23 may 2013

Celebración do Día das Letras Galegas 2013 e 150 aniversario de "Cantares gallegos", de Rosalía de Castro


A véspera do Día das Letras Galegas celebramos no instituto un pequeno festival en honor de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano, e de Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos.

O centro engalanouse coma sempre cos carteis do concurso convocado e ao final entregáronse os premios.
Velaquí algúns dos carteis participantes:






O primeiro premio na categoría ESO foi para o cartel de Paula Martínez de 1ª ESO A.



Houbo empate no segundo premio, resultando gañadoras Lara Fernández  e Victoria Bastidas, ámbalas dúas alumnas de 1º ESO A.


 
O terceiro premiado foi Iago González de 1º ESO A.


Na categoría de 4º ESO e bacharelato, o único premio concedido foi para Jessica Fernández de 1º bacharelato:


Velaquí os gañadores:


 
Para celebrar tamén o 150 aniversario de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, alumnado de distintos cursos recitou poemas deste libro. Podedes velos nestes dous vídeos:

I PARTE




II PARTE




Ángela Blanco e Marcos García de 3º ESO colaboran interpretando a canción Lela.





E para rematar, o Coro do instituto, baixo a batuta da profesora Marosa Vázquez, deleitounos cunhas cancións populares. 



Grazas a todos os colaboradores,  participantes e público!

Déixovos aquí a revista Ollos de aula co número de maio dedicado a Vidal Bolaño. 
 

14 may 2013

Letras Galegas 2013: ROBERTO VIDAL BOLAÑO

O autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, do que se celebra o quincuaxésimo aniversario, é o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002)


Roberto Vidal Bolaño

Podedes ver información sobre o autor aquí.
Se queredes datos completos da súa biografía podedes consultar a Real Academia Galega mirando aquí.

O alumnado do CPI Dos Dices (Rois, A Coruña) realizou un  telexornal sobre Roberto Vidal Bolaño con entrevistas e testemuños que nos axudarán a comprender mellor a súa obra. É un traballo excepcional que merece a pena ver. Noraboa ao alumnado e profesorado do devandito centro!






Tamén podedes coñecer máis traballos doutros centros escolares sobre Vidal Bolaño que aparecen recollidos aquí.


Se queredes ver o monólogo de Vidal Bolaño Oración ao Apóstolo gravado na sala Nasa en 1999 picade aquí. Debedes escoitar con atención porque o son é baixiño. Humor non lle falta!


 Tamén este ano celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Deixamos aquí un dos poemas que abren este poemario co que se inicia o Rexurdimento da nosa literatura:


    Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

    Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

    Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta si ríe,
conmove si chora.

    Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

    misterios da tarde,
murmuxos da noite;
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

    Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

    Que así mo mandaron
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo. 

2 may 2013

Rota literaria por Ourense 2013

    Como xa é habitual no noso instituto, de novo o alumnado de 4º da ESO realizou a Rota Literaria pola cidade de Ourense, visitando aqueles lugares frecuentados polos nosos escritores ilustres ou mesmo ubicando as súas casas natais ou de residencia.

Como é unha actividade xa comentada aquí e da que fixemos vídeo outros anos, desta volta só vos deixamos unhas fotos ilustrativas.








28 abr 2013

Día do Libro 2013

O Club de Lectura As 4 esquinas do Quinto desenvolveu unha serie de actividades dirixidas á comunidade escolar para celebrar o Día do Libro. 

Houbo unha contacontos para os máis pequenos:





Os alumnos rodaron un Harlem Sake que podedes ver no blog do Club.
Déixovos aquí unhas fotos do momento da gravación.




A continuación celebrouse o I Concurso de recitación poética. Un xurado de profesores e persoal non docente valorará a habilidade de cada participante, e os premiados recibirán os seus galardóns na celebración do Día das Letras Galegas. 

A primeira participante foi Ángela Blanco de 3º ESO con poemas da súa autoría:  






Velaquí a versión cómica:



A continuación Rebeca López de 1º ESO B recita o poema Madre mía de Dioniso Solís.


