É un autor de culto, representante da eclosión creativa dos anos 80 e da contracultura. Dise del que nas letras galegas constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas. A súa obra é vangardista, universal e tamén dramática, pero con moito alento. Lois Pereiro invoca aos bos espíritos, ás marabillas, á rebeldía e á xenerosidade.
Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos (Lugo) en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudos en Políticas que abandona logo para introducirse na informática e nos idiomas. En Madrid inicia a súa traxectoria literaria na revista experimental Loia xunto cun grupo de universitarios galegos como Manuel Rivas e Fermín Bouza e da que só se coñecen catro números (o último é de 1978). Nesta publicación apareceron algúns dos poemas do escritor monfortino que posteriormente se incluirán no seu libro Poemas para unha loia (1996), no que tamén se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a rida hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” que fora dado a coñecer a través das páxinas da revista Luzes de Galiza.
Xa de regreso en Galicia, Pereiro forma parte do Grupo de Amor e Desamor que editou dous libros con ese mesmo título. Pereiro figura, pois, nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) nas que tamén aparecen outros poetas de tendencias moi diversas pero que compartían inquedanzas culturais. Á iniciativa deste mesmo grupo débese tamén o mantemento da revista Luzes de Galicia onde, ademáis do mencionado ensaio, viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.
En Galicia Lois Pereiro compaxina profesionalmente o labor poético coa tradución e a redacción de guións televisivos.
Aínda que publicou poemas e artigos en varias revistas culturais, non foi ata 1991 que aparece a primeira das súas dúas únicas obras publicadas en vida: Poemas 1981/1991 (1992). Tres anos máis tarde edítase Poesía última de amor e enfermidade (1995). Os dous poemarios son duras e espidas obras nas que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e a certos trazos da contracultura.
Lois Pereiro falece enfermo en A Coruña en 1996. Aparecen póstumos: Poemas para unha loia (1997), recopilación da súa primeira poesía que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia; e a novela inconclusa Náufragos do paradiso, publicada en Luzes de Galiza.
Obra en galego:
Poemas : 1981-1991. (1992). Edicións Positivas, S.L..
Poesía última de amor e enfermidade.1992-1995. (1995) Edicións Positivas, S.L..
Poemas para unha loia. (1997). Espiral Maior.
O Incio lembrou onte 1 de maio a poesía de Lois Pereiro nunha emotiva homenaxe.
ResponderEliminarA parroquia de Santa Cristina do Viso, no municipio do Incio, rendeu homenaxe ao seu veciño máis ilustre, o poeta Lois Pereiro, acto no que participaron máis dun centenar de persoas.