Todos os 17 de maio, e para festexar o Día das Letras Galegas, celébrase na vila ourensá de Vilanova dos Infantes a Romaría Etnográfica Raigame. Ese día, a vila na que naceu a nai do poeta Manuel Curros Enríquez e en cuxa lenda da Virxe do Cristal se inspirou para compoñer o seu famoso poema, acolle a multitude de persoas que se acercan para ver como nas súas rúas volven soar cantigas case esquecidas, gaitas e pandeiretas; tamén os oficios tradicionais móstranse aos visitantes: hai zoqueiros, cesteiros, oleiros, teceláns, ferreiros, palilleiras... cada un ensinando os seus trebellos e habilidades. Poderedes mercar obxectos de artesanía: colares e pulseiras de coiro, pendentes de cerámica e mil adornos máis; tamén roupa de liño ou obxectos para o fogar.
Outra actividade interesante é participar en xogos tradicionais como a chave, os zancos, tirar do carro, etc.
E como en toda festa galega, a gastronomía é fundamental: instálanse carpas onde se serven polbo á feira, churrasco, carne ao caldeiro, empanadas, bica, todo tipo de doces... e por suposto bo viño galego. Tamén en moitos baixos das casas e adegas hai instaladas pequenas tascas onde se venden diversas viandas.
Podemos ademais visitar o Centro Comarcal, instalado na torre do castelo, onde se fai unha interpretación das características da zona e, moitas veces, exposicións de artistas.
Animámosvos a que o vindeiro día 17 de maio visitedes esta vila que está ao ladiño mesmo de Celanova. Pasarédelo moi ben! E ademais, desde o pasado 22 de marzo é considerada «Festa de Interese Turístico de Galicia», distinción concedida pola Xunta de Galicia.
E aquí vos deixo o vídeo que montei con fotos da miña asistencia á Romaría outros anos e mesmo pequeniñas escenas que gravei dalgúns traballos artesáns. Agardo que vos guste!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Queremos saber a túa opinión.