8 oct 2013

O SAMAÍN


Un curso máis, co gallo da festa do Samaín, o EDLG convoca un concurso de cabazas terroríficas.



CONCURSO DE CABAZAS

Para alumnado e profesorado.

Data límite de entrega:
29 de outubro.

Haberá tres premios para o alumnado 
e un para o profesorado:
material escolar e 
obxectos de Samaín.

Exporanse no recibidor do centro todas as cabazas participantes.

ANÍMATE E PARTICIPA!!

Déixovos aquí unhas fotos de cabazas gañadoras outros cursos:




Para os que descoñezades a orixe desta festa, cliclade en aquí e veredes outra entrada neste blogue que fala dela.

26 sept 2013

Curso 2013-14

Xa estamos de volta!!
Comezamos un novo curso e con el novos retos e novas oportunidades de normalizar a nosa lingua!!

Para ir abrindo boca, aquí vos deixo unha nova edición da revista Ollos de aula.
Pronto teremos novas actividades ao voso dispor. 



8 jul 2013

Verán

Déixovos aquí a revista Ollos de aula, que contén algunhas suxestións de lecturas para o verán.

Ata o vindeiro curso!!



25 jun 2013

Festival de Final de curso

   Remata o curso. E non nos imos ir sen celebrar que fixemos ben os deberes, non si? Por iso argallamos un festival moi especial, orientado sobre todo a aqueles que participamos ao longo do curso en múltiples actividades. Cóntannolo moi ben os nosos presentadores, Ainoha e Alejandro neste vídeo:





O alumnado da ESO do club de lectura (que fariamos sen esta rapazada tan implicada e sen as súas organizadoras, Almudena e Paloma!) ensaiou unhas pezas de Animaliños e Criaturas do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Por falta de tempo non puideron representalas o Día das Letras Galegas e foi agora, neste festival, cando as estrearon.

Velaquí a primeira: "Variación decimosexta" de Animaliños:
Ana Prieto e Alba Mª Freire, de 4º ESO; e David Álvarez, de 3º ESO teñen moito que contar sobre as actividades que organizan as consellerías de cultura... e de educación.





Alumnos e alumnas de 2º ESO escolleron a "Escena 11" de  Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño.




 E para rematar con Vidal Bolaño, o alumnado de 1º ESO representou "Sebastián Rilo e o porco", tamén da obra Criaturas:




A continuación, a alumna de 2ºESO Nerea Sastre amenizou a espera antes do Xogo de preguntas sobre Roberto Vidal Bolaño cunhas pezas musicais:





No Xogo de preguntas sobre os carteis anunciadores de Roberto Vidal Bolaño participou toda a ESO con dous representantes por curso. Os gañadores foron os de 3º ESO.


E rematamos o festival coa actuación do coro, coa profesora Marosa Vázquez á cabeza, cantando en honor de Rosalía de Castro polo 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, a canción Has de cantar, meniña gaiteira.
 


Deste xeito acabamos os festexos de remate do curso 2012-13.
Pasade bo verán e non deixedes de ler e usar a lingua!!!

3 jun 2013

Conferencia de Marcos Calveiro

O día 22 de maio, o escritor Marcos Calveiro veu ao noso instituto para charlar co alumnado de 1ºESO da súa novela Palabras de auga, que foi lectura obrigatoria neste curso na 3ª avaliación.


Contounos a orixe da novela, a localización da súa tribo imaxinaria, falounos dos problemas en África coa seca, a queima da sabana para poder cultivar; da extracción do coltan -as pedras negras da novela- e que provoca a explotación dos nenos escravos nas minas. 

Ao final os rapaces fixéronlle preguntas sobre a historia de Amadou, Numba, Jala e Ngugi, os protagonistas da novela.





29 may 2013

Dobramos ao galego unha curtametraxe de Tim Burton

O club de lectura do instituto As 4 esquinas do Quinto realizou unha dobraxe adaptada ao galego dunha curtametraxe de Tim Burton,Vincent, como presente para celebrar o Día das Letras Galegas.

Segundo poñen no seu blogue, "é unha curta que fala da influencia da literatura na vida: Vincent Malloy, coma un moderno Quixote, le tanto que remata por non diferenciar moi ben as súas fantasías da realidade. Só que el non le libros de cabalería; non, el é un fervente afeizoado ás terroríficas historias de Edgard Allan Poe, algunhas das cales foron interpretadas no cine por un actor chamado Vincent Price".

O EDLG participou na tradución adaptada. Velaquí o resultado, digno de atención pola vosa parte:




Vincent en galego from AA on Vimeo.

27 may 2013

Concurso de marcapáxinas 2013

O marcapáxinas gañador deste ano é o que elaborou Jéssica Fernández, de 1º bacharelato A, en honor de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Velaquí o deseño:

Jéssica Fernández

Jéssica Fernández