11 may 2011

AS TERMAS DE OURENSE

Os alumnos e alumnas de 1º ESO A fixeron esta pequena teatralización para o intercambio lingüístico-cultural co CPI de Mondariz (Pontevedra)



A que o fixeron moi ben? Bravo por estas iniciativas!!!!

2 may 2011

LOIS PEREIRO

            É un autor de culto, representante da eclosión creativa dos anos 80 e da contracultura. Dise del que nas letras galegas constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas. A súa obra é vangardista, universal e tamén dramática, pero con moito alento. Lois Pereiro invoca aos bos espíritos, ás marabillas, á rebeldía e á xenerosidade.
            Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos (Lugo) en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudos en Políticas que abandona logo para introducirse na informática e nos idiomas. En Madrid inicia a súa traxectoria literaria na revista experimental Loia xunto cun grupo de universitarios galegos como Manuel Rivas e Fermín Bouza e da que só se coñecen catro números (o último é de 1978). Nesta publicación apareceron algúns dos poemas do escritor monfortino que posteriormente se incluirán no seu libro Poemas para unha loia (1996), no que tamén se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a rida hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” que fora dado a coñecer a través das páxinas da revista Luzes de Galiza.
            Xa de regreso en Galicia, Pereiro forma parte do Grupo de Amor e Desamor que editou dous libros con ese mesmo título. Pereiro figura, pois, nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) nas que tamén aparecen outros poetas de tendencias moi diversas pero que compartían inquedanzas culturais. Á iniciativa deste mesmo grupo débese tamén o mantemento da revista Luzes de Galicia onde, ademáis do mencionado ensaio, viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.
            En Galicia Lois Pereiro compaxina profesionalmente o labor poético coa tradución e a  redacción de guións televisivos.
            Aínda que publicou poemas e artigos en varias revistas culturais, non foi ata 1991 que aparece a primeira das súas dúas únicas obras publicadas en vida: Poemas 1981/1991 (1992). Tres anos máis tarde edítase Poesía última de amor e enfermidade (1995). Os dous poemarios son duras e espidas obras nas que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e a certos trazos da contracultura.
            Lois Pereiro falece enfermo en A Coruña en 1996. Aparecen póstumos: Poemas para unha loia (1997), recopilación da súa primeira poesía que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia; e a novela inconclusa Náufragos do paradiso, publicada en Luzes de Galiza.
Obra en galego:
Poemas : 1981-1991. (1992). Edicións Positivas, S.L..
Poesía última de amor e enfermidade.1992-1995. (1995) Edicións Positivas, S.L..
Poemas para unha loia. (1997).  Espiral Maior. 

1 may 2011

AS NOSAS AVOAS

¿Mellor? ¿Peor? Desde logo, máis ecolóxico.

A FESTA DOS MAIOS

   A Festa dos Maios é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral xeralmente facíase coincidir co primeiro domingo do devandito mes e tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou ás árbores.  Chámanse Maios tanto á celebración desta festa coma ás representacións que se fan nelas.

Esta festa é común en moitos países de Europa onde existen variantes similares da mesma festividade.

     As orixes
            Os historiadores non conseguen pórse de acordo á hora de datar a orixe dos maios. Hai quen a sitúa no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios, como hai quen a sitúa no Neolítico, co nacemento da agricultura. O que si queda claro é que os maios xurdiron sempre ligados ao medio agrícola e á necesidade de crear un ritual para o crecemento das colleitas e da súa protección contra calquera tipo de mal (ben unha peste, ben un "mal de ollo").
            O Cristianismo asimilou multitude de festas pagás que se profesaban con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas, e esta é un claro exemplo diso: a maioría das devanditas festas pagás pasaron a ser festas en honor á Virxe María.
Así é como a festa da chegada da primavera e adoración á Terra, pasaría a ser unha festa de adoración á deusa Maia en tempo romano e posteriormente foi modificada como variante de exaltación relixiosa, coa introdución da veneración á Virxe María.
            Cada primeiro de maio (segundo a tradición cristiá a data chega até o día 3) a vexetación sae á rúa en forma de "maio", unha construción de diferentes formas feita con elementos vexetais, en función da zona na que se elabora, e que pode ser enxebre ou artístico. Soen usarse carrizas, laranxas, millo, flores, carqueixas, urces, carrabouxos e moita imaxinación. Con eles preténdese arredar das colleitas  pestes, virus e males. Os "maios" xestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posibles ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre temidas meigas que cos seus poderes poden botar un "mal de ollo" á colleita. Aínda que os maios comezaron sendo festas propiamente vexetais e adornadas con pequenas construcións, co paso dos anos foron incorporando bailes e coplas con carácter satíricocompletando o sentido popular da festa. Estas coplas facían relevancia a calquera feito social que acontecese no último ano, criticando ou satirizando certas persoas ou institucións do lugar. As coplas eran recitadas por unha persoa desde dentro do propio maio, e a xente que estaba fóra replicaba coas mesmas verbas. Coas coplas acontece igual que coas formas e os materiais de construción dos propios maios, hai moitas estruturas, figuras e variantes. O que si é igual en toda Galicia é a relación que hai entre os maios e os nenos, que son os protagonistas destas festas.

Os Maios máis populares son:


Maio figurativo:
Especie de monumento feito de táboas e cuberto de mofo que se decora con flores, follas e ramos verdes.


Maio humano:
Neste caso é representado por un rapaz, en ocasións disfrazado dalgún personaxe popular (en caso de ser unha rapaza, vestida de branco) que é o xefe do grupo e se adorna con flores, espadanas, herbas aromáticas,e cun pau na man.

Maias:
Nenas e rapazas vestidas de branco, con coroas e arcos de flores que cantan os maios facendo ofrendas a algún santo.


Árbore de Maio:

Nalgúns lugares de Galicia colócase na praza principal unha árbore, a máis alta que poidan conseguir os rapaces.
Maio tradicional