11 jun 2012

V Xornada dos Clubs de Lectura

Eliacer Cansino, escritor de literatura xuvenil
O sábado día 9 acudimos á V Xornada dos Clubs de Lectura dos centros escolares de Galicia, que se celebrou no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela. O obxectivo desta xuntanza era expoñer os traballos que realizan os clubs, pero tamén propór actividades, anotar e copiar ideas  e escoitar todo tipo de suxestións para incentivar a alumnos, pais e  profesorado para participar nos clubs. ¿Sabedes que  hai máis de 7000 persoas implicadas nas Bibliotecas Escolares e nos Clubs de Lectura?

       Foi unha pena que non puidésedes acudir vós, porque alí houbo rapazada dabondo que o pasou moi ben nos distintos obradoiros nos que participaron:
  • Cómic, Que é a banda deseñada?
  • Narración, A autopista fantasma e outras estradas perigosas.
  • Poesía, Poesía por un tubo: versos para todos os públicos.
  • Rap, Hip Hop: A xuntanza das Artes.
  • Regueifas, Improvisación en verso. 
 
Mentres, os maiores escoitabamos a conferencia do escritor de literatura xuvenil, Eliacer Cansino. Algunhas obras súas son O misterio Velázquez (Ed. Bruño); OK, señor Foster (Edelvives) e Unha habitación en Babel (Anaya), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2010.

     Máis tarde, Inés Miret presentounos un proxecto de Redes de blogues de lectores de 12 a 15 anos chamado Que estás lendo? Neste proxecto están implicados 17 países (desde o mes de febreiro) e ten carácter iberoamericano. Hai xa máis de 820 blogues entre Iberoamérica e España, uns 1800 lectores. As linguas empregadas son de todo tipo, oficiais e mesmo outras minoritarias e minorizadas, coma linguas quechuas.
Desde modo coñecemos moitos blogues de rapaces coma vós, onde colgan as súas lecturas favoritas, opinións e comentarios. Por citar algúns: Leo porque yo quiero; El gato literario; Bibleo; Sabiduría reencarnada; Tinta, pluma y papel; El lobo Huargo, e moitos outros. ¿Por que non curioseades? Falan de moitos libros, teñen fotos, algúns fan videoblogues... Entrade sen medo, a ver se vos inspirades. E mellor, por que non empezades un?
    Tamén resultou moi interesante unha mesa redonda coa experiencia lectora de varios integrantes: alumnos, nais e profesores.



Outra actividade que nos gustou moito foi o intercambio de libros, xa a coñecedes: deixas un  libro e levas outro.





Xa pola tarde estivemos nas últimas reunións e rematou a xornada coa conferencia do escritor galego e membro da Real Academia Galega, Víctor Freixanes: "Espazos de socialización, territorio dos afectos".



Foi, como vedes, un día completo e moi fructífero, ou sexa, que xa sabedes, o curso vindeiro non deixedes de asistir!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber a túa opinión.