30 jun 2020

Recomendacións de lecturas de verán (2020)

      

      Xa sei que este verán o que apetece é estar todo o posible ao aire libre, compartindo cos amigos e a familia, rindo, xogando ou mirando coma pasmóns o ceo e as nubes. Foi moito o sufrido, foi moito o encerro polo confinamento que sufrimos pola pandemia da COVD-19. Eu a primeira!

Con todo, isto non é incompatible con estomballarse sobre a herba dun parque, do xardín; sobre  a area da praia... para ler un bo libro!

Por iso recoméndovos algúns, coma sempre. Podedes atopalos nas bibliotecas do voso barrio (e se non os teñen, poden pedilos á biblioteca central ou mesmo mercalos), nas vosas librerías de referencia; pedilos prestados aos amigos...

1º ESO e 2º ESO:

Se che gustan as historias de colegas, misterio e solidariedade, este é o teu libro:

Os camiños do vento (Ed. Xerais), de  Xavier Estévez:


Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas. Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear. Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento. Despois de Avións de papel, os personaxes de Lucas e Sara regresan á literatura cunha nova historia sobre a amizade e sobre todo aquilo que tece os nosos soños.


Se prefires as historias de ciencia ficción e aventuras, podes ler  Conta nove estrelas (Ed. Xerais), de Andrea Maceiras:


Uns pequenos e peludos animais ameazan a Galaxia Oma. Desde o Observatorio Interestelar, os Vixilantes ordenan o exterminio de toda a especie, xa que os bobós, malia o seu adorable aspecto, son seres salvaxes e perigosos. Tan só Quepi, unha estraña nena que vive co seu irmán e o seu avó no planeta Dot, ousa desobedecer o mandato protexendo un bobó tan especial coma ela. Esta arriscada decisión vaina levar a emprender unha incrible aventura xunto co seu irmán Udai, durante a cal desafiarán os límites do universo coñecido. Porque, como diría o avó Acasi, un sol nunca será idéntico a outro sol, pero a súa luz é igual de necesaria. Porque todos provimos dun mesmo, único e primeiro latexo.


Se prefires os xogos cos ditos, referencias literarias e científicas, animais... podes ler:
Ovella descarreirada (Ed. Xerais), de Marilar Aleixandre.


Este libro contén trinta e tres poemas sobre unha ovella descarreirada, un polbo no garaxe, abellas bailando sen descanso a louca danza da ledicia ou fanecas bravas que ollan en fite a balea azul… Poemas insinuados na casca dun ovo, gravados nunha cabaza seca ou nos relevos dunha noz, enrodelados nunha cana de bambú, ganduxados na muda dun lagarto ou, en último caso, caligrafados en papel de arroz. Carecen de maiúsculas e puntos, non sendo outra cousa que coágulos de fala. NÚCLEOS TEMÁTICOS , topónimos, medio ambiente.

Se es dos que elixen a investigación  policial e a intriga, podes ler Corazón de chocolate (Un misterio para Tintimán en Compostela) de Jaureguizar. (Ed. Xerais)



Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.



3º e 4º ESO



Un cómic de aventuras: Aleida, cidade sen alma, de Víctor Boullón (Demo Editorial / Komic Librería).

As súas páxinas lévannos ata a Compostela de finais do século XII, un momento moi interesante da súa historia onde a cidade se asenta mentras o arcebispado compite co de Braga polo predominio no noroeste peninsular. Ata alá chega o construtor e canteiro León xunto coa súa filla Aleida para traballar nas obras de reforma da Catedral, dirixidas polo Mestre Mateo. Mentras levan a cabo os traballos de remodelación acontece un misterioso asasinato no altar maior da mesma Catedral, aterrando á cidade enteira e espertando a curiosidade de Aleida, que non poderá ficar queda e decidirá investigar máis polo miúdo, comezando así unha arriscada aventura coa axuda do clérigo Casto e de Lucas, compañeiro do seu pai.



Se che gustan as novelas que desentrañan casos policiais, podes probar con Berta Mir, detective. O caso do papagaio que falaba de máis (Ed. Galaxia), de Jordi Sierra i Fabra.




Despois de facerse cargo da axencia de detectives de seu pai, paralizado na cama tras un accidente que en realidade fora un intento de asasinato, que Berta Mir resolveu, mergúllase noutro caso, aparentemente sinxelo: buscar un papagaio roubado; pero que se complicará enredándose cunha rede mafiosa de tráfico de animais, un asasinato, unha misteriosa desaparición e o descubrimento das miserias e segredos dunha podente familia industrial barcelonesa. Un novo caso que, xunto co primeiro concerto do seu grupo de rock, os desenganos amorosos e o enfrontamento coa dura realidade cotiá, fai que Berta abandone de golpe a adolescencia e se descubra a si mesma.


Se o teu son as historias de amor, o teu libro pode ser Cartas de amor, de Fran Alonso. (Ed. Xerais)






As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración...E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.



1º e 2º de BACHARELATO.


Para aqueles que lestes nas tertulias literarias o libro O meu nome é ninguén, de Manuel Esteban, recoméndovos o que acaba de saír deste autor: A vinganza dos homes bos (Ed. Xerais). E por suposto, se non lestes o primeiro da saga do policía Carlos Manso, lede: A ira dos mansos.







O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un home, unha vez. Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención.



Se vos gustan as historias onde as cousas non son o que parecen e amades a idiosincrasia da vida nas aldeas, cos seus ruxerruxes e dixomedíxomes, probade a ler Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda (Ed.Galaxia)





E por último, para os fans de Domingo Villar, tendes O último barco (Ed. Galaxia), onde Leo Caldas anda enleado nun novo e apaixonante caso; e para os de Pedro Feijoo, o seu Un lume azul (Ed. Xerais).







No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber a túa opinión.