador, ou Stevenson, o autor, non dan moitos detalles sobre a vida de Long John Silver. Só temos algúns trazos: que navegou co histórico capitán England, ou que está casado cunha muller negra.

Este é o xermolo de Bandeiras negras. Quen é esa misteriosa muller, onde coñeceu a Silver e como chegou a casar con el?

Páxina a páxina, coñeceremos as aventuras da pequena escrava Providence, quen se converterá no mariñeiro Chris e que navegará baixo as bandeiras dos piratas de máis sona: Bonnet, England… e Flint, o temible capitán do Walrus. Providence sabe cal é a vida á que está abocada dende o seu nacemento e será quen de rebelarse contra o seu destino. Non hai moitas oportunidades para as mulleres, e menos para as mulleres negras, no século XVIII. Pero as oportunidades, e a sorte, ás veces chegan andando sobre unha soa perna…



3º e 4º ESO:

Cándido Paniagua Pou: 48 horas. Ed. Xerais. Colección Fóra de xogo.

ARGUMENTO Ninguén imaxinaba que a gravación dun documental para a materia de Historia remataría de forma tráxica coa enigmática desaparición de Lois Figueirido. Familia, amizades e veciñanza mobilizaranse e achegarán todos os seus esforzos para dar con el. Mais, para avanzar na investigación, deberán someterse a unha introspección, botar man da historia local e axudarse das redes sociais. A súa busca ten tempo límite: 48 horas. Entre todos serán quen de atopalo? 

NÚCLEOS TEMÁTICOS: Investigación, historia, redes sociais. XÉNERO: Novela. 



Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor. Ed. Xerais.  Colección Milmanda.

ARGUMENTO: Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro de relatos; todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles ver a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata o que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos. Un libro memorable. 


1º e 2º Bac.:

Ray Bradbury. Tradución de María Magdalena Fernández Pérez: Fahrenheit 451. ED. Xerais. Colección  Fóra de Xogo.

Farenheit 451 é un libro que non pode deixarse de ler. A súa temática está de plena actualidade. Recoméndovolo con paixón.

ARGUMENTO: Fahrenheit 451 é a temperatura á cal un libro prende lume e arde. Os libros están prohibidos e Guy Montag, bombeiro, pertence ao Departamento do Lume, que persegue os disidentes que se atreven a ler. O seu traballo consiste en queimar libros, que son fonte de discordia e infelicidade. Pero Montag séntese desgraciado: o seu matrimonio está en crise. Acaso hai libros agochados na súa casa? Fahrenheit 451 é un clásico da literatura do século XX, unha distopía nun tempo en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de activistas da lectura os memoriza e loita por transmitir o coñecemento de boca en boca. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Libros, lectura, literatura, ciencia ficción. XÉNERO: Novela.


Antonio ManuelFraga: Santoamaro. Ed. Xerais. Colección Fóra de xogo.

ARGUMENTO: finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos ate entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Amizade, intriga, mocidadade. XÉNERO: Novela.

Espero e desexo que pasedes un bo verán e xa sabedes... sempre cun libro!


1 oct 2018

Fekat Circus


O día 28 de setembro veu visitarnos ao instituto unha representación do Fekat Circus para explicarnos o fermoso e importante labor que fan estes xoves etíopes no seu país con rapaces e rapazas, a moitos deles sacándoos da rúa, co fin de darlles escola, acubillo e alimentos, e ensinarlles o valor do esforzo e da disciplina a través do circo; ademais logran que estes mociños teñan autoestima e unha razón para saír da marxinalidade e para gañar a vida. Contáronnos outras actividades que fan, como as visitas dos pallados aos nenos nos hospitais para arrincarlles un sorriso.

De xira por Europa recalaron en Ourense, onde no Teatro Principal presentaron a obra Move in á que estabamos invitados a asistir.

Foi unha actuación preciosa, onde mostraron as súas habilidades circenses.

Déixovos aquí un vídeo de presentación:




As alumnas Elba, Alba e Laura (1º bacharelato) cos artistas.


25 jun 2017

Lecturas de verán

Non quero despedir o curso sen facervos algunhas recomendacións de lecturas para esas longas tardes de verán.

Para os cursos de 1º e 2º da ESO, animádevos con:
Premio Merlín 2016, Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.


Ou A chave da Atlántida, de Anxo Fariña.



3º e 4º da ESO poden animarse con  Engurras, de Paco Roca. 



Ou, por suposto, coa magnífica novela gráfica Ardalén, de Miguelanxo Prado. Esta obra recibiu o Premio Nacional de Cómic. Ardalén é unha historia sobre os recordos e a memoria, e como podemos manipular, de maneira consciente ou inconsciente,  esas lembranzas de acordo cos nosos intereses.



1º e 2º de bacharelato. Recoméndovos a obra anterior, por suposto, e tamén estoutras dúas de Miguelanxo Prado que lin recentemente e que moito me gustaron. Refírome a Trazo de xiz e Presas fáciles, ámbalas dúas novelas gráficas (ou cómics) editadas por El patito editorial. 



