31 oct 2020

Samaín 2020



E  acercábase a festa do Samaín! Pero sentiamos este curso que non tiñamos o corpo para moitas festas dado como está a situación sanitaria pola COVID-19! Non obstante, tampouco era cuestión de deixar as nosas tradicións abandonadas por moita distancia social e máscara que teñamos que adoptar!
Así que nos puxemos mans á obra e en colaboración co departamento de inglés, que tamén celebra o Halloween,  engalanamos o centro, como de costume, con teas de araña, morcegos, esqueletos e cabazas!

 



O alumnado de 1º ESO non elaborou desta volta fermosos carteis con escenas macabras, pero si debuxou cabazas, vampiros e elaborou uns poucos adornos terroríficos.

Decidiuse premiar a dous deles. Son as elaboracións de Joel e Yerik. O primeiro realizou en madeira un macabro cadaleito ocupado e  o segundo unha araña que mete medo! Parabéns!

Velaquí os premiados e os seus  traballos:


Joel Iglesias de Francisco, de 1º ESO C e o seu cadaleito.







Yerik Gael  Suárez Dacosta, de 1º ESO B






















E isto non foi todo! Falta o máis divertido!
O claustro de profesores do instituto gravou un vídeo coa procesión da Santa Compaña confinada, que nos aconsella gardar a distancia de seguridade e ir en fila polo noso ben ou terémonos que ver coa Estadea!

Grazas a todos pola colaboración!


23 sept 2020

Mediadoras escolares


 

    Que ilusión, que emoción descubrir a representantes do noso grupo de mediación escolar no programa de debate Quién educa a quién da TVE1, tralo visionado do primeiro capítulo da serie HIT, ambientada como sabedes nos fortes conflitos dun ficticio centro de ensino secundario.

As nosas alumnas de 1º Bach. Paula Orbán e Sara Padrón, que pertencen ao grupo de mediación escolar, falaron da necesidade de que haxa este tipo de grupos nos centros escolares para a resolución de conflitos entre iguais, e comentaron a súa experiencia como mediadoras escolares.

    Que boa maneira de comenzar este curso escolar, vendo como os froitos do traballo de tantos van  saíndo á luz!




No twitter de Normalización Lingüística,  @ENDLFerro publicamos tamén esta grata nova:


No programa da tele aparecen a partir de  1:36:56  no programa do 21 de setembro de 2020. Podedes velo aquí.     

Parabéns de novo!          

21 sept 2020

CURSO 2020-21

 


Querida comunidade escolar:

iniciamos un novo curso que é máis novo ca nunca. Despois do dificultoso, triste e imprevisto terceiro trimestre do pasado curso debido ao confinamento pola pandemia da COVID-19, volvemos pisar as aulas do noso querido instituto cheos de esperanzas mais tamén con medos e receos pois os contaxios seguen.

O traballo do equipo directivo para ter todo listo (medidas hixiénicas, cartelería, planificación...) foi inxente, e agora só queda que todos, alumnado e profesorado, arrimemos o ombro e fagamos o que temos que facer: gardar a distancia de seguridade, usar os hidroxeles e poñer as  máscaras. Só así garantiremos un ensino presencial que, durante o confinamento, descubrimos tan importante. Non se pode ensinar se non é  mirando aos ollos, se non é interpretando a comunicación non verbal, se non é revisando libretas, exercicios, sen contacto social. Todo iso botamos en falta. Todos tivemos que botar man da tecnoloxía, e a tecnoloxía falla porque son máquinas programadas. Os humanos improvisamos, os humanos buscamos un plan B, os humanos ralentizamos se cómpre para que todos vaian no tren do saber  sen descolgarse del. As máquinas son implacables.

Con todo, ninguén nega que sexan necesarias. Este curso intentaremos que o factor presencial sexa o dominante, que poidamos, xa que non ver os sorrisos  nas bocas, si as ironías nos ollos.

Un abrazo inmenso -profes, alumnos e alumnas, conserxes, limpadoras- de recibimento a este curso tan atípico!

Begoña.

30 jun 2020

Recomendacións de lecturas de verán (2020)

      

      Xa sei que este verán o que apetece é estar todo o posible ao aire libre, compartindo cos amigos e a familia, rindo, xogando ou mirando coma pasmóns o ceo e as nubes. Foi moito o sufrido, foi moito o encerro polo confinamento que sufrimos pola pandemia da COVD-19. Eu a primeira!

Con todo, isto non é incompatible con estomballarse sobre a herba dun parque, do xardín; sobre  a area da praia... para ler un bo libro!

Por iso recoméndovos algúns, coma sempre. Podedes atopalos nas bibliotecas do voso barrio (e se non os teñen, poden pedilos á biblioteca central ou mesmo mercalos), nas vosas librerías de referencia; pedilos prestados aos amigos...

1º ESO e 2º ESO:

Se che gustan as historias de colegas, misterio e solidariedade, este é o teu libro:

Os camiños do vento (Ed. Xerais), de  Xavier Estévez:


Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas. Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear. Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento. Despois de Avións de papel, os personaxes de Lucas e Sara regresan á literatura cunha nova historia sobre a amizade e sobre todo aquilo que tece os nosos soños.


Se prefires as historias de ciencia ficción e aventuras, podes ler  Conta nove estrelas (Ed. Xerais), de Andrea Maceiras:


Uns pequenos e peludos animais ameazan a Galaxia Oma. Desde o Observatorio Interestelar, os Vixilantes ordenan o exterminio de toda a especie, xa que os bobós, malia o seu adorable aspecto, son seres salvaxes e perigosos. Tan só Quepi, unha estraña nena que vive co seu irmán e o seu avó no planeta Dot, ousa desobedecer o mandato protexendo un bobó tan especial coma ela. Esta arriscada decisión vaina levar a emprender unha incrible aventura xunto co seu irmán Udai, durante a cal desafiarán os límites do universo coñecido. Porque, como diría o avó Acasi, un sol nunca será idéntico a outro sol, pero a súa luz é igual de necesaria. Porque todos provimos dun mesmo, único e primeiro latexo.


