6 mar 2012

Tertulias profes e alumnos



     Dentro duns días os profes teremos un xantar literario ao redor de dous libros. Nesta ocasión son El chino de Henning Mankel e In vino Veritas de Francisco Castro.

O libro de Mankel foi o gañador no ano 2010 do XV Premio literario San Clemente, elexido polo alumnado de 1º bacharelato de toda Galicia. Alumnas deste instituto participaron como xurado e tiveron a fortuna, xunto coa profesora Almudena, de asistir á conferencia que o autor sueco ofreceu en Santiago de Compostela. 

O outro libro colle o nome do proverbio latino que significa «no viño está a verdade». Refírese á obnubilación dos ebrios, que lles fai dicir verdades que doutro modo calarían. A frase completa sería «In vino veritas, in aqua sanitas» («No viño está a verdade, na auga a saúde»).


       Segundo o seu autor, Francisco Castro (Vigo, 1966), In vino veritas é unha novela furiosa. Xulio Míguez, detective sen vocación, recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido e relacionado co ambiente do sadomasoquismo máis tétrico. Parodia de novela policial, a historia deita unha ollada crítica sobre os medios de comunicación e a parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida.


A ver que nos depara a tertulia, que opinións se verten; quizais os participantes deixemos aquí algunhas delas. 

Tamén o noso alumnado do Club de Lectura está enfrascado na lectura da próxima novela para a súa Tertulia Literaria, organizada pola Concellería de Educación. Toca agora un libro en castelán. Trátase de La estrategia del agua, de Lorenzo Silva.

SINOPSE: Tras unha decepcionante experiencia co sistema xudicial que puxo en liberdade un asasino encerrado por Vila, este áchase desencantado e máis escéptico do que acostuma. Así se enfronta ao caso que lle ocupa: un home, Óscar Santacruz, apareceu con dous tiros na caluga no ascensor da súa casa, sen que ningún veciño oíse nin vise nada. Parece o «traballo» dun profesional, o que parece un tanto desmesurado dada a aparente pouco transcendencia da vítima. Vila e Chamorro comezan unha investigación, moi de mala gana por parte de Vila, actitude que empezará pagando «o novo», Arnau, un novo garda que pouco a pouco se irá gañado a confianza de Vila.
Parece que os problemas na vida de Óscar Santacruz se limitan a un divorcio mal levado cun fillo de por medio. Pero, pode ser esta a razón do seu asasinato? Que esconde a denuncia que pesaba sobre a vítima por malos tratos? E a súa detención por tráfico de drogas? En que escuros asuntos estaba metido este home en aparencia tan pouco perigoso?
Unha novela sobre os claroscuros das relacións, sobre os pasadizos do sistema xudicial, sobre as modernas técnicas de investigación incorporadas pola Garda Civil, sobre as inxustizas que provocan as leis, sobre o mal, que a miúdo está demasiado preto, mesmo entre o que un día amamos.

   Xa iremos vendo que pensan os nosos alumnos e alumnas da novela. A tertulia será no mes de abril e oxalá poidamos ter a presenza do autor.

3 comentarios:

  1. Agora que o penso, ao velos así todos xuntos, menudo atracón de novela policiaca que nos estamos a pegar! Unha máis e véxonos como modernas Quixotas, crendo que nós mesmas somos detectives e tentando resolver casos polo mundo adiante.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Algúns casos si que resolvemos... o misterio do comentario non entregado, o secuestro do xiz, o boicot do canón da aula, o post-it perdido etc etc.

      Eliminar
  2. Por certo que La estrategia del agua xa está na wiki. Puxen moitos enlaces, para que cada un seleccione o que lle pareza. Agora xa só faltan os comentarios, iso vos toca a vós.
    http://4esquinasdoquinto.wikispaces.com/La+estrategia+del+agua

    ResponderEliminar

Queremos saber a túa opinión.