Ana Rosa Pato, Guiomar González e Mariña González de 1º ESO B recitaron uns poemas de Paula Carballeira.





En cuarto lugar, Duarte Dias e Nicole Martínez (1º ESO B) acompañados da mímica de Adrián, David e José Manuel, recitaron Il castelo sangrienti






Iago Estévez e Iago Corredoura intentan convencernos da necesidade de cambiar o idioma castelán.


Alejandro Rodríguez (3ºESO) recita o derradeiro poema:
 

Lembrar tamén que durante as seguintes semanas podedes participar na actividade "Colle e deixa". No recibidor do instituto están á vosa disposición libros que deixaron outros compañeiros e/ou profesores. Podedes levar o que queirades, deixando outro. Tamén hai unha exposición de libros animados.





Damos as grazas aos participantes, á coordinadora do Club de Lectura e a todo o público participante.

26 abr 2013

Concursos Día das Letras Galegas





DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013:
ROBERTO VIDAL BOLAÑO

CONCURSO LITERARIO:POESÍA E NARRACIÓN.

BASES:


     1) Establécense dúas categorías:         
        a)Alumnado de 1º,2º e 3º da ESO.
        b) Alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de  Bacharelato.


2) Os traballos estarán escritos en lingua galega. O tema será libre.

3) A extensión mínima da poesía é de 15 versos e para os traballos de narrativa, tres páxinas por unha cara.

4) Presentaranse  grampados e cun lema, e acompañados dun sobre pechado, dentro do cal figuren o lema do traballo, o nome e apelidos, curso e grupo do autor ou autora.

5) Os traballos entregaranse na conserxería do instituto até o día 10 de maio, inclusive.

6) PREMIOS: Haberá dous premios por categoría e xénero. Os premios poden quedar desertos.

1º Premio: 1 lote de libros e/ou material escolar; unha camiseta de Rei Zentolo ou similar.

2º Premio: 1 lote de libros e/ou material escolar.


7) O xurado estará composto polos departamentos de galego e castelán e pola coordinadora do EDLG.

8) Os premios entregaranse o día 16 de maio.




CONCURSO  DE CARTEIS

BASES:

1) Establécense dúas categorías:   
     a) Alumnado de 1º,2º e 3º da ESO
b) Alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de  Bacharelato.

2) O tema será alusivo ao Día das Letras Galegas , e debe levar algún texto escrito en galego.
  
3)Será realizado sobre cartolina, en tamaño cartolina e con técnica libre, valorándose a orixinalidade e a dificultade do mesmo.

4)Presentaranse enrolados e cun lema, e acompañados dun sobre pechado, dentro do cal figuren o lema do traballo, o nome e apelidos, curso e grupo do autor ou autora.

5) Os carteis entregaranse na conserxería do instituto até o día 10 de maio, inclusive.

6) PREMIOS: Haberá tres premios. Os premios poden quedar desertos.

1º Premio: 1 lote con libros e/ou material escolar; unha camiseta do centro.
2º Premio: 1 lote con libros e/ou material escolar
3º premio: material escolar.
 7) O xurado estará composto polos departamentos de galego e plástica e pola coordinadora do EDLG.

8) Os premios entregaranse o día 16 de maio.




19 abr 2013

Tertulia literaria: "Febre"

Un curso máis participamos nas Tertulias literarias organizadas pola concellería de educación. Nesta ocasión limos a novela Febre, de Héctor Carré.

Os alumnos e alumnas de 4ºESO e 1º Bacharelato do club de lectura tiveron coas profes unhas xuntanzas previas para falar dos distintos aspectos da novela que máis nos chamaban a atención: a corrupción nos anos 40 ao redor das minas de wolframio, a rebeldía de Carmucha, a protagonista; o amor e sobreprotección de seu pai, o machismo da época... tantos e tantos temas para debater. Nunha destas xuntanzas fixemos o noso tradicional xantar no instituto.






O día 16 tivemos a tertulia xunto ao alumnado dos IES Blanco-Amor e Otero Pedrayo.















O autor reuniuse connosco o día 17 e falounos da obra.