8 jul 2013

Verán

Déixovos aquí a revista Ollos de aula, que contén algunhas suxestións de lecturas para o verán.

Ata o vindeiro curso!!



25 jun 2013

Festival de Final de curso

   Remata o curso. E non nos imos ir sen celebrar que fixemos ben os deberes, non si? Por iso argallamos un festival moi especial, orientado sobre todo a aqueles que participamos ao longo do curso en múltiples actividades. Cóntannolo moi ben os nosos presentadores, Ainoha e Alejandro neste vídeo:





O alumnado da ESO do club de lectura (que fariamos sen esta rapazada tan implicada e sen as súas organizadoras, Almudena e Paloma!) ensaiou unhas pezas de Animaliños e Criaturas do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Por falta de tempo non puideron representalas o Día das Letras Galegas e foi agora, neste festival, cando as estrearon.

Velaquí a primeira: "Variación decimosexta" de Animaliños:
Ana Prieto e Alba Mª Freire, de 4º ESO; e David Álvarez, de 3º ESO teñen moito que contar sobre as actividades que organizan as consellerías de cultura... e de educación.





Alumnos e alumnas de 2º ESO escolleron a "Escena 11" de  Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño.




 E para rematar con Vidal Bolaño, o alumnado de 1º ESO representou "Sebastián Rilo e o porco", tamén da obra Criaturas:




A continuación, a alumna de 2ºESO Nerea Sastre amenizou a espera antes do Xogo de preguntas sobre Roberto Vidal Bolaño cunhas pezas musicais:





No Xogo de preguntas sobre os carteis anunciadores de Roberto Vidal Bolaño participou toda a ESO con dous representantes por curso. Os gañadores foron os de 3º ESO.


E rematamos o festival coa actuación do coro, coa profesora Marosa Vázquez á cabeza, cantando en honor de Rosalía de Castro polo 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, a canción Has de cantar, meniña gaiteira.
 


Deste xeito acabamos os festexos de remate do curso 2012-13.
Pasade bo verán e non deixedes de ler e usar a lingua!!!

3 jun 2013

Conferencia de Marcos Calveiro

O día 22 de maio, o escritor Marcos Calveiro veu ao noso instituto para charlar co alumnado de 1ºESO da súa novela Palabras de auga, que foi lectura obrigatoria neste curso na 3ª avaliación.


Contounos a orixe da novela, a localización da súa tribo imaxinaria, falounos dos problemas en África coa seca, a queima da sabana para poder cultivar; da extracción do coltan -as pedras negras da novela- e que provoca a explotación dos nenos escravos nas minas. 

Ao final os rapaces fixéronlle preguntas sobre a historia de Amadou, Numba, Jala e Ngugi, os protagonistas da novela.





29 may 2013

Dobramos ao galego unha curtametraxe de Tim Burton

O club de lectura do instituto As 4 esquinas do Quinto realizou unha dobraxe adaptada ao galego dunha curtametraxe de Tim Burton,Vincent, como presente para celebrar o Día das Letras Galegas.

Segundo poñen no seu blogue, "é unha curta que fala da influencia da literatura na vida: Vincent Malloy, coma un moderno Quixote, le tanto que remata por non diferenciar moi ben as súas fantasías da realidade. Só que el non le libros de cabalería; non, el é un fervente afeizoado ás terroríficas historias de Edgard Allan Poe, algunhas das cales foron interpretadas no cine por un actor chamado Vincent Price".

O EDLG participou na tradución adaptada. Velaquí o resultado, digno de atención pola vosa parte:




Vincent en galego from AA on Vimeo.

27 may 2013

Concurso de marcapáxinas 2013

O marcapáxinas gañador deste ano é o que elaborou Jéssica Fernández, de 1º bacharelato A, en honor de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Velaquí o deseño:

Jéssica Fernández

Jéssica Fernández

23 may 2013

Celebración do Día das Letras Galegas 2013 e 150 aniversario de "Cantares gallegos", de Rosalía de Castro


A véspera do Día das Letras Galegas celebramos no instituto un pequeno festival en honor de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano, e de Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos.

O centro engalanouse coma sempre cos carteis do concurso convocado e ao final entregáronse os premios.
Velaquí algúns dos carteis participantes:






O primeiro premio na categoría ESO foi para o cartel de Paula Martínez de 1ª ESO A.



Houbo empate no segundo premio, resultando gañadoras Lara Fernández  e Victoria Bastidas, ámbalas dúas alumnas de 1º ESO A.


 
O terceiro premiado foi Iago González de 1º ESO A.


Na categoría de 4º ESO e bacharelato, o único premio concedido foi para Jessica Fernández de 1º bacharelato:


Velaquí os gañadores:


 
Para celebrar tamén o 150 aniversario de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, alumnado de distintos cursos recitou poemas deste libro. Podedes velos nestes dous vídeos:

I PARTE




II PARTE




Ángela Blanco e Marcos García de 3º ESO colaboran interpretando a canción Lela.





E para rematar, o Coro do instituto, baixo a batuta da profesora Marosa Vázquez, deleitounos cunhas cancións populares. 



Grazas a todos os colaboradores,  participantes e público!

Déixovos aquí a revista Ollos de aula co número de maio dedicado a Vidal Bolaño. 
 

14 may 2013

Letras Galegas 2013: ROBERTO VIDAL BOLAÑO

O autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, do que se celebra o quincuaxésimo aniversario, é o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002)


Roberto Vidal Bolaño

Podedes ver información sobre o autor aquí.
Se queredes datos completos da súa biografía podedes consultar a Real Academia Galega mirando aquí.

O alumnado do CPI Dos Dices (Rois, A Coruña) realizou un  telexornal sobre Roberto Vidal Bolaño con entrevistas e testemuños que nos axudarán a comprender mellor a súa obra. É un traballo excepcional que merece a pena ver. Noraboa ao alumnado e profesorado do devandito centro!






Tamén podedes coñecer máis traballos doutros centros escolares sobre Vidal Bolaño que aparecen recollidos aquí.


Se queredes ver o monólogo de Vidal Bolaño Oración ao Apóstolo gravado na sala Nasa en 1999 picade aquí. Debedes escoitar con atención porque o son é baixiño. Humor non lle falta!


 Tamén este ano celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Deixamos aquí un dos poemas que abren este poemario co que se inicia o Rexurdimento da nosa literatura:


    Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

    Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

    Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta si ríe,
conmove si chora.

    Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

    misterios da tarde,
murmuxos da noite;
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

    Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

    Que así mo mandaron
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.