25 oct 2012

Libros animados

Mentres conclúe o prazo para a presentación das cabazas de Samaín, déixovos aquí uns vídeos sobre a utilidade e a fermosura das bibliotecas, sobre os libros e o pracer da lectura.
Cando lemos, semella que os libros toman vida ¿non si?

Lin por aí unhas citas que din así:

«Carecer de libros propios é o colmo da miseria»
(Benjamin Franklin)


«Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca»
(J.L. Borges)




Ler alimenta o espírito e apórtanos coñecementos:





9 oct 2012

Concurso de cabazas de Samaín

Para celebrar a festa do Samaín, convocamos un Concurso de cabazas de Samaín para todo o alumnado e profesorado.

Cabaza de Samaín


Haberá tres premios para as tres mellores cabazas dos alumnos e alumnas. Consistirá en material escolar e unha camiseta do instituto para cada un.


A mellor cabaza dos profes levará como premio unha camiseta do instituto e un libro.

Valorarase a dificultade e o horror que provoque o deseño.

A data límite de entrega é o luns 29 de outubro e os premios entregaranse o día 31 no segundo recreo.

Todas as cabazas participantes serán expostas no recibidor do centro.

P A R T I C I PA!!

Cabaza de Samaín


28 sept 2012

Curso 2012-13

     Xa estamos aquí un curso máis! Benvidos/as!!

As vacacións foron moi boas, non? Pero as follas do calendario caeron inexorables e un novo curso comenza. Vindes con ganas de aprender moitas cousas? E de gozar coa lectura, co teatro, cos concursos...?



Xa vexo que si! Ha ha ha!

Pois a verdade é que os integrantes do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o departamento de Lingua Castelá tamén empezamos con forza, porque o día 25 deste mes os alumnos e alumnas de 2º bacharelato asistiron á representación da obra de teatro Viaxe a ningunha parte, posta en escena por Sarabela teatro, que estreaba a obra en Ourense.


A peza, inspirada na novela de Fernando Fernán Gómez -da que tamén se fixo xa hai tempo unha película-, recolle a dura vida dos cómicos que ían de aldea en aldea e de vila en vila representando as súas pezas teatrais e advertindo como o cine lles ía roubando cada vez máis público ata case a súa decadencia. Gustoulles moito, segundo nos dixeron.

Desexamos seguir asistindo en máis ocasións á representación doutras obras de teatro.



30 jun 2012

A nosa lingua

     Botádelle un ollo a este libdup EU FALAREI do IES Chapela (Redondela).  É un traballo magnífico en defensa da Lingua Galega, pero tamén a denuncia da situación que vive a nosa lingua, que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a mocidade.

      Parabéns a toda a comunidade educativa dese centro. Detrás de actividades coma esta hai moito traballo non remunerado, moito labor persoal en favor do ensino público.

Ánimos a todos, e bo verán!

27 jun 2012

Poesías para o final de curso


      Xa finalizou o curso. Pasou voando, non si? E que mellor maneira que rematalo neste blog con poesía. Varios alumnos do Club de Lectura leron poemas de Darío Xohán Cabana no Día do Libro. Pedinlles que os volveran ler para gravalos e colgalos neste blog. Aquí os tendes, a min paréceme unha bonita maneira de lembrar que coa palabra podemos transmitir todo tipo de emocións e sentimentos. E, por suposto, na nosa lingua.





Feliz verán! Vémonos no novo curso!

22 jun 2012

Celso Emilio Ferreiro

O noso instituto uniuse ao desexo xeral de festexar o centenario do nacemento do poeta ourensán Celso Emilio Ferreiro. Inspirándonos no seu poema NON, paradigma do inconformismo, fixemos unhas camisetas cos versos que abren e pechan este poema:

NON
Se dixese que si,
que todo está moi ben ,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen...
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Se dixese que acaso
as cousas son esí,
porque si,
veleí,
e non lle deamos voltas.
(Si aquil está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Se algúns van de porta en porta
cun saco de cinzas ás costas
é porque son uns docas).
Se dixera que si... 
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.


As camisetas repartímolas entre os integrantes do Club de Lectura, que en tantas actividades participan. Para todo este alumnado e profesorado tan concienciados ¡GRAZAS!

Velaquí o deseño da camiseta e os agrazados:

Lema camiseta centenario Celso Emilio Ferreiro

Camiseta centenario Celso Emilio Ferreiro

Parte dos integrantes do Club de Lectura As catro esquinas do Quinto
 

Parte dos integrantes do Club de Lectura As catro esquinas do Quinto

19 jun 2012

Ler

Xa sabedes que neste blogue tamén queremos dar a coñecer actividades que levan a cabo noutros centros de ensino. Chamoume moito a atención este vídeo de animación á lectura realizado desde a biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Teñen un blogue moi activo que se chama Trafegando ronseis. Que vos parece? A min gustoume moito. A ver se vos inspirades e o curso que vén facemos cousas coma esta!!