30 jun 2011

Lecturas de verán

 Xa remata o curso e chegan esas longas xornadas de verán. Cantos momentos para ler un libro á beira do mar, na piscina ou á fresca sombra dunha árbore. Velaquí algunhas suxestións:

1º ESO



KAYE UMANSKY: Fedorenta, unha meiga porcallenta. Ed. Biblos

Fedorenta, unha meiga pouco amiga da limpeza vive porta con porta cos trasnos e, cansa de aturar as súas cantadelas e axudada por unha meiga amiga súa, muda de fogar non sen moitas vicisitudes.





ANTONIO REIGOSA: Memorias dun raposo. Ed. Xerais.
Afonso Alfonso é un raposo que vive entre a Pena da Roca e o Pombeiro, entre As Fiosas e o Padornelo. Afonso naceu no Morollo da Golpilleira. Hai quen lle chama Pedro, ou Perico, porque se parece moito a un seu avó. Outros, coma se fose o demo, chámano O das zapatillas, polo lixeiro e silandeiro que anda. A Golpilleira, a casa grande dos raposos, é case toda ela dos homes.Pero é moito máis aínda. Se estades espertos, se poñedes a orella, escoitaredes todo o que se move, todo o que vive, anda, corre, dorme, o que medra e o que morre.




PACO MARTÍN: Das cousas de Ramón Lamote. Ed. Galaxia

Ramón Lamote Miñato é profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. A súa existencia é apracible, como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Mais a vida tamén está chea de cousas. Das cousas que lle acontecen a Ramón Lamote e da súa particular maneira de entender o mundo trata esta novela. 



                        2º ESO

XOSÉ NEIRA VILAS: Contos vellos para rapaces novos. Edicións do Castro.

Escolma de contos tradicionais dos cinco continentes que o autor procurou que fosen representativos de diferentes culturas. Con este propósito, Neira Vilas adaptou ao galego un conto popular significativo de 32 países: Albania, Bélxica, Checoslovaquia, Polonia, Suecia e Ucrania; Birmania, China, India, Irán, Iraq, Paquistán, Viet Nam, Xapón e Iemen; Costa de Marfil, Etiopía, Exipto, Guinea Ecuatorial, Liberia, Mali e Nixeria; Arxentina, Brasil, Cuba, Chile, República Dominicana, México, Perú e Uruguai; así como Australia, Filipinas e Nova Zelandia.


AVI: As confesións de Carlota Doyle. Ed. Galaxia

Carlota Doyle é unha rapaza de trece anos que emprende unha viaxe desde Liverpool (Inglaterra) ata Providence (Estados Unidos) a bordo do Seahawk, un enigmático barco gobernado polo capitán Jaggery no que moi poucos mariñeiros queren enrolarse. Carlota Doyle nunca poderá prever os terribles sucesos dos que vai ser protagonista e que transformarán por completo a súa vida.




MANUEL DE PEDROLO: Mecanoscrito da segunda orixe. E. Galaxia

Conta a historia de Alba e Dídac, dous rapaces que sobreviven a unha catástrofe nuclear que fai do mundo un lugar desolado e infernal. Desde o espanto dos primeiros momentos, a parella irá adaptándose ao novo contorno, medrando e sobrevivindo ata facer do amor o acontecemento central das súas vidas. 


3º e 4º ESO

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: O centro do labirinto. Ed. Xerais.

A acción de O centro do labirinto transcorre a mediados do século XXI. Nesa época o mundo está dividido en 8 zonas, das que Europa é unha delas. Nesta Europa, que vive de costas ás abrumadoras desiguladades mundiais, parece que xa só é posible unha vida baseada no consumo e no conformismo. Aínda que formalmente segue a existir un poder político, o certo é que o poder real está en mans do G-12, o grupo de persoas que dirixe os seus destinos desde a sombra. A narración de O centro do labirinto comeza cando a doutora Sara Metmann, que é membro destacado do G-12 e vive en Berlín, decide facer, de incógnito, unha curta viaxe a Galicia acompañada polo seu fillo adolescente, David. Este sufrirá un accidente e será recollido por persoas que viven nunha comunidade desa ZNC, e que deciden retelo e utilizalo como refén para chegar ata a súa nai.


