Acabou o curso 2020-21 e chegaron as vacacións tan desexadas!!
O EDLG remata o seu labor coas recomendacións de lecturas de verán, porque un tamén se divirte lendo. Un libro acompaña, sosega, divirte, informa, anoxa, namora, fainos medrar ou sentirnos pequechos, pero sempre, sempre activa a imaxinación, o coñecemento, a ilusión. Sempre aprendemos algo ao ler un libro.
Velaquí algunhas suxestións:
1º e 2º da ESO:
Eduardo Santiago: O mundo máxico de Lía .
ARGUMENTO: Lía ten dez anos e a súa nai cre que é moi madura para a súa idade. Claro que o resto da xente pensa todo o contrario, sobre todo o pai, que se burla dela porque se nega a falar. Unha noite, Lía foxe da casa e agóchase detrás duns arbustos esquivando a persecución do seu pai. Na compañía de Glok, un trasno imaxinario, emprende unha aventura fantástica por un mundo máxico, soterrado baixo a cidade de Pontevedra. Lía non ten medo, é unha nena valente, disposta a enfrontarse ao que faga falta para volver xunto á súa nai, aínda que sexa o malvado líder dos homes rata. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Fantasía, aventuras. XÉNERO: Novela.
Ana María Galego Gen: Bandeiras negras. Editorial: Baía Edicións. Obra gañadora do V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2012
Cándido Paniagua Pou: 48 horas. Ed. Xerais. Colección Fóra de xogo.
ARGUMENTO Ninguén imaxinaba que a gravación dun documental para a materia de Historia remataría de forma tráxica coa enigmática desaparición de Lois Figueirido. Familia, amizades e veciñanza mobilizaranse e achegarán todos os seus esforzos para dar con el. Mais, para avanzar na investigación, deberán someterse a unha introspección, botar man da historia local e axudarse das redes sociais. A súa busca ten tempo límite: 48 horas. Entre todos serán quen de atopalo?
NÚCLEOS TEMÁTICOS: Investigación, historia, redes sociais. XÉNERO: Novela.
Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor. Ed. Xerais. Colección Milmanda.
ARGUMENTO: Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro de relatos; todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles ver a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata o que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos. Un libro memorable.
1º e 2º Bac.:
Ray Bradbury. Tradución de María Magdalena Fernández Pérez: Fahrenheit 451. ED. Xerais. Colección Fóra de Xogo.
Farenheit 451 é un libro que non pode deixarse de ler. A súa temática está de plena actualidade. Recoméndovolo con paixón.
ARGUMENTO: Fahrenheit 451 é a temperatura á cal un libro prende lume e arde. Os libros están prohibidos e Guy Montag, bombeiro, pertence ao Departamento do Lume, que persegue os disidentes que se atreven a ler. O seu traballo consiste en queimar libros, que son fonte de discordia e infelicidade. Pero Montag séntese desgraciado: o seu matrimonio está en crise. Acaso hai libros agochados na súa casa? Fahrenheit 451 é un clásico da literatura do século XX, unha distopía nun tempo en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de activistas da lectura os memoriza e loita por transmitir o coñecemento de boca en boca. NÚCLEOS TEMÁTICOS: Libros, lectura, literatura, ciencia ficción. XÉNERO: Novela.
Espero e desexo que pasedes un bo verán e xa sabedes... sempre cun libro!