21 sept 2020

CURSO 2020-21

 


Querida comunidade escolar:

iniciamos un novo curso que é máis novo ca nunca. Despois do dificultoso, triste e imprevisto terceiro trimestre do pasado curso debido ao confinamento pola pandemia da COVID-19, volvemos pisar as aulas do noso querido instituto cheos de esperanzas mais tamén con medos e receos pois os contaxios seguen.

O traballo do equipo directivo para ter todo listo (medidas hixiénicas, cartelería, planificación...) foi inxente, e agora só queda que todos, alumnado e profesorado, arrimemos o ombro e fagamos o que temos que facer: gardar a distancia de seguridade, usar os hidroxeles e poñer as  máscaras. Só así garantiremos un ensino presencial que, durante o confinamento, descubrimos tan importante. Non se pode ensinar se non é  mirando aos ollos, se non é interpretando a comunicación non verbal, se non é revisando libretas, exercicios, sen contacto social. Todo iso botamos en falta. Todos tivemos que botar man da tecnoloxía, e a tecnoloxía falla porque son máquinas programadas. Os humanos improvisamos, os humanos buscamos un plan B, os humanos ralentizamos se cómpre para que todos vaian no tren do saber  sen descolgarse del. As máquinas son implacables.

Con todo, ninguén nega que sexan necesarias. Este curso intentaremos que o factor presencial sexa o dominante, que poidamos, xa que non ver os sorrisos  nas bocas, si as ironías nos ollos.

Un abrazo inmenso -profes, alumnos e alumnas, conserxes, limpadoras- de recibimento a este curso tan atípico!

Begoña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber a túa opinión.