DARÍO XOHÁN CABANA: Fortunato de Trasmundi. Ed. Xerais.

Fortunato de Trasmundi é a historia dun curioso personaxe dun fantástico país, o paraíso secreto das Sete parroquias, que co gallo de montar un equipo de fútbol, sae a percorrer o mundo pola Galicia toda e, aquí e acolá, coñece tipos, historias e situacións que permiten ó autor a caricatura de todos nós. 




BIEITO IGLESIAS: Miss Ourense. Ed. Galaxia.

Miss Ourense reúne catro relatos de corte detectivesco, todos eles desenvolvidos no Ourense dos últimos anos sesenta e protagonizados polo inspector de policía Gumersindo Nespereira. O Ourense recreado neste libro esconde no seu interior, baixo a aparencia dunha cidade tranquila e provincial, ambicións de poder e pecados de cobiza ante as cales unha sociedade cómplice intenta pechar os ollos e aproveitar o que se poida, sen reparar demasiado nas inevitables vítimas. O inspector Nespereira, que é dono dun Dauphine e dun peculiar sentido do humor, sabe que as cousas sempre foron así e non vai intentar cambialas. Pero tampouco vai deixar que ninguén o tome por parvo.
u



 Bacharelato


DARÍO XOHÁN CABANA: Galván en Saor. Ed. Xerais.

O señor Galván, príncipe das terras do norte, compañeiro de Artur nos reinos da Bretaña, viaxa máis alá da xeografía e do tempo e, como aquel Merlín de Cunqueiro, aparece entre nós, pois é acaso o destino de todos aqueles señores e cabaleiros do Graal e das antigas fazañas. Novela de humor e de amor, de aventuras e de tenrura, homenaxe ós antigos mesteres da narrativa cabaleiresca e medieval .



RAMÓN CARIDE OGANDO: Soños eléctricos. Ed. Xerais.

O tema central é a cultura de masas, concretamente o universo do rock and roll, con moita influencia de músicos como David Bowie e referencias ó cine e ó cómic. A novela está ambientada nun mundo futurista, que pode ser herdeiro do de Blade Runner, a película de Ridley Scott, ou de Un mundo feliz, de Aldous Huxley. Dous personaxes centrais viven nunha sociedade pechada, nunha cidade que está illada do entorno, ecoloxicamente estragado. Nesa cidade, Alfa, temos a estes dous personaxes, un pertencente á alta sociedade, un artista chamado Estevodavic, e outro á clase baixa, un asasino chamado Xandor F.  A novela conta a vida dos dous, os encontros e desencontros que teñen nas cinco partes de que consta a obra. Soños eléctricos recolle a tradición da ciencia ficción que podemos chamar "sociolóxica".



MARÍA REIMÓNDEZ: O club da calceta. Ed. Xerais.

Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. 



ROMÁN RAÑA: O crime da rúa da Moeda Vella. Ed. Xerais.

O espazo humano e urbano da máis fermosa das nosas cidades, Santiago de Compostela, serve de marco para esta historia de amor e de intriga que, sabiamente, Román Raña logra tecer e poetizar. Un violino, unha misteriosa muller, o submundo da droga, un rapaz que soña con ser algún día gran concertista, un músico famoso, as mafias do narcotráfico, unha figuriña de ouro... Con estes ingredentes o autor crea o clima necesario para enguedellarnos neste relato.



MARINA MAYORAL: Querida amiga. Ed. Galaxia
As ilusións e a decepción do amor, o breve fulgor da vida e a conmoción do fracaso son contempladas en Querida amiga cunha melancolía sempre matizada polo humor. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber a túa opinión.