18 feb 2012

Festa do Entroido 2012

      Que ben o pasamos celebrando a chegada do Entroido!! Houbo un concurso de sobremesas. O xurado tívoo moi difícil e, mentres nós nos relambiamos esperando as sobras, o xurado larpeiraba a gusto. Finalmente decidiron conceder dous premios na categoría de alumnos:

        1º premio para a torta de tres chocolates decorada coa cariña sorrindo,  de Alba Mª Freire, de 3º ESO B.
       2º premio para as filloas de Arianna Fernández, de 1º ESO A.

     Na categoría de profesorado, a sobremesa máis deliciosa na opinión do xurado foi a que elaborou Amalia: unhas "flores de entroido" (que logo confesou que lle deron o seu traballiño). Como servidora non chegou a catalas (en verdade estaban boas as sobremesas premiadas, pois non quedou fragulla de mostra), debo dicir que á beira lle andaban as madalenas de Javier.

       Ao acabar cos doces, fomos ao salón de actos para presenciar o desfile de disfraces. Alí un novo xurado escolleu os tres mellores disfraces de grupo e dous individuais (é o que ten a crise, hai que recortar... Digo isto para aclarar que os traxes eran espléndidos e o de dar só dous premios é polo que é!). Ademáis do traxe, o xurado tivo moi en conta a súa defensa (bailes, xestos, representación...)

        O grupo de "Mimos" de 1º ESO A (Iria Domínguez, Nerea Sastre, Sheila Míguez e Ana Yáñez) fixo unha performance que lle valeu o 1º premio. Máis abaixo tendes a súa actuación.

     O 2º premio foi para as fermosas xirafas, defendidas por Ana Mª Santiso, de 4ºESO A, e Uxía Núñez, de 3º ESO A.

      Os caramelos M&M (Raquel Feijoo, Paula Nóvoa e Iago Sousa de 2º ESO) levaron o 3º premio.

    Na categoría de individuais levou o 1º premio a encarnación de "Braveheart", Iván Fernández de 2º Bacharelato A, que nos botou uns berros invocando a liberdade (uns aturuxos escoceses, como quen di).
    
        O 2º premio foi para a sinxeleza do traxe de "Maruxa con rolo de amasar". Segundo o xurado, ben se ve que con "dúas cousas da casa xa se fai un disfrace" (para quen ten rolo, digo eu... he he he!). O afortunado é o xa experto nestas lides, Marcos García de 2º ESO. Digo o de experto porque lembro a súa memorable defensa do traxe de velliña do ano pasado (premiado).
       Noraboa a todos os premiados e a todos os participantes, xa sexan alumnado, profesorado ou persoal non docente.

       E agora vos deixo os vídeos para que gocedes un anaco!!
   






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber a túa opinión.