Se sodes amantes da poesía, que tal  Na casa da avoa, de Marta Dacosta?


Preferides novela? Pois a ver que vos parece Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo.



E para os que vos guste afondar no pasado con altas doses de intriga, metédelle o dente a Izan o da saca, de Xabier Quiroga.

 Intriga, cultura e un gran misterio en torno a Rosalía de Castro? A vosa novela é A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.




Nas bibliotecas públicas habedes atopar estas e outras xoias.


E con esta entrada despídome por este curso escolar. Grazas aos membros do EDLG e a todos aqueles que participaron nas nosas actividades, colaborando e animando. Parabéns a todos os premiados e aos que participaron en concursos e obradoiros.

Vémonos o vindeiro curso!! Bo verán e boas lecturas!!








15 jun 2017

A nosa biblioteca

O galego ten, por suposto, boa visibilidade e uso na nosa biblioteca. Non só porque é centro de reunións dos integrantes do Club de Lectura, sesións de audicións de Samaín etc., senón porque o idioma está presente en anuncios no taboleiro e suxestións de novos libros para os seus fondos.





Peticións de libros para o fondo:






29 sept 2016

Curso 2016-17. Benvida!


Ola, lectores, visitantes e comunidade escolar do IES Xesús Ferro Couselo!

Xa estamos outro novo curso aquí, intentando incentivar o uso da nosa lingua e recollendo neste blog o froito da vosa participación e dos traballos, que espero que sexan, como mínimo tan xenerosos coma sempre (e se poden ser, máis). 

Seguides a ser tímidos á hora de comentar no blog ou facer suxestións. Sabede que desde hai dous cursos tendes outra vía para facelo: a través do twitter no EDLG: @ENDLFerro .

Este curso temos a dificultade engadida de que as terribles reducións de persoal fan imposible abarcar todo o que nos gustaría facer co alumnado e profesorado, así que intentaremos, polo menos, manter aquelas actividades con mellores resultados, aquelas orientadas aos propios alumnos.

De novo a que vos fala é a coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a creadora deste blog, que manterei de momento.

E a actividade coa que iniciaremos o novo curso xa é tradicional no centro: celebrar a Festa do Samaín.
Déixovos aquí o enlace de información sobre esta festa:

Saúdos!
Begoña Calvo Álvarez.

 

18 dic 2014

Defensa das variantes dialectais do galego II

Defensa da variante dialectal do galego oriental.




Só falta o bloque central. Como dixo a profe Paloma, por que non vos animades a facer a defensa da variante dialectal central do galego?

1 oct 2014

CURSO 2014-15

Ola a tod@s!

Iniciamos este novo curso académico con nova responsable do Equipo de Normalización: Paloma Losada.

Iniciativa súa é a creación dunha conta en Twitter: ENDL Ferro Couselo  @ENDLFerro. Así que xa sabedes... SEGUÍDENOS!!!



9 dic 2013

Ollos de aula

Déixovos aquí unha nova edición da revista Ollos de aula. Nela podemos atopar ideas para os agasallos de Nadal, tamén un enlace para os que vos gusten as ciencias e a tecnoloxía.

Un apartado interesante é a análise de como vai afectar ao ensino do galego a nova lei de educación (LOMCE). 

Dentro do apartado "Palabras do ensino" explícase que é e para que serve o departamento de Orientación.

Desde este enlace mesmo, podedes ollar a revista do mes pasado, que nos trae información sobre o acoso escolar, sobre o que é un proxecto interdisciplinar e suxestións de lecturas.

8 oct 2013

O SAMAÍN


Un curso máis, co gallo da festa do Samaín, o EDLG convoca un concurso de cabazas terroríficas.



CONCURSO DE CABAZAS

Para alumnado e profesorado.

Data límite de entrega:
29 de outubro.

Haberá tres premios para o alumnado 
e un para o profesorado:
material escolar e 
obxectos de Samaín.

Exporanse no recibidor do centro todas as cabazas participantes.

ANÍMATE E PARTICIPA!!

Déixovos aquí unhas fotos de cabazas gañadoras outros cursos:




Para os que descoñezades a orixe desta festa, cliclade en aquí e veredes outra entrada neste blogue que fala dela.

26 sept 2013

Curso 2013-14

Xa estamos de volta!!
Comezamos un novo curso e con el novos retos e novas oportunidades de normalizar a nosa lingua!!

Para ir abrindo boca, aquí vos deixo unha nova edición da revista Ollos de aula.
Pronto teremos novas actividades ao voso dispor. 



8 jul 2013

Verán

Déixovos aquí a revista Ollos de aula, que contén algunhas suxestións de lecturas para o verán.

Ata o vindeiro curso!!



11 dic 2012

Revista Ollos de aula

A Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) edita a revista Ollos de aula. Déixovos aquí os tres números editados para que lle botedes unha ollada.

No glosario da de decembro podedes ver que se fala dos xoguetes do nadal, de darlle voltas a preguntas que formulan os pais como ¿temos que axudar os nosos fillos/as cos deberes? e outras reflexións.