Se prefires os xogos cos ditos, referencias literarias e científicas, animais... podes ler:
Ovella descarreirada (Ed. Xerais), de Marilar Aleixandre.


Este libro contén trinta e tres poemas sobre unha ovella descarreirada, un polbo no garaxe, abellas bailando sen descanso a louca danza da ledicia ou fanecas bravas que ollan en fite a balea azul… Poemas insinuados na casca dun ovo, gravados nunha cabaza seca ou nos relevos dunha noz, enrodelados nunha cana de bambú, ganduxados na muda dun lagarto ou, en último caso, caligrafados en papel de arroz. Carecen de maiúsculas e puntos, non sendo outra cousa que coágulos de fala. NÚCLEOS TEMÁTICOS , topónimos, medio ambiente.

Se es dos que elixen a investigación  policial e a intriga, podes ler Corazón de chocolate (Un misterio para Tintimán en Compostela) de Jaureguizar. (Ed. Xerais)



Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.



3º e 4º ESO



Un cómic de aventuras: Aleida, cidade sen alma, de Víctor Boullón (Demo Editorial / Komic Librería).

As súas páxinas lévannos ata a Compostela de finais do século XII, un momento moi interesante da súa historia onde a cidade se asenta mentras o arcebispado compite co de Braga polo predominio no noroeste peninsular. Ata alá chega o construtor e canteiro León xunto coa súa filla Aleida para traballar nas obras de reforma da Catedral, dirixidas polo Mestre Mateo. Mentras levan a cabo os traballos de remodelación acontece un misterioso asasinato no altar maior da mesma Catedral, aterrando á cidade enteira e espertando a curiosidade de Aleida, que non poderá ficar queda e decidirá investigar máis polo miúdo, comezando así unha arriscada aventura coa axuda do clérigo Casto e de Lucas, compañeiro do seu pai.



Se che gustan as novelas que desentrañan casos policiais, podes probar con Berta Mir, detective. O caso do papagaio que falaba de máis (Ed. Galaxia), de Jordi Sierra i Fabra.




Despois de facerse cargo da axencia de detectives de seu pai, paralizado na cama tras un accidente que en realidade fora un intento de asasinato, que Berta Mir resolveu, mergúllase noutro caso, aparentemente sinxelo: buscar un papagaio roubado; pero que se complicará enredándose cunha rede mafiosa de tráfico de animais, un asasinato, unha misteriosa desaparición e o descubrimento das miserias e segredos dunha podente familia industrial barcelonesa. Un novo caso que, xunto co primeiro concerto do seu grupo de rock, os desenganos amorosos e o enfrontamento coa dura realidade cotiá, fai que Berta abandone de golpe a adolescencia e se descubra a si mesma.


Se o teu son as historias de amor, o teu libro pode ser Cartas de amor, de Fran Alonso. (Ed. Xerais)






As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración...E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.



1º e 2º de BACHARELATO.


Para aqueles que lestes nas tertulias literarias o libro O meu nome é ninguén, de Manuel Esteban, recoméndovos o que acaba de saír deste autor: A vinganza dos homes bos (Ed. Xerais). E por suposto, se non lestes o primeiro da saga do policía Carlos Manso, lede: A ira dos mansos.







O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un home, unha vez. Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención.



Se vos gustan as historias onde as cousas non son o que parecen e amades a idiosincrasia da vida nas aldeas, cos seus ruxerruxes e dixomedíxomes, probade a ler Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda (Ed.Galaxia)





E por último, para os fans de Domingo Villar, tendes O último barco (Ed. Galaxia), onde Leo Caldas anda enleado nun novo e apaixonante caso; e para os de Pedro Feijoo, o seu Un lume azul (Ed. Xerais).







26 jun 2020

ERASMUS+


O curso rematou sen poder facer a viaxe a Turquía dentro do programa Erasmus+ debido ao estado de alarma pola COVID-19. Foi unha mágoa!

Con todo, os intregrantes deste programa non  quixeron despedir o curso sen facer a exposición da tarefa final coa visita que realizaron a Polonia e a dos socios turcos e polacos ao noso centro en outubro-novembro.
Por iso vos deixamos aquí as fotos.

Trátase dun libro xigante con fotos das visitas; caixiñas co vestiario tradicional dos tres lugares e monequiñas para vestilas con el; fotos en  álbums que imitaban móbiles e tabletas, debuxos dos lugares monumentais, etc.

Agardamos que o vindeiro curso poidamos seguir con esta formidable experiencia!
Saúdos!

























17 may 2020

Día das Letras Galegas 2020: Ricardo Carballo Calero

A pesar de que as celebracións do Día das Letras Galegas foron aprazadas este ano pola pandemia do coronavirus, nós quixemos facer a nosa anual homenaxe ao autor escollido. 

Este ano o homenaxeado é D. Ricardo Carballo (Carvalho) Calero, e o profesorado do IES Xesús Ferro Couselo, baixo a proposta da profesora de EF Ana Mª López, emitimos unha I edición ou boletín radiofónico de Radio Ponte Sevilla lendo poemas e fragmentos de obras do autor.

Velaquí o resultado, esperamos que sexa do voso agrado como para nós foi implicarnos nesta efeméride!

Moita vida ás Letras Galegas!