Festa que se celebra xeralmente na primeira quincena de novembro, especialmente o día de Todos os Santos ou o de San Martiño (día 11, en Ourense celébrase este día). No magosto cómense castañas asadas e próbase o viño novo; tamén pode estar acompañado doutras viandas como chourizos , xamón…
  
            Adoita celebrarse xeralmente pola tarde-noite, comezando coa preparación do lume, ata conseguir a brasa necesaria para asar as castañas.
  
            Sobre a súa etimoloxía hai varias hipóteses: que procede do latín magus ustus, ‘gran fogueira’, de magnus, ‘maxia’ ou ‘magno’, ou que procede do celta mag, campo.
  
            É unha festa de orixe pagá , e está relacionada co culto á fecundidade a través do lume purificador, e convértese nunha reunión comunitaria que reforza os vínculos agrarios de veciñanza e marca os ciclos agrícolas, pois coincide coa matanza  e coa colleita da castaña, simbolizando tamén a morte do ciclo solar. Logo foi cristianizada e asociada ás festa de Santos e Defuntos e, en Ourense, coa festa de San Martiño de Tours.
|  | 
| Souto | 
  
  
O CASTIÑEIRO, CASTAÑEIRO OU CASTIRO.
              
    Árbore caducifolia de follas grandes e lanceoladas, habita en lugares frescos e por todo o territorio galego, pero máis abundante na parte oriental, onde se conservan os mellores soutos. Os castiñeiros cultívanse desde hai milenios, tanto polo seu froito como pola súa madeira ( apreciada en ebanistería), e son reguladores do clima e enriquecen o chan.
  O froito é a castaña, que medra dentro dun ourizo espiñento, ata un máximo de tres por ourizo. A castaña bolerca é a que non ten froito, que non se logrou; a croca é a maia, a castaña seca; chamamos bulló á castaña asada  desprovista de casca.  As castañas foron durante moito tempo a fonte principal de hidratos de carbono na alimentación en Galicia ata a irrupción da pataca ( o castiñeiro era a árbore do pan), por iso en moitos sitios ás patacas chámaselles castañas da terra.
  A corripa ou ouriceira é o conxunto de ourizos con castañas que quedan no souto para que vaian secando e abran. Os ourizos tamén se empregan para o lume e as follas como cama para o gando nas cortes. A cortiza e as follas teñen propiedades astrinxentes.
  A castaña ten a súa propia festa: o magosto, que se celebra na primeira quincena de novembro ( en Ourense o día 11,festividade de San Martiño), onde a xente se xunta para asar e comer castañas e probar o viño novo.
  O Marrón Glacé é un postre que se fai cocendo as castañas en azucre.
|  | 
| Marrón  Glacé | 
    
  
EXPRESIÓN POPULARES
  
  
  
SACAR AS CASTAÑAS DO LUME: Valerse doutra persoa para resolver algo.
  
  
SAÍR UN SOUTO PARA METERSE NOUTRO: Acabar de saír dun problema para xa estar metido noutro.
  
  
FACER UN BO MAGOSTO: Obter unha boa ganancia.
  
  
QUEDAR EN AUGA DE FERVER CASTAÑAS: Cando algo non chegou ó cabo ou non tivo o fin que se agardaba.
  
  
MANDA CASTAÑA! : Dise cando algo sorprende por ser excesivo.
  
  
  
  
REFRÁNS
  
  
  
POR SAN MARTIÑO FAISE O MAGOSTO CON CASTAÑAS ASADAS E VIÑO OU MOSTO.
  
  
  
  
A CASTAÑA EN AGOSTO QUERE ARDER E EN SETEMBRO BEBER.
  
  
CASTAÑAS NO NADAL SABEN BEN E PÁRTENSE MAL.
  
  
FÍATE DAS CASTAÑAS ASADAS QUE, SE ESTOUPAN, VANCHE Á CARA.
  
|  | 
| Castiñeiros nun souto | 
  
  
  
ADIVIÑAS
  
  
I
  
  
  
ALTO ME VEXO
  
  
  NO MEU PUCAREXO;
POR UNHA RISADA
  
PERDÍN A MIÑA AÑADA.
|  | 
| Ourizo coas castañas | 
  
  
  
II
  
  
  
ALTOS PAIS,
  
PELUDAS NAIS,
  
FILLOS CON PELES;
  
ADIVIÑA, SE QUERES.
  
  
  
  
III
  
  
  
ALTO SON,
  
BARBAS TEÑO;
  
VÉN O BURRO
  
E  NON ME DEFENDO.
  
  
  
IV
  
  
  
CRÍASE NO AIRE
  
E NO AIRE SE MANTÉN,
  
PERO CANDO RI
  
QUEDA SEN O QUE TEN.