23 dic 2020

Nadal 2020

 


Alá se foi o trimestre, e mellor do que pensabamos nun principio! Tiñamos medo a non poder estar para vós, convosco, xuntos neste camiño de educar(nos), de colaborar, de compartir. E pese a que non foi coma sempre, coma o curso pasado, coma moitos outros cursos pasados, tampouco foi tan horrible como temiamos. Con máscara, si; con hidroxel a chorros, tamén; pero, con todo, puidemos estar nas aulas, puidemos facer concursos, puidemos mesmo bailar, a que si?

E a encargada da biblioteca, membro do EDLG e profesora de francés,  Pilar Fernández Domínguez, namorounos coa súa nova e orixinal arboriña de Nadal, elaborada con fotos de todos vós, de todos nós,  a comunidade educativa, en definitiva. 

Vedes?


Tamén este curso puidemos continuar a tradición do concurso de tarxetas de Nadal para o nivel de 1º da ESO no que colaboramos os departamentos do EDLG,  de Lingua Galega e Literatura, Inglés e Educación Plástica e Visual.  O único que variou foi que o número de persoas do xurado este ano reduciuse por aquilo de non andar movendo papeliños. Por iso o xurado conformárono as profes de plástica, Ana Rosa Salgado e Iris Pardo.

Da sección en galego velaquí o resultado:





O 1º premio recaeu na tarxeta 3D de Yerik Gael Suárez Dacosta, de 1º ESO B.



O 2º premio foi para a tarxeta de Adrián Blanco Fernández, de 1º ESO A. 




E o terceiro premio foi para Carmen Muñoz Cabano, de 1º ESO A.








Parabéns aos tres gañadores! E tamén ao resto dos participantes! Sei que o xurado o tivo difícil para decidirse!

No departamento de inglés tamén tiveron premios, que foron para:

1º premio: Yerik Gael Suárez Dacosta, de 1º ESO B.

2º premio: Uxía Miranda Fernández

3º premio: André Gominho Ribeiro Prada.

Parabéns!!!!






A verdade é que nas actividades previas a este Nadal, o alumnado de cada clase implicouse moito e mesmo preparou nas súas aulas decoración axeitada, incluso con elementos de reciclaxe, coma, por exemplo, esta arboriña que fixeron os alumnos e alumnas de 3º ESO B.


Por último, incluir aquí a divertida coreografía Challenge Jerusalema que alumnado e profesorado do noso instituto preparou para celebrar o final do trimestre e as vacacións de Nadal, e que gravou e editou a profesora de Educación Física, Ana María López Cruz. Parabéns!!!!



A todos, feliz Nadal 2020 e próspero e san 2021!

21 dic 2020

A Muller e a Nena na Ciencia: eXXperimenta en feminino

EXXPERIMENTA EN FEMININO

         

Durante os meses de novembro e decembro, o noso instituto  mostrou ao alumnado e persoal docente a exposición EXXperimenta en feminino. Un proxecto financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Nela recóllese a imaxe e os logros de mulleres científicas ou tecnólogas que se poden considerar un referente no campo STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Os departamentos de Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía solicitaron a colocación da exposición itinerante, que ten como obxectivo espertar nos nenos e nenas a vocación científica, a través de referentes femininos. A exposición mostra unha escolla de mulleres que non aparecen nos libros de texto pero que, si tiveron ou aínda teñen, un papel destacado na investigación científica e tecnolóxica. Pretende sementar conciencia sobre a importancia da muller como protagonista na sociedade e, en concreto, na ciencia e na tecnoloxía, resaltando e empoderando os logros femininos no seu labor como científicas e tentando tamén romper cos estereotipos sociais creados sobre determinadas profesións.


A través destes exemplos prácticos e visibles tentamos que o alumnado tome conciencia de que non existen teitos de cristal e que todo é posible con esforzo e traballo, eliminando a idea de que hai estudos ou profesións encorsetadas por sexo debido aos estereotipos marcados pola sociedade, e ademais que coñezan a presenza feminina nestes campos, instaurando uns modelos de referencia femininos. 






Esta actividade tivo tanta repercusión que ata apareceu nos medios, como no xornal El Faro de Vigo, como se pode apreciar  ao premer no título.

Pero non quedou nisto a actividade. Aproveitando a exposición, as organizadoras convocaron o concurso Que sabes das Mulleres STEM?



Tras visitar a exposición, os alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º ESO debían cubrir un tríptico con cuestións sobre as mulleres que aparecían na exposición e participar nun kahoot.




Velaquí o tríptico:


Os que tiveron máis puntuación foron os seguintes gañadores:

1º premio: Adriana de la Torre Morales,  de 2 ESO B.



2º premio: Antón Silva González, de  3º ESO B.


3º premio: Sara Fernández da Costa, de  2º ESO A.


Parabéns aos gañadores e a todos os participantes!!






26 nov 2020

Día Internacional contra a violencia de xénero 2020. III parte


Xa comentei que o grupo de traballo do instituto dentro do Plan Proxecta Donas de si  está a divulgar entre a comunidade educativa as vidas agochadas ou afastadas de mulleres destacadas en moitos e diferentes ámbitos. Xa é hora de dar a coñecelas, de mostrar modelos de mulleres independentes, traballadoras, eficaces, brillantes, destacadas e solidarias.

O día 25 de novembro o alumnado do noso instituto tivo un primeiro contacto con ese desexo compartido de alzar a voz para reivindicar a igualdade e o respecto.

Baixo o lema "Son dona de min para..." escollimos, alumnado e profesorado, aqueles lemas dos logros que anhelamos conseguir algún día, que desexamos próximo.  Son dona de min... para decidir, para esixir respecto, para estar e sentirnos seguras, para buscar a felicidade, para denunciar o machismo, para reclamar liberdade.

Déixovos aquí o vídeo desa xornada, editado pola profesora Ana María López.


25 nov 2020

Día Internacional contra a violencia de xénero 2020. II parte

 


Este curso parte do claustro do instituto participa no Plan Proxecta Donas de Si. Unha das primeiras actividades que fixemos foi dar a coñecer o problema da violencia de xénero co gallo do día  25 de novembro. Elaboramos uns bonecos de tea cos que rodeamos unha das árbores do patio do instituto, que serviu de marco ou photocall coa intención de facer visible e representar a forza e o poder de todos os nenos e nenas na loita contra esta lacra social.

Nas titorías, os alumnos e alumnas de todas as clases e niveis propuxeron lemas e frases que arrincan do encabezamento Dona de min e loito por...   que escribiron en carteis e que se usaron para facer as fotos.

 Aquí tendes algunhas fotos onde se ve o proceso de creación dos bonecos.




























Pensamos que unha sociedade futura na que non se teña que falar de violencia e desigualdades parte dunhas raíces sólidas baseadas na educación. Os nosos nenos e nenas medrarán nun  tronco forte co apoio colectivo dos iguais, formando unha rede que ramificará, florecerá, fructificará e xermolará nesa sociedade de igualdade, tolerancia e respecto.

E niso estamos, sementando miguiñas para que esa sociedade futura sexa unha realidade. Velaquí unha mostra dos lemas e frases do noso alumnado e tamén do profesorado:












































Oxalá moi pronto a igualdade, a equidade, a coeducación, o respecto, a capacidade de decisión... sexan unha realidade e non só un desexo!

Grazas a toda a comunidade educativa